A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou esta mañá a campaña de Nadal vinculada ao Santiago (é)Tapas 2026, acompañada pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, e pola deputada provincial de Cultura, Natividade González. O concurso celebrarase do 19 de febreiro ao 8 de marzo, mantendo o calendario implantado hai dúas edicións, un cambio que, segundo lembrou Louzao, “permitiu acadar 30.000 tapas consumidas en tempada baixa” este ano.
A concelleira insistiu en que o certame “está plenamente consolidado” tras dezaseis edicións e forma xa parte da planificación anual de locais e público. Tamén destacou o papel das empresas colaboradoras, entre elas Hijos de Rivera, Café Dromedario, o Mercado de Abastos, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a Asociación de Persoas Celíacas de Galicia e o Centro de FP de Compostela, ás que agradeceu a súa implicación. A edil subliñou que a gastronomía continúa a ser un elemento clave para a desestacionalización: “amosa a nosa cultura e aporta un valor engadido fundamental”.
Na súa intervención, Natividade González sinalou que o encontro gastronómico “pon en valor a creatividade dos establecementos composteláns” e lembrou que o tapeo “é un exercicio de liberdade, de escolla e de convivencia”. Afirmou que Compostela é “un destino gastronómico de referencia, dinámico e de calidade”, polo que a Deputación mantén o apoio ao concurso a través da área de Turismo.
TRES CATEGORÍAS PRINCIPAIS E CINCO ADICIONAIS
A xerente Flavia Ramil detallou as principais novidades da edición 2026, que reorganiza o sistema de premios en tres categorías principais —tradicional, creativa e doce— e cinco adicionais:
• Mellor maridaxe con cervexa
• Mellor maridaxe con viño
• Mellor tapa sen glute
• Mellor tapa vexetariana ou vegana
• Mellor tapa con produto con DOP, IXP, produción ecolóxica ou artesanía alimentaria
As tapas só poderán optar a un galardón principal, aínda que poderán recibir un adicional. Ramil avanzou que nesta edición se incorporan criterios técnicos máis concretos, como o límite de peso: 90 gramos para a categoría tradicional e 75 gramos para as demais.
Ademais, a Deputación da Coruña dará nome ao Premio á Mellor Tapa Creativa, que representará Santiago no concurso Tapas por Galicia, mentres que o premio á mellor proposta tradicional pasa a denominarse Premio Compostela Gastronómica.
65.000 MANTELIÑOS PARA DIFUNDIR O CONCURSO E INSCRICIÓN ABERTA ATÉ O 7 DE XANEIRO
A campaña de promoción inclúe a distribución de 65.000 manteliños en establecementos de restauración da cidade, co obxectivo de reforzar a visibilidade do certame tanto entre o sector como entre a clientela. Os locais interesados poden inscribirse ata o 7 de xaneiro a través do formulario dispoñible en santiagoetapas.gal.
Ramil lembrou que febreiro segue a ser un dos meses de menor ocupación turística na cidade, polo que o concurso continúa a ser “un elemento clave para dinamizar Compostela en tempada baixa”, un aspecto que tamén subliñou Louzao: “queremos que quen nos visita coñeza a cidade en profundidade e que a cidadanía se anime a descubrir novos locais, incluída a Cidade Vella”.
A concelleira destacou ademais o impacto da ruta específica para persoas celíacas, que atrae visitantes doutras zonas do país: “seguimos a ser o único concurso que mantén unha ruta exclusiva”.

