InicioCULTURAGonzalo Constenla, coordinador de aRimar: "Queremos que o público saia da gala...

Gonzalo Constenla, coordinador de aRi[t]mar: “Queremos que o público saia da gala con ganas de máis música en galego e en portugués”

O coordinador de aRi[t]mar e director da EOI de Santiago repasa a década dun proxecto que xunta música e poesía, aposta polo voto popular e tende pontes culturais entre Galiza e Portugal

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A décima gala de aRi[t]mar celébrase hoxe no Auditorio de Galicia cun cartel que une música e poesía de ambos lados do Miño: Mondra e Diogo Piçarra, xunto con Elba Pedrosa e Cátia Cardoso, recollen os premios elixidos por voto popular. Falamos con Gonzalo Constenla, director da Escola Oficial de Idiomas de Santiago e coordinador do proxecto, para repasar a orixe, a evolución e o sentido pedagóxico e cultural desta iniciativa que pon a dialogar Galiza e Portugal.

Este ano cúmprense dez edicións de aRi[t]mar. Que lembras do primeiro impulso desde a Escola Oficial de Idiomas e como foi medrando ata hoxe?

A idea xa se viña cociñando na EOI porque traballamos co plurilingüismo en poboación adulta e, dende sempre, música e poesía foron ferramentas didácticas nas aulas: motivan, axudan a aprender idiomas e atraen a moito profesorado que chegou ás linguas escoitando cancións francesas ou inglesas. Vimos que podíamos sistematizar iso a través dos departamentos de galego e portugués, coa convicción de que o portugués enriquece o galego e axuda a afastarnos de castelanismos.

Para incrementar a motivación abrimos votacións e pensamos: por que non o abrimos ao público en xeral? Falamos coa Xunta, Deputación, Concello e co Instituto Camões, que acolleron a idea dende o minuto cero, e así naceu a primeira gala no Teatro Principal, con moi boa resposta para ser a primeira vez que saía fóra dos muros da escola.

Entón, acollida foi boa dende o principio…

Si. Mantivemos o esquema e na segunda edición incorporamos o Premio Especial do Xurado ‘Embaixada da Amizade Galego-Lusófona’ para persoas e entidades que tenderan pontes entre Galiza e Portugal. O formato gala con dous presentadores e un ton desenfadado funcionou. E comezamos a propagar a idea: dar a coñecer a música galega—que moita xente aínda descoñecía—e tamén a portuguesa.

A portuguesa, se cadra, aínda máis descoñecida aquí…

Claro. Agás grandes referentes como Mariza ou Carminho, cústanos escoitala. Ademais da música, puxemos o foco na poesía contemporánea: para min é das máis vivas da Península, moi innovadora e conectada co público. O obxectivo era chegar a canta máis xente mellor, e por iso fixemos campañas en redes e estivemos en festivais en Braga, Coimbra, Porto, Lisboa e A Coruña, para consolidar o proxecto en Galiza e en Portugal. Hoxe produtoras e salas portuguesas coñécennos e envían propostas para pasar á votación popular. O esforzo é grande —humano, material e económico—, pero paga a pena.

Por que era importante que os premios fosen do público?

Cando definimos a estrutura tiñamos claro ser orixinais: xuntar música e poesía —porque ambas comparten ritmo e rima— e que o premio fose íntegro do público. Hai certames decididos por crítica ou profesión, que está moi ben, pero nós queriamos o pulso da xente. E comprobámolo: o público adoita atinarlle ás emerxentes. Cando gañou Xabier Díaz estaba iniciando ‘Casa do Ferreiro’; cando gañou SES, estaba na cresta; Banda da Loba comezaba a destacar; Mondra tivo un boom enorme… As escollas populares adoitan replicarse despois nos festivais.

Falemos das e dos premiados deste ano: Mondra, Diogo Piçarra, Elba Pedrosa e Cátia Cardoso. Que representan para o proxecto?

En música, son artistas con moito seguimento. Mondra leva unha xira moi potente e queremos que aRi[t]mar sexa eco desa realidade. Diogo Piçarra é número un en Portugal, enche o Altice Arena ou o Coliseu, é mentor en ‘Got Talent’ e acumula miles de visualizacións nas plataformas. Aquí aínda se coñece pouco e gustaríanos que soase nas radios galegas e puidese facer concertos multitudinarios.

En poesía, Elba Pedrosa publicou un libro que conectou co público, e Cátia Cardoso é nova en idade e na escena, moi activa en redes e representativa dunha poesía innovadora en Portugal, en liña co que ocorre en Galiza.

A dimensión educativa de aRi[t]mar medrou tamén cara aos centros. Como se traballa nas aulas?

Enviamos materiais a máis de dez centros onde se imparten galego e portugués, e creamos a web-app play.arritmar.gal: finalistas de todos os anos, vídeos, audios, videopoemas e letras, para que o profesorado poida empregalo didacticamente. Actualizámola cada curso e está dispoñible para centros non universitarios.

En dez anos, queda algunha anécdota que resuma o espírito do proxecto?

Hai moitas. Lembro a poeta portuguesa Sílvia Mota, que se emocionou e chorou en público en Compostela. Dicía que reconectaba coa orixe galego-portuguesa e que a alma común seguía presente malia as separacións políticas da historia. Isto pásanos tamén noutras redes e encontros da galilusofonía: compañías portuguesas recoñecen temas e sensibilidades —a morte, as relacións familiares— como propias cando ven propostas galegas. Fomos un, e non está morto: está a revivir.

Que che gustaría que o público leve para a casa despois da gala?

Que música e poesía non son só ferramentas para aprender linguas, senón formas de entendemento e humanización. Que nos autorrecoñezamos a través delas e volvamos cara a Galiza e Portugal cunha mirada común. E, sobre todo, que quen veña por primeira vez saia ilusionado, con espírito e ganas de máis; e quen xa coñece o proxecto, con vontade de seguir descubrindo música e poesía galego-portuguesas. Esa é a idea.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

Abal denuncia a falta de avances na reparación da cuberta da Escola Infantil de Tras Parlamento

O Grupo Municipal Socialista de Santiago de Compostela denunciou a ausencia de avances na...

Santiago presenta en Fitur unha campaña para reforzar o turismo de congresos ao longo de todo o ano

A concelleira de Turismo de Santiago de Compostela, Míriam Louzao, e a directora do...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here