A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou este martes a segunda parte da tempada da Banda Municipal de Música de Santiago, baixo o lema ‘Escoita, sinte e desfruta’, que se desenvolverá entre o 18 de xaneiro e o 10 de maio con doce concertos repartidos entre o Teatro Principal e o Auditorio de Galicia.
Durante a presentación, Louzao anunciou a reincorporación de David Fiúza como director da banda, agradecendo tanto o seu regreso como o traballo desenvolvido no último ano por Casiano Mourinho, quen continuará como subdirector e saxofonista. Segundo indicou, trátase dunha programación que combina repertorio contemporáneo, creación galega e colaboracións con distintas institucións musicais do país.
O ciclo arrincará este domingo 18 de xaneiro co concerto Galaecia XXI, centrado na música galega actual para banda. Neste programa terá lugar a estrea absoluta das obras gañadoras do Concurso Galego de Composición da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Metamorfose sinfónica, de Sergio Rodríguez, e Sons da terra, de Óscar Musso, no marco da colaboración estable coa Federación.
Ao longo da tempada están previstas seis estreas e un total de catorce obras de autoría galega, unha aposta que Louzao definiu como clave para contribuír á construción dun repertorio propio contemporáneo. “Somos un pobo de creadores e creadoras, e é importante que a banda participe nesa construción”, sinalou.
Pola súa banda, o director David Fiúza destacou o peso do talento galego na programación, tanto no ámbito da composición como da interpretación. O ciclo contará con solistas galegos, entre eles Rosa Cedrón, que interpretará as Seis baladas galegas de Xoán Montes; Iria Perezantelo, marimbista formada no Conservatorio Profesional de Santiago, e músicos da propia banda municipal. Tamén participará Adrián Silva Magdalena como solista de pícolo nun concerto cunha obra composta expresamente para el por José Bugallo.
A programación inclúe ademais colaboracións coa Banda Sinfónica Galega, co Conservatorio Profesional de Música de Santiago, concertos didácticos e familiares, e a integración da banda por primeira vez no ciclo de lugares e órganos, cun repertorio inspirado nos rexistros do órgano interpretado pola formación de vento.
Un dos concertos destacados será Impetuosamente inspiradoras, no Auditorio de Galicia, arredor de tres creadoras galegas de diferentes disciplinas. Neste programa confluirán música e artes plásticas cunha reinterpretación galega de Cadros dunha exposición, xunto coa estrea dunha obra inspirada na lenda da Maruxaina.
A tempada completarase cunha nova edición do concurso de dirección, que nesta ocasión incorporará obras de estrea para que as persoas participantes traballen directamente con compositores vivos. Segundo explicou Fiúza, trátase de favorecer a experiencia profesional e o contacto directo coa creación contemporánea.
Os concertos serán de balde, con retirada previa de convites. Segundo os datos facilitados durante a rolda de prensa, o concerto inaugural conta xa cunha ocupación próxima ao 80%.

