InicioCULTURAEncarna Otero reivindica a pegada das mulleres na historia de Santiago

Encarna Otero reivindica a pegada das mulleres na historia de Santiago

A historiadora percorre a traxectoria de mulleres que marcaron Compostela e propón recoñecementos a figuras como Ruth Matilda Anderson

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

A historiadora e activista Encarna Otero Cepeda protagonizou onte unha nova sesión dos Luns do Ateneo no auditorio de Afundación, na Rúa do Vilar, onde afondou no papel das mulleres na historia da cidade. Baixo o título ‘Paseando Compostela coas súas mulleres’, a súa conferencia percorreu a vida de figuras femininas que deixaron pegada na política, no comercio, na educación, na cultura e na loita polos dereitos sociais.

Otero destacou que moitas destas mulleres quedaron invisibilizadas nos relatos históricos, malia ter desempeñado un papel fundamental no desenvolvemento de Santiago. “As cidades cambian, pero é necesario levantar as capas da historia para descubrir as vidas e as historias que construíron Compostela”, afirmou.

MULLERES PIONEIRAS NO COMERCIO E NA CULTURA

Entre as figuras mencionadas, Otero fixo referencia a mulleres emprendedoras que destacaron en distintos ámbitos. Lembrou a Angelita e Vicenta Sartime, que rexentaron unha colchonería e venderon mobles de bimbio nos anos 70, ou a Aurora Pereira, “Aurichu”, que introduciu deseños innovadores na moda compostelá a través da súa tenda Xanela.

Tamén resaltou a importancia das mulleres no mundo editorial e cultural, como Lola Ferreiro, fundadora da librería feminista Lila de Lilith, ou María Salvado, quen traballou pola promoción do cinema en Compostela. No ámbito musical, fixo mención a Rosita López Comunión, unha pianista de orixe cubana que organizou veladas musicais na cidade e cuxa obra se conserva no Museo do Pobo Galego.

A PEGADAS DAS MULLERES NA ECONOMÍA E NO ACTIVISMO SOCIAL

A intervención tamén abordou o papel das mulleres na economía local, especialmente no comercio de proximidade e na hostalaría. Otero fixo referencia ás placeiras da Praza de Abastos, ás taberneiras dos barrios e ás mulleres que traballaron nas fábricas desaparecidas da cidade, como Confecciones Porto, Cuétara ou Heifer, onde moitas obreiras lograron dereitos laborais fundamentais.

No ámbito do activismo, recordou a figura de Luz Fandiño, unha muller emigrante que plasmou en poesía a súa experiencia de explotación laboral en Arxentina e Francia, e a Pencha Santasmarinas, clave na organización das mariscadoras e no recoñecemento dos seus dereitos laborais.

PROPOSTAS PARA VISIBILIZAR A HISTORIA FEMININA EN COMPOSTELA

Ademais de divulgar estas historias, Encarna Otero propuxo dúas iniciativas concretas para reivindicar a memoria das mulleres en Santiago. En primeiro lugar, solicitou a tradución ao galego do diario de Ruth Matilda Anderson, fotógrafa da Hispanic Society que documentou a vida das mulleres galegas nos anos 20. En segundo lugar, suxeriu colocar unha placa conmemorativa no Hotel Suizo, onde se hospedou a fotógrafa durante a súa estancia en Compostela.

“A súa visión de Galicia recolle os detalles máis íntimos da vida das mulleres do seu tempo, pero o seu diario segue sen estar dispoñible en galego”, lamentou Otero, quen instou a aproveitar o centenario da súa viaxe para facer xustiza á súa obra.

A conferencia pechouse cunha chamada a seguir explorando e divulgando as historias das mulleres de Compostela. “A memoria delas forma parte da cidade e debemos seguir reconstruíndo a súa historia”, concluíu.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Santiago presenta unha nova edición da Festa da Uña con 27 restaurantes participantes e actividades gastronómicas en San Lázaro

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou este luns unha nova edición...

O Concello abre o prazo para presentar obras ao Premio Xohana Torres 2026 ata o 30 de decembro

O Concello de Santiago abrirá este luns 9 de marzo o prazo para presentar candidaturas...

A USC abre o prazo de inscrición nunha microcredencial sobre profesionalización do xogo no ámbito socioeducativo

A Universidade de Santiago de Compostela abriu o prazo de inscrición na Microcredencial Universitaria en...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here