InicioCULTURAWOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por...

WOS Festival completa a súa novena edición con 26 proxectos repartidos por nove espazos de Santiago

O festival celebrarase do 11 ao 13 de setembro e concentrará 13 estreas ou presentacións de novos traballos, a metade da súa programación troncal

Publicado o

Xornal de Compostela

O WOS Festival x SON Estrella Galicia pechou a programación principal da súa novena edición, que se desenvolverá do 11 ao 13 de setembro en Santiago de Compostela, cun total de 26 proxectos de música electrónica e experimental. O encontro confirmou tamén os diferentes puntos da cidade polos que se distribuirán os concertos, sesións, propostas audiovisuais e demais actividades durante as tres xornadas.

A nova quenda de incorporacións está formada por Artur M. Puga & Sevi Iko Dømochevsky, Ben Vince, Demdike Stare, Grobas b2b Pumu, HHY & The Kampala Unit, Israa Shalaby, Midori Hirano, Saya, SKY H1 e Tujiko Noriko.

Estes nomes únense aos xa anunciados anteriormente: Ana Roxanne, Blood of Aza, Eerie Enterprise, formado por Piezo e upsammy; gyrofield, JASSS, Jokkoo Collective Intelligence, Juli Deák, Lee Gamble, Mor Elian, Paul Jebanasam, Polygonia, Shackleton, Slikback xunto a maltdisney e Tasya, Space Afrika, Visible Cloaks e Yu Su.

O resultado será un cartel que transitará por ambient, composición electroacústica, música de club, improvisación, performance audiovisual e diferentes fórmulas híbridas, cunha presenza destacada de proxectos que chegarán a Compostela con material ou formatos aínda non presentados no Estado.

MULTITUDE DE ESTREAS E NOVOS TRABALLOS

Segundo os datos facilitados pola organización, 13 dos 26 proxectos da programación troncal, exactamente a metade, ofrecerán en WOS unha estrea en España, a primeira presentación estatal dun novo traballo ou un formato audiovisual de nova creación.

Entre os principais fitos desta edición figura Blood of Aza, que levará a Santiago a estrea mundial dun novo concerto audiovisual. Pola súa banda, Paul Jebanasam presentará por primeira vez en España ‘mātr’, mentres que Slikback, maltdisney e Tasya farán o propio con ‘Friction’.

Tamén terán a súa primeira exhibición estatal os concertos audiovisuais ‘Foundry’, de Yu Su, e ‘Who Owns the Dark?’, de Demdike Stare. A esta relación engádense novas propostas audiovisuais de Space Afrika e Visible Cloaks.

Outros artistas aproveitarán o paso polo festival compostelán para realizar as primeiras presentacións en España dos seus novos traballos. É o caso de Ana Roxanne, Ben Vince, Israa Shalaby, Juli Deák, Midori Hirano, Shackleton, SKY H1 e Tujiko Noriko.

A actuación desta última artista desenvolverase coa colaboración da Fundación Japón Madrid, unha das entidades que participa na edición deste ano.

A distribución por distintos puntos da cidade continuará sendo unha das características do WOS. O festival volverá empregar espazos con funcións e condicións acústicas diferentes para adaptar cada parte do programa ao tipo de proposta artística.

O Teatro Principal reservarase para algunhas das actuacións cun formato máis centrado na escoita, mentres que a Igrexa da Universidade acollerá propostas nas que a acústica do recinto terá un papel específico.

A Fundación Eugenio Granell será outro dos escenarios, cunha programación vinculada ao encontro entre a música e a creación contemporánea. WOS regresará igualmente ás instalacións da Fundación Laboral da Construción, onde as dimensións das naves permitirán instalar directos, sesións e producións audiovisuais de maior formato, ademais de parte da actividade nocturna.

A Sala Capitol volverá funcionar como outro dos principais puntos do festival para os formatos nos que conflúen o directo, a creación audiovisual e a música de club.

O mapa desta novena edición completarase co Parque de Bonaval, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), a Sede Afundación e NUMAX. En total, a programación levará o público por teatros, espazos expositivos, unha igrexa, unha sala de concertos, unha nave industrial, un cinema e zonas abertas da cidade.

Con esta distribución, WOS volve integrar o patrimonio e a arquitectura compostelás na estrutura do festival, de maneira que os asistentes poderán desprazarse ao longo dunha mesma xornada entre espazos cunha configuración e unha función cultural moi diferentes.

OS 26 PROXECTOS DA PROGRAMACIÓN PRINCIPAL

A relación completa de participantes está integrada por Ana Roxanne, con novo traballo presentado por primeira vez en España; Artur M. Puga & Sevi Iko Dømochevsky, cun directo audiovisual; Ben Vince, tamén con novo material; e Blood of Aza, coa estrea mundial do seu novo espectáculo audiovisual.

Completarán o programa Demdike Stare, con ‘Who Owns the Dark?’; Eerie Enterprise, a unión de Piezo e upsammy; Grobas b2b Pumu; gyrofield; HHY & The Kampala Unit; Israa Shalaby; JASSS; Jokkoo Collective, con ‘Organic Intelligence’; Juli Deák; Lee Gamble; Midori Hirano; Mor Elian; Paul Jebanasam, con ‘mātr’; Polygonia; Saya; Shackleton e SKY H1.

Tamén actuarán Slikback feat. maltdisney & Tasya con ‘Friction’, Space Afrika, Tujiko Noriko, Visible Cloaks e Yu Su, que presentará ‘Foundry’.

O cartel combina actuacións en directo, sesións de DJ e espectáculos audiovisuais, ademais das propostas que mesturan varios destes formatos.

O ABONOS DE FIN DE SEMANA PERMANECEN Á VENDA

Os Weekend Pass continúan dispoñibles a través da páxina oficial do festival e nas plataformas Ingresse e Ataquilla. Os abonos permiten entrar no conxunto da programación e ofrecen acceso prioritario aos recintos con capacidade limitada ata 15 minutos antes do inicio de cada actuación.

As entradas para días concretos aínda non están dispoñibles e, segundo avanzou a organización, anunciaranse proximamente.

WOS Festival x SON Estrella Galicia articula cada edición arredor da música, as artes visuais, o cinema, as artes escénicas e os formatos inmersivos. O evento recibiu ao longo da súa traxectoria recoñecementos nos European Festival Awards e nos Iberian Festival Awards.

A novena edición conta con SON Estrella Galicia como patrocinador principal e co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia dentro de Concertos do Xacobeo; a Deputación da Coruña; o Concello de Santiago; o Ministerio de Cultura; Acción Cultural Española, mediante o Programa para a Internacionalización da Cultura Española, e a Fundación Japón Madrid.

ÚLTIMAS

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O persoal de limpeza e conserxaría de Santiago suspende a folga tras lograr avances con Lacera

A CIG informa de que o persoal de limpeza e conserxaría dos colexios e...

Santiago activa medidas de aforro de auga ante o risco dunha vertedura de xurro no Tambre

O Concello de Santiago mantén baixo seguimento a posible chegada ao río Tambre dunha...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

Aberto26 abrirá a tempada da arte contemporánea con exposicións simultáneas en nove galerías galegas

A cuarta edición de 'Aberto' celebrarase do 17 ao 19 de setembro cun programa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here