A XX Campaña Municipal de Animación á Lectura ‘Ler para Crecer’, organizada polo Concello de Santiago, rematou esta semana tras reunir máis de 2.800 participantes nas diferentes actividades programadas para fomentar o contacto coa lectura entre o público infantil.
A última sesión tivo lugar o xoves cunha actividade de contos e música dirixida ao alumnado, na que participaron estudantes dos colexios Raíña Fabiola, Quiroga Palacios, Monte dos Postes e Nosa Señora dos Remedios, que tamén realizaron unha visita guiada á exposición vinculada á campaña.
O programa desenvolveuse entre o 9 de febreiro e o 12 de marzo e contou coa implicación de 28 centros educativos, cun total de 2.855 participantes, aos que se suman as persoas que visitaron a exposición de maneira libre durante o horario de tarde.
Nas actividades dirixidas ao alumnado en horario lectivo celebráronse 42 sesións de contacontos e visitas guiadas á exposición, ademais de obradoiros de ilustración e de escrita creativa. Estas propostas contaron coa participación de 2.261 escolares e 110 docentes.
Entre os centros participantes atopábanse once colexios públicos de educación infantil e primaria (CEIP): Monte dos Postes, Lamas de Abade, López Ferreiro, Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, Roxos, Plurilingüe de Vite, Pío XII, Raíña Fabiola, Cardeal Quiroga Palacios e Arquitecto Casas Novoa.
Tamén se sumaron oito centros privados concertados (CPR) —Vilas Alborada, Plurilingüe La Inmaculada, La Salle, Juventud, Compañía de María, Raiola, Divino Maestro e Nuestra Señora de los Remedios— e nove centros de educación infantil, entre eles Dolores Ramos, San Roque, Agasalle, Rial, O Gaioso, Bispo Teodomiro e as escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños.
A campaña incluíu tamén dúas sesións formativas dirixidas ao profesorado, nas que participaron 174 docentes, co obxectivo de ofrecer ferramentas para traballar a lectura e a creación literaria nas aulas.
Ademais, ao longo de cinco sábados celebráronse actividades abertas ás familias, que reuniron 310 asistentes. Entre as propostas destacaron sesións para bebés, contos acompañados de música e unha sesión especial con interpretación en linguaxe de signos.
A estas cifras súmanse as persoas que visitaron a exposición relacionada coa campaña de maneira libre durante o horario de tarde.
A campaña ‘Ler para Crecer’, organizada polo Concello de Santiago en colaboración con Kalandraka e Afundación, iniciou a súa andaina no ano 2001 co propósito de achegar a lectura, a ilustración e a escrita ás nenas e nenos nun contexto participativo e motivador.
O programa busca favorecer a escoita e a creatividade do público infantil, ao tempo que pon en valor as creacións literarias, plásticas e musicais e promove unha actitude crítica e selectiva diante das lecturas. Ademais, presta atención á tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.

