InicioCULTURAA Carpa Roxa activa máis de 30 propostas para dinamizar o Nadal...

A Carpa Roxa activa máis de 30 propostas para dinamizar o Nadal no Ensanche compostelán

O Concello presenta unha programación que combina música, obradoiros, contacontos, cinema e actividades para todos os públicos na praza Roxa

Publicado o

Xornal de Compostela

A praza Roxa converterase, un ano máis, nun dos principais epicentros do Nadal compostelán. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, e a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentaron a programación completa da Carpa Roxa, un espazo que, segundo destacaron, busca ofrecer “moitos motivos para saír á rúa” e contribuír tamén á activación do comercio local durante as festas.

Rozas subliñou que a carpa, consolidada xa como “un punto de referencia no Nadal de Santiago”, funcionará desde o venres 5 de decembro cunha oferta que suma máis de 30 actividades de acceso libre: música, obradoiros, contacontos, cinema e espectáculos dirixidos a públicos moi diversos. O obxectivo, dixo, é que “os veciños e veciñas atopen múltiples propostas das que participar ao longo de todo o mes”.

MÚSICA PARA TODOS OS PÚBLICOS: SON XOVE E SON VERMÚ

A programación inclúe as dúas liñas musicais xa habituais: Son Xove e Son Vermú.

O Son Xove reunirá en horario de tarde ás bandas que ensaian nos locais do Centro Xove da Almáciga, reforzando a aposta polo talento emerxente da cidade. O primeiro concerto será o venres 12 coa Xuntanza de Nadal, na que músicos de diferentes grupos interpretarán versións coñecidas polo público. Nas semanas seguintes pasarán polo escenario Lundes, Wir Nois, Patrick e Paula Ferraz, Vareixa e Allo Negro, sempre ás 20:00.

Os sábados ao mediodía regresan tamén os Son Vermú, sesións de música galega ás 13:00. Abrirá o ciclo este mesmo 7 de decembro a cantautora ferrolá Lola India, seguida de Unto Bello (día 13), Sofía Espiñeira (día 20), Laura Lamontagne (27 de decembro) e Lou, que presentará o seu primeiro disco o 3 de xaneiro.

A carpa acollerá ademais actuacións especiais, como o concerto de Suzuquiños o domingo 21 ás 12:00, cun repertorio clásico de Nadal mesturado con arranxos de jazz.

RUADAS, MÚSICA ITINERANTE E RULETA DE PREMIOS

O departamento de Comercio reforza o programa con iniciativas pensadas para animar a circulación polas rúas do Ensanche e do casco histórico. As ruadas de Nadal achegarán o espectáculo ‘Tenro Inverno’ de Animatium a diferentes barrios, e o ciclo Corofonís, en colaboración coa Asociación de Música ao Vivo, levará actuacións corais a espazos como o Obradoiro, Cervantes, o Mercado de Nadal ou a intermodal.

A tradicional ruleta de agasallos, que permite participar cun ticket de compra de 5 euros no comercio local, instalarase na praza Roxa o sábado 13 e trasladarase á carpa da Alameda o 3 de xaneiro.

Tamén se manterá o tren infantil de Nadal, operativo entre o 12 e o 28 de decembro en horario de tarde, e en xornada completa a partir das vacacións escolares. No Obradoiro, as pequenas atraccións de madeira —nora, barca e carrusel— funcionarán venres, sábado e domingo de 17:30 a 20:30, ampliando despois a súa actividade a toda a semana.

Rozas lembrou ademais que xa está en marcha o mercado de Nadal da Carreira do Conde, con case 90 expositores e un espazo infantil con 40 obradoiros, e que o día 20 abrirá o mercado adicional de Área Central.

‘É DOMINGO’ E IMPROVISACIÓN

A concelleira Míriam Louzao explicou as novidades impulsadas desde Cultura, destacando que este Nadal se reforza o apoio ao talento artístico compostelán. Entre elas, a creación do ciclo E-Domingo, con espectáculos participativos orientados ao público adulto todos os domingos ás 18:00.

A programación ábrese o 7 de decembro coa ‘Discoteca de señoras e señores tamén’, dirixida pola bailarina Marta Alonso, con dúas sesións —a segunda, o día 28, coa participación de señora DJ. O ciclo inclúe tamén ao dúo Eva e Camilo (día 14) e dous bingos musicais especiais: un dedicado á lotaría de Nadal (día 21) e outro ás festas de Reis (4 de xaneiro).

A improvisación teatral terá dous encontros co Colectivo do Flow, que presentará o Impro de Nadal os días 5 e 27 de decembro, tamén ás 18:00, con propostas centradas en darlle voz a elementos simbólicos das festas.

As familias terán un amplo programa propio. Os obradoiros comezan o 7 de decembro con creación de monicreques e continúan o 8, 22, 23 e 24 con elaboración de adornos, cartas ao Apalpador e variñas de Nadal, en colaboración co Fallado de Nin e Semente Compostela. O 19 de decembro, a tradicional ruada do Apalpador partirá da Xuntanza do Pichel ás 18:30.

O apartado de maxia trae dúas citas: Dani Polo o sábado 6 ás 18:00 e Mago Rafa o domingo 14 ás 12:00.

A carpa adicará tamén espazos ao cinema grazas á colaboración con Numax, con sesións de curtas infantís o 22 de decembro e curtas galegas para público adulto o 29, ambas entre 18:00 e 20:00.

O calendario complétase co concerto especial de Nadal de Broken Pitch, que terá lugar o martes 23 ás 18:00.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here