InicioCULTURAO Santiago (é)Tapas volve en febreiro con novas categorías e unha campaña...

O Santiago (é)Tapas volve en febreiro con novas categorías e unha campaña de 65.000 manteliños promocionais

A edición 2026 celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo e busca consolidar o impacto do concurso na tempada baixa

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou esta mañá a campaña de Nadal vinculada ao Santiago (é)Tapas 2026, acompañada pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e pola deputada provincial de Cultura, Natividade González. O concurso celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo, mantendo o calendario implantado hai dúas edicións, un cambio que, segundo lembrou Louzao, “permitiu acadar 30.000 tapas consumidas en tempada baixa” este ano.

A concelleira insistiu en que o certame “está plenamente consolidado” tras dezaseis edicións e forma xa parte da planificación anual de locais e público. Tamén destacou o papel das empresas colaboradoras, entre elas Hijos de Rivera, Café Dromedario, o Mercado de Abastos, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a Asociación de Persoas Celíacas de Galicia e o Centro de FP de Compostela, ás que agradeceu a súa implicación. A edil subliñou que a gastronomía continúa a ser un elemento clave para a desestacionalización: “amosa a nosa cultura e aporta un valor engadido fundamental”.

Na súa intervención, Natividade González sinalou que o encontro gastronómico “pon en valor a creatividade dos establecementos composteláns” e lembrou que o tapeo “é un exercicio de liberdade, de escolla e de convivencia”. Afirmou que Compostela é “un destino gastronómico de referencia, dinámico e de calidade”, polo que a Deputación mantén o apoio ao concurso a través da área de Turismo.

TRES CATEGORÍAS PRINCIPAIS E CINCO ADICIONAIS

A xerente Flavia Ramil detallou as principais novidades da edición 2026, que reorganiza o sistema de premios en tres categorías principais —tradicional, creativa e doce— e cinco adicionais:
• Mellor maridaxe con cervexa
• Mellor maridaxe con viño
• Mellor tapa sen glute
• Mellor tapa vexetariana ou vegana
• Mellor tapa con produto con DOP, IXP, produción ecolóxica ou artesanía alimentaria

As tapas só poderán optar a un galardón principal, aínda que poderán recibir un adicional. Ramil avanzou que nesta edición se incorporan criterios técnicos máis concretos, como o límite de peso: 90 gramos para a categoría tradicional e 75 gramos para as demais.

Ademais, a Deputación da Coruña dará nome ao Premio á Mellor Tapa Creativa, que representará Santiago no concurso Tapas por Galicia, mentres que o premio á mellor proposta tradicional pasa a denominarse Premio Compostela Gastronómica.

65.000 MANTELIÑOS PARA DIFUNDIR O CONCURSO E INSCRICIÓN ABERTA ATÉ O 7 DE XANEIRO

A campaña de promoción inclúe a distribución de 65.000 manteliños en establecementos de restauración da cidade, co obxectivo de reforzar a visibilidade do certame tanto entre o sector como entre a clientela. Os locais interesados poden inscribirse ata o 7 de xaneiro a través do formulario dispoñible en santiagoetapas.gal.

Ramil lembrou que febreiro segue a ser un dos meses de menor ocupación turística na cidade, polo que o concurso continúa a ser “un elemento clave para dinamizar Compostela en tempada baixa”, un aspecto que tamén subliñou Louzao: “queremos que quen nos visita coñeza a cidade en profundidade e que a cidadanía se anime a descubrir novos locais, incluída a Cidade Vella”.

A concelleira destacou ademais o impacto da ruta específica para persoas celíacas, que atrae visitantes doutras zonas do país: “seguimos a ser o único concurso que mantén unha ruta exclusiva”.

ÚLTIMAS

Publicada no BOE a declaración de Santiago como zona de vivenda tensionada, que entra en vigor o xoves

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a declaración de zona de mercado residencial...

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santalices exercerá por cuarta vez como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo

A Catedral de Santiago acollerá este sábado, 25 de xullo, a tradicional Ofrenda Nacional...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here