InicioCULTURAO Ateneo de Santiago pon en marcha un ciclo de cine galego...

O Ateneo de Santiago pon en marcha un ciclo de cine galego con encontros semanais con creadoras e creadores

O programa ‘Cinema galego do século XXI’ arrinca o 13 de xaneiro na Rúa do Vilar e inclúe proxeccións comentadas e coloquios con profesionais do audiovisual

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

O Ateneo de Santiago iniciará o vindeiro martes 13 de xaneiro un novo ciclo de cine galego que se desenvolverá en Afundación (Rúa do Vilar, 19), con sesións semanais todos os martes ás 19:00. A proposta, titulada ‘Cinema galego do século XXI’, combina a proxección de filmes recentes cunha presentación inicial e un coloquio posterior, nos que participarán persoas directamente vencelladas ás obras programadas.

O ciclo abrirase coa exhibición de Ons, que contará coa presenza do seu director, Alfonso Zarauza. A programación continuará o 20 de xaneiro con Arima, coa participación da actriz protagonista Melania Cruz, e o 27 de xaneiro con La isla de las mentiras, presentada pola súa directora, Paula Cons. Xa en febreiro, o martes 3 proxectarase Mimosas, cun coloquio conducido por Iván Villarmea, profesor de Historia do Cine na USC, que tamén introducirá a sesión antes do pase.

A programación continuará o 10 de febreiro con O corpo aberto, acompañada pola súa directora Ánxeles Huerta, e o 24 de febreiro con Matria, que contará coa presenza do seu director Álvaro Gago, responsables igualmente das presentacións previas ás proxeccións. O ciclo pecharase cunha sesión especial, en colaboración coa Fundación Carlos Velo, dedicada ás películas Raíces e La tierra del chicle, ambas de Carlos Velo, que serán presentadas por Xosé Ramón Pousa.

Na rolda de prensa de presentación, o vicepresidente do Ateneo, José Manuel González Herrán, explicou que a entidade leva máis dunha década desenvolvendo actividades vencelladas ao cinema, con ciclos e iniciativas diversas, e que nos últimos anos se consolidou un cineclub estable. Segundo sinalou, a experiencia dun ciclo o ano pasado dedicado ao cine galego recente revelou unha elevada resposta do público, o que motivou a continuidade da proposta e o traslado das sesións a un espazo con maior capacidade.

González Herrán destacou tamén que, nesta edición, un grupo de persoas socias do Ateneo participou na selección dos títulos, tras analizar máis de dúas ducias de películas producidas nos últimos anos, o que permite contar cunha base ampla para futuras programacións. Subliñou, ademais, a implicación de directoras, directores, intérpretes e especialistas, que contribúen a enriquecer as sesións co seu diálogo directo co público.

Pola súa banda, o directivo do Ateneo Antón Porteiro salientou que o ciclo permite recuperar o formato do cinefórum, facilitando a revisión colectiva de filmes recentes e favorecendo o intercambio de impresións entre creadoras e espectadores. Desde a organización apuntan que a asistencia rexistrada nas últimas edicións amosa un interese crecente polo cine galego, ata o punto de que algunhas persoas decidiron incorporarse como socias do Ateneo tras participar nas actividades do cineclub.

ÚLTIMAS

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

Convocan unha mobilización en Santiago contra o colapso sanitario: “Ou nos mobilizamos ou a sanidade seguirá destruída”

A Plataforma SOS Sanidade Pública convocou unha concentración para o domingo 1 de febreiro...

O Concello de Santiago adxudica a Eulen o contrato de dinamización da rede de centros socioculturais

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou a adxudicación do contrato de...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here