InicioCULTURAOs Bolechas achegan a esclerose múltiple á infancia nunha xornada educativa en...

Os Bolechas achegan a esclerose múltiple á infancia nunha xornada educativa en Santiago

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes foi escenario da presentación dun libro promovido por FEGADEM para fomentar a inclusión e a información desde a infancia

Publicado o

Xornal de Compostela

O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes acolleu este sábado a presentación do libro Os Bolechas. A profesora Celia ten Esclerose Múltiple, unha iniciativa impulsada pola Federación Galega de Esclerose Múltiple (FEGADEM) coa que se pretende promover unha sociedade máis informada e inclusiva desde idades temperás. O acto desenvolveuse no marco da programación de Nadal da ludoteca municipal e estivo dirixido a nenos e nenas, así como ás súas familias.

A xornada consistiu nun encontro matinal no que a rapazada tivo a oportunidade de conversar directamente con persoas con esclerose múltiple, resolvendo dúbidas e achegándose á realidade da enfermidade a través do diálogo. A actividade pechouse cun xogo participativo orientado a explicar como pequenos xestos cotiáns poden contribuír a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas.

Na presentación participaron a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a concelleira de Educación, Míriam Louzao, outros membros da corporación municipal e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón. Durante a súa intervención, a rexedora compostelá saudou ás persoas asistentes, entre elas usuarias e usuarios da ludoteca, e destacou a necesidade de avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva. “Sempre temos que traballar pola inclusión”, afirmou, facendo fincapé na importancia de respectar os ritmos das persoas e de actuar con atención no día a día.

Desde FEGADEM, a coordinadora da entidade, Aldara López, subliñou o valor da publicación como ferramenta educativa. Segundo explicou, co libro preténdese transmitir que a esclerose múltiple “forma parte da vida dalgunhas persoas, pero iso non lles impide desfrutar do seu día a día nin ter que deixar de facer certas cousas”.

Pola súa banda, a presidenta da federación, Teresa González, apelou á necesidade de facer visible esta doenza desde as primeiras etapas educativas. Sinalou que a esclerose múltiple “é unha realidade que pode resultar algo complicada de comprender”, motivo polo cal naceu esta iniciativa, coa que FEGADEM busca “construír unha sociedade máis comprometida” a través da información desde a infancia.

A esclerose múltiple é unha enfermidade crónica, neurodexenerativa e autoinmune que afecta ao sistema nervioso central. Coñécese como a doenza das mil caras debido á diversidade dos seus síntomas, que varían segundo a persoa e o momento. En España estímase que afecta a unhas 68.000 persoas, mentres que en Galicia a cifra ascende a arredor de 4.500, o que sitúa á comunidade entre as de maior prevalencia. Existen distintos tipos da enfermidade e resulta fundamental o acompañamento e os tratamentos recomendados polo persoal sanitario e rehabilitador.

FEGADEM agrupa as cinco asociacións galegas de esclerose múltiple: ACEM na Coruña, ACEM en Santiago, ALUCEM en Lugo, AODEMPER en Ourense e AVEMPO en Vigo. A través destas entidades ofrécense tratamentos rehabilitadores, así como servizos de acompañamento, información, asesoramento e asistencia xurídica, entre outros.

O libro Os Bolechas. A profesora Celia ten Esclerose Múltiple estará dispoñible proximamente en escolas e bibliotecas galegas. Os centros interesados en incorporalo poden contactar con FEGADEM a través da súa páxina web.

ÚLTIMAS

Investigado por asasinato o detido logo dun atropelo intencionado en Ames no que a vítima faleceu

A Garda Civil investiga por un delito de asasinato ao detido este mércores por...

Borja Verea promete reducir a menos de 20 días o pagamento aos provedores do Concello de Santiago

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, comprometeuse a situar o período...

Pedro Blanco destaca o Xacobeo 2027 como unha “oportunidade para proxectar Galicia no mundo

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, destacou o Xacobeo 2027 como unha...

Nove vivendas municipais para a rúa da Caramoniña froito da rehabilitación e a obra nova

O proxecto de vivendas de aluguer accesible da rúa da Caramoniña, en Santiago de...

Novo “museo da arte urbana” nunhas galerías comerciais de Santiago

Oito novos murais, creados por artistas referentes de Galicia, transformaron unhas galerías comerciais de...

Música blues, soul, jazz ou rock encherá as rúas de Compostela este agosto no festival ‘Feito a man’

O festival "Feito a man" 2026 encherá de música e actividades gratuítas as rúas...

O destino definitivo das estatuas de Abraham e Isaac será o Museo do Pobo

O Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela foi o lugar elixido para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here