A comunidade Fotowalk Galicia reuniu o pasado domingo 22 de marzo en Santiago de Compostela a arredor de cincuenta persoas nunha nova quedada fotográfica que combinou percorridos pola cidade e formación práctica. A actividade, desenvolvida entre a Cidade da Cultura e o casco histórico, estivo guiada polo fotógrafo Borja Dicha, quen aproveitou a xornada para compartir co grupo a súa forma de entender a fotografía.
Ao longo do encontro, Dicha non só acompañou ás persoas participantes na toma de imaxes, senón que tamén introduciu reflexións sobre o acto de fotografar e a relación coa cidade. Segundo explicou, a percepción habitual de Santiago cambia cando se observa a través dunha cámara: “Santiago de Compostela non cambia. Ou iso é o que pensamos”. Porén, engadiu que é a mirada a que se transforma: “Cando colocas unha cámara diante dos ollos, algo rompe”.

Na súa intervención, o fotógrafo describiu a práctica fotográfica como un exercicio de interpretación máis que de reprodución fiel da realidade. “Pensamos que a fotografía captura a realidade. Pero en Santiago a fotografía máis ben a interpreta”, sinalou, incidindo en que elementos como a neboa, a chuvia ou a pedra funcionan como recursos expresivos: “Non son obstáculos, son materia prima narrativa”.
Esta idea estivo presente durante os dous percorridos realizados ao longo da xornada. Pola mañá, o grupo traballou na Cidade da Cultura, explorando as posibilidades que ofrecen os volumes arquitectónicos e as vistas desde o monte Gaiás. Pola tarde, tras un pequeno obradoiro de edición na praza de Salvador Parga, a actividade trasladouse ao centro histórico, rematando na praza do Obradoiro.

Dicha fixo fincapé tamén no papel da luz como elemento central da fotografía en Compostela. “A luz de Santiago non ilumina, suxire”, afirmou, describindo unha iluminación cambiante que “é capaz de cambiar unha escena en segundos” e que obriga a tomar decisións constantes durante o proceso fotográfico.
Neste sentido, destacou que fotografar implica escoller e, por tanto, construír unha determinada visión da realidade: “A cámara obriga a escoller. E ao escoller estás cambiando a cidade”. Para o fotógrafo, cada imaxe responde a unha decisión que define que queda dentro e fóra do encadre, abrindo a posibilidade de mostrar unha Santiago “monumental, limpa, perfecta” ou unha máis “humana, caótica”.
Durante a actividade, as persoas asistentes puxeron en práctica estas ideas a través de diferentes enfoques, desde planos xerais ata composicións centradas en detalles. Segundo indicou Dicha, ambas aproximacións son válidas nunha cidade que permite combinar “minimalismo e maximalismo no mesmo espazo”.
Ademais do contido técnico e creativo, o fotógrafo subliñou a importancia do compoñente colectivo da iniciativa. “O que máis atención me chamou foi que vin caras novas”, destacou, valorando a incorporación de novas persoas á comunidade. Neste contexto, defendeu a necesidade de facilitar o acceso á fotografía: “Democratizar a fotografía é algo moi importante”, afirmou, lembrando que el mesmo comezou utilizando un teléfono móbil.
A quedada en Santiago forma parte dunha serie de encontros organizados por Fotowalk Galicia en diferentes puntos do territorio, co obxectivo de combinar formación, práctica e creación de comunidade arredor da fotografía. A organización prevé continuar con novas citas en localidades como Ourense ou Arzúa, ampliando así unha rede que, segundo Dicha, responde a unha demanda crecente: “A xente quere isto”.

