InicioCULTURAO IES de Sar clausura a III Semana das Artes e das...

O IES de Sar clausura a III Semana das Artes e das Ciencias cun programa que combina ciencia, cultura e pensamento crítico

O centro compostelán desenvolveu durante catro xornadas un amplo calendario de obradoiros, conferencias e actividades culturais coa participación de profesionais de distintos ámbitos

Publicado o

Xornal de Compostela

O IES de Sar puxo este xoves o punto final á III edición da Semana das Artes e das Ciencias, unha iniciativa educativa que durante catro días reuniu no centro compostelán a profesionais de distintos ámbitos para compartir co alumnado experiencias vinculadas coa creación artística, a investigación científica e o pensamento humanístico. A programación desenvolveuse baixo o lema “seguir a sementar soños” e incluíu obradoiros, conferencias, encontros e saídas culturais.

A semana comezou o luns cunha intensa xornada de actividades dentro e fóra do instituto. O alumnado de 2º de Bacharelato asistiu no cinema Numax á proxección do filme Karl Marx de mozo, mentres que estudantes de 1º da ESO se desprazaron ao Auditorio de Galicia para asistir ao espectáculo musical ‘Farra’. No propio centro desenvolvéronse tamén varios encontros con profesionais convidados. O fotoxornalista Óscar Corral compartiu coa comunidade educativa a súa experiencia no ámbito da fotografía, deténdose no valor expresivo e plástico desta disciplina. Ademais, as antigas alumnas Sandra Zarco e Candela Martínez relataron o seu percorrido no mundo da escena, o ilustrador Marcos Calo (Dibumac) presentou o seu traballo vinculado ao ámbito dos videoxogos e o actor Diego Anido falou do seu itinerario profesional nas artes escénicas.

A programación continuou o martes cunha xornada centrada na diversidade de contidos. O investigador Miguel González impartiu unha charla dedicada ás chamadas tesoiras moleculares, mentres que a xornalista e investigadora Montse Fajardo Pérez abordou a represión sufrida polas mulleres durante a ditadura franquista. Pola súa banda, a ilustradora Rosalía Morlán propuxo unha reflexión arredor da arte e da ilustración como linguaxes interconectadas. A xornada concluíu cun obradoiro de blues dirixido polo músico Adrián Costa, no que participou o alumnado e parte da comunidade educativa.

O terceiro día, celebrado o mércores, contou coa intervención do poeta Baldo Ramos, que compartiu co alumnado unha análise da poesía galega contemporánea desde a perspectiva da creación actual. A programación completouse cun taller titulado ‘Navegando a cegas’, impartido por Nacho Alemparte, de Fundoro, centrado na investigación histórica sobre os métodos para calcular a lonxitude no mar. Este proxecto foi recoñecido co primeiro premio no certame ‘Ciencia en Acción’, celebrado na localidade de Onda (Castellón).

As actividades concluíron este xoves cunha nova saída ao cinema Numax para asistir á proxección do filme A miña ilustrísima amiga. Posteriormente, o profesor da Universidade de Santiago de Compostela Francisco López González ofreceu a conferencia titulada ‘Leonardo e a representación gráfica das súas ideas’. A programación rematou cun obradoiro de escrita impartido por Miguel Giadás, especialista en historiografía medieval hispánica.

A vicedirectora do centro, Ana María Álvarez Chamosa, explicou que “a iniciativa ten como obxectivo principal fomentar o espírito crítico, animando o alumnado a formular preguntas, analizar a realidade desde diferentes perspectivas e comprender a relación entre a creación artística e o pensamento científico e humanístico”.

Álvarez Chamosa tamén subliñou que “este tipo de encontros contribúe ao desenvolvemento persoal e académico, favorece a curiosidade, a capacidade de expresión, o traballo colaborativo e a toma de decisións conscientes sobre o futuro”.

ÚLTIMAS

A protesta do téxtil trasládase a Santiago e acampan fronte á Confederación de Empresarios

A acampada de representantes de traballadoras e traballadores do sector téxtil contra o convenio...

Santiago probará un sistema dixital para axilizar as bolsas de comedor escolar

O Concello de Santiago e o grupo de investigación Armela da USC colaborarán no...

Goretti Sanmartín e Pedro Blanco apelan á colaboración co empresariado galego na asemblea da CEG

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro...

Borja Verea propón crear unha ‘Casa das Familias’ municipal para ofrecer apoio emocional e orientación en Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, anunciou este martes a proposta da...

‘La península de las casas vacías’ e ‘A noite das cebolas’ gañan ex aequo o Premio de Novela Europea do Casino de Santiago

A novela La península de las casas vacías, publicada por Editorial Siruela e asinada...

Francisco Narla reconstrúe en ‘Suseia’ a vida descoñecida do Mestre Mateo

O escritor Francisco Narla regresa á historia de Santiago de Compostela coa publicación de...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here