InicioCULTURAO Monte do Gozo treme coas voces de J. Balvin e Green...

O Monte do Gozo treme coas voces de J. Balvin e Green Day

A primeira xornada do Son do Camiño estivo marcada por grandes cambios de temperatura e por bastante vento no Monte do Gozo

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Caos na cidade, autobuses e estradas colapsadas e moita xente lista para ir ao festival do ano: O Son do Camiño. Así estaba Santiago no mediodía deste mércores, primeira xornada dun dos eventos máis grandes de Galicia.

A climatoloxía non puido acompañar mellor nas primeiras horas do festival: sol e calor, propio dunha tarde de verán e alentador despois das intensas chuvias que tivo Galicia este pasado mes de maio.

Os concertos comezaron ás 15:20, cunha actuación de Amoebo, aínda sen moita xente no Monte do Gozo. Tras varias actuacións máis (Hot Milk, Maryland ou The Interrupters), comezaba a chegar toda a masa de xente ao festival, lista para ver os pratos fortes desta pequena xornada de inicio. A partir das 18:10 comezaba o concerto do artista ibicenco Fernandocosta ao mesmo tempo que tamén comezaban a andar as actuacións no escenario Son Electro by Repsol, que foron ininterrompidas até 3:40 da madrugada.

Moitas persoas aproveitaron esta primeira xornada do festival para coñecer o recinto, explorar as experiencias que moitas marcas e empresas preparan cada ano, beber algo nas barras habilitadas ou incluso subir á noria, novidade do Son do Camiño que se implantou dende o ano pasado.

Despois do concerto do grupo de rock Arde Bogotá, no que o recinto estaba ateigado de xente, comezou unha das dúas grandes promesas deste primeiro día de festival: o concerto de J. Balvin. Foi a partir de aquí cando toda a xente comezou a amontoarse fronte ao escenario Xacobeo e onde o panorama comezou a parecerse máis xa ao que nos ten acostumados O Son do Camiño.

O concerto do colombiano abriu co seu tema ‘Rojo’ e durante hora e media fixo vibrar a ritmo de reggaeton e música latina as gradas situadas fronte ao escenario, cun público novo moi entregado.

Outro dos grandes esperados foi Green Day, que ofrecía o seu inicio de xira este mesmo día no escenario Estrella Galicia, pero que resultou nun concerto, para moitos, algo descafeinado, deixando con ganas de máis. Foi o concerto co que se puxo o sol no Monte do Gozo e co que tamén chegou o frío ao recinto. Se a xornada comezara con temperaturas propias do verán, rematou con vento e unha baixada dos termómetros que obrigou a máis de un a abrigarse.

O concerto comezou con ‘The american dream is killing me’ e xa dende o comezo, malia a impecable actuación do grupo californiano e o seu indubidable aguante de perfección até o final durante case tres horas de música sen parar, a técnica de son decepcionou a moitos.

Malia o impresionante do espectáculo, con lume, petardos e unha man xigante inchable, o vento non axudou ao equipo técnico de son, que nun primeiro momento facía ir e vir o son, non deixando escoitar ben a música nalgúns momentos.

Aínda que o frío fixo que a maior parte da xente non parase de saltar e moverse e que a maior parte estaban moi entregados polo concerto, a sorpresa para todos foi que rematou media hora antes do que estaba previsto no programa, deixando a todo o mundo pendente do escenario despois da última canción agardando algo máis.

O broche final púxoo a DJ belga MATTN, participante de grandes festivais como Tomorrowland. Un final que nunca erra no Son do Camiño e en todos os festivais, rematando a noite con música electrónica e house progresivo que non deixou que o público parase de moverse.

Aínda que para moitos a xornada rematou ás 2:15 coa finalización deste concerto, cando grande parte dos asistentes se dirixían cara as saídas para retornar en coche ou autobús, a música non acabou no Monte do Gozo ata as 3:40. Aqueles que quedaron con ganas de máis música electrónica, puideron desfrutala durante máis dunha hora no escenario Electro by Repsol.

A SEGUNDA XORNADA

A segunda xornada, que terá lugar este venres, acollerá tamén grandes concertos. Dará comezo ás 15:20 con Marilia Monzón e continuará con Monoulious Dop, Recycled J, Judeline, La Oreja de Van Gogh, Love of Lesbian, Myke Towers, Pet Shop Boys, Natos y Waor e Icona Pop. Simultáneamente, no escenario Son Electro by Repsol teremos a Richi Risco, Toni Varga, Cristina Tosio, Viviana Casanova, Solardo e Ben Hermsley.

ÚLTIMAS

Rescatan un bebé que quedou atrapado nun coche na rúa Emilio e Manuel do Restollal

Os servizos de emerxencia rescataron na tarde deste xoves un bebé que quedou atrapado...

“Fresas de Huelva”, gratis no Obradoiro para concienciar contra as que chegan de Marrocos

A segunda edición da campaña '#YoComoFresasDeHuelva' terminou este mércores na Praza do Obradoiro, en Santiago...

Ecoloxistas e veciños de Conxo piden a paralización das obras do Eixo por danar o Banquete de Conxo

Veciños do barrio de Conxo e activistas de Ecoloxistas en Acción concentráronse este martes...

Un incendio afecta un edificio na Praza de Salvador Parga

Na tarde deste martes, un incendio afectou a un edificio situado na Praza de...

Afundación organiza un coloquio interxeracional sobre o futuro e as novas tecnoloxías

O Día Europeo da Solidariedade Intergeneracional foi conmemorado este martes en Santiago de Compostela...

O Camiño de Santiago chega a Xangai da man do Instituto Cervantes

O Instituto de Cervantes de Xangai achegará ao mercado chinés co Camiño de Santiago...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición de Xurxo Ameneiro

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 28 de abril, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here