InicioCULTURAAsí será a Cabalgata de Reis de Compostela: Cinco carrozas, 300 participantes...

Así será a Cabalgata de Reis de Compostela: Cinco carrozas, 300 participantes e novidades de seguridade

A comitiva, inspirada na boa estrela e nas danzas de reis, percorrerá o centro da cidade con tramos adaptados e sen son, e repartirá 1.500 quilos de caramelos brandos e sen glute

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, presentou este venres os detalles da cabalgata de Reis que percorrerá a cidade de Santiago na tarde do 5 de xaneiro, cun dispositivo no que participarán arredor de 300 persoas e que contará con cinco carrozas. Segundo explicou, as súas Maxestades de Oriente levan semanas en contacto co Concello para ultimar unha chegada que manterá elementos xa consolidados e incorporará novidades pensadas para mellorar a experiencia e a seguridade.

A edición deste ano xirará arredor de dous eixos simbólicos: a boa estrela, que volverá abrir o desfile, e as danzas de reis, un elemento tradicional da cultura galega que se integra como motivo central da cabalgata de 2026. A concelleira indicou que esta combinación responde ao interese dos Reis Magos por manter sinais recoñecibles do Nadal compostelán e, ao tempo, introducir contidos vinculados á tradición.

No que respecta á participación infantil, Lueiro confirmou que o prazo de inscrición xa está pechado e que os sorteos permitiron configurar unha comitiva na que nenos e nenas da cidade acompañarán aos Reis durante todo o percorrido. En total, o desfile estará composto pola carroza da boa estrela, a carroza real e as tres carrozas correspondentes a Melchor, Gaspar e Baltasar.

Entre as novidades técnicas, o Concello solicitou aos talleres encargados das carrozas que incorporen cubertas protectoras, co obxectivo de evitar as incidencias provocadas pola choiva na edición anterior. Xunto ás carrozas desfilarán propostas de música, danza, acrobacias e cor, cun equipo formado por 60 artistas profesionais, 36 heraldos e 12 paxes, ademais da colaboración de colectivos da cidade como a Asociación Ruliña, a Escola de Danza Mandala e a Asociación Trella.

Durante o percorrido repartiranse 1.500 quilos de caramelos, todos eles sen glute e, como novidade, brandos. Por razóns de seguridade, a distribución realizarase unicamente dende as carrozas.

A xornada comezará pola mañá coa chegada dos Reis Magos ao aeroporto Rosalía de Castro, dende onde se desprazarán ao Espazo Cultural Rosalía de Castro para recibir á rapazada ás 12:00 e recoller as últimas cartas. Pola tarde, a comitiva iniciarase na Praza da Mercé arredor das 17:15, para comezar o desfile ás 17:30 cara á Praza do Obradoiro.

O itinerario incluirá a Avenida de Ferrol, Romero Donallo, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, rúa do Hórreo, Praza de Galicia, Porta Faxeira e rúa do Vilar, ata a chegada ao Obradoiro, onde está prevista a recepción institucional ás 19:00 no Pazo de Raxoi.

A organización habilitará un tramo sen son na Avenida de Ferrol, entre os cruces de José Ángel Valente e Doutor Maceira, así como un espazo adaptado para cadeiras de rodas no inicio da mesma avenida. Para facer máis levadeira a espera da recepción oficial, o Concello programou un concerto de Gramola Gominola e a tradicional chocolatada na Praza do Obradoiro.

Durante estas semanas tamén permanecen activas diversas caixas de correo reais en equipamentos municipais, centros socioculturais e centros educativos, co obxectivo de facilitar que a infancia compostelá poida facer chegar as súas cartas aos Reis Magos. A concelleira avanzou que a cabalgata gardará “algunha sorpresa” que se desvelará o propio día do desfile.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Santiago presenta unha nova edición da Festa da Uña con 27 restaurantes participantes e actividades gastronómicas en San Lázaro

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou este luns unha nova edición...

O Concello abre o prazo para presentar obras ao Premio Xohana Torres 2026 ata o 30 de decembro

O Concello de Santiago abrirá este luns 9 de marzo o prazo para presentar candidaturas...

A USC abre o prazo de inscrición nunha microcredencial sobre profesionalización do xogo no ámbito socioeducativo

A Universidade de Santiago de Compostela abriu o prazo de inscrición na Microcredencial Universitaria en...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here