Santiago de Compostela conmemorou este mércores, 25 de novembro, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres cun acto institucional no que a mocidade adquiriu un especial protagonismo. Tres alumnas de centros educativos composteláns tomaron a palabra para abordar as diferentes manifestacións da violencia machista, nunha xornada na que tamén se deu lectura á declaración institucional aprobada por unanimidade no Pleno municipal e na que participou a Universidade de Santiago de Compostela.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, foi a encargada de introducir as intervencións, salientando a importancia de incorporar as perspectivas das novas xeracións á conmemoración do 25N. O acto contou tamén co acompañamento musical de Irene Rodríguez Taubes, que interpretou a composición ‘O vento’, baseada en obras de Ludovico Einaudi.
As primeiras en intervir foron Janín, do IES Antón Fraguas; Julia López Sánchez, do IES de Pontepedriña, e Ana Jorquera Domínguez, do IES Rosalía de Castro. A través de discursos e da poesía, as tres estudantes puxeron o foco nas desigualdades que atravesan a vida das mulleres, na normalización das condutas de control e na memoria das vítimas.
“Somos todas as mulleres igual de libres?”. Con esta pregunta iniciou a súa intervención Janín, que abordou como factores como a procedencia, a relixión, a situación administrativa ou a capacidade económica poden condicionar as posibilidades dunha muller de abandonar unha relación violenta.
A estudante incidiu en que as agresións físicas son só unha das manifestacións da violencia machista, que tamén pode exercerse mediante ameazas, humillacións, agresións sexuais, dependencia económica ou a utilización dos fillos e fillas como mecanismo de control.
“O silencio non significa consentimento. Ás veces significa medo”, advertiu, facendo especial fincapé na situación das mulleres migrantes que dependen das súas parellas e que poden temer perder o permiso de residencia ou a custodia das súas crianzas se denuncian.
Durante a súa intervención, fixo referencia aos datos do Ministerio do Interior sobre a trata e a explotación sexual en 2024, situando en 632 o número de vítimas identificadas, das que, segundo expuxo, o 98% eran mulleres e o 79% tiñan orixe latinoamericana, especialmente en Colombia e Venezuela.
A alumna relacionou esta realidade coa hipersexualización das mulleres latinoamericanas e cos estereotipos que contribúen á normalización de comportamentos machistas. Tamén abordou a mutilación xenital feminina e a violencia sexual exercida contra as mulleres en contextos de conflitos armados, facendo referencia á situación da poboación palestina.
Por outra banda, reivindicou a autonomía das mulleres musulmás para decidir sobre o uso do veo, cuestionando os prexuízos que existen arredor das súas crenzas e costumes. “Defender a liberdade significa defender que unha muller teña a capacidade de decidir por si mesma”, afirmou.
A estudante compartiu, ademais, a súa propia experiencia vital. Nada en Venezuela e criada nunha familia na que conviven persoas musulmás e cristiás, residiu durante dous anos no Líbano antes de chegar a Galicia. Alí, explicou, foi testemuña das condicións de explotación e illamento que sufrían algunhas traballadoras migrantes empregadas no servizo doméstico.
Tamén lembrou as dificultades que atopou ao incorporarse ao sistema educativo galego, onde sufriu episodios de racismo e xenofobia, así como o apoio do profesorado que a axudou durante ese proceso.
“Non pido que sintamos mágoa polas mulleres que sofren violencia, pido que as escoitemos, que non as xulguemos e que as acompañemos sen decidir por elas”, concluíu.
A intervención de Julia López Sánchez, do IES de Pontepedriña, centrouse na identificación dos comportamentos de control que poden preceder ás agresións e que, en numerosas ocasións, se atopan normalizados nas relacións afectivas.
A petición constante da localización, os comentarios sobre a vestimenta ou os intentos de afastar unha persoa das súas amizades foron algúns dos exemplos que empregou para ilustrar estas condutas.
A estudante cuestionou tamén a interiorización do medo por parte das mulleres, facendo referencia a xestos cotiáns como avisar as amizades ao chegar á casa ou camiñar pola rúa de noite coas chaves entre os dedos.
“Por que está normalizado educar as nenas para ter medo, en vez de educar os nenos para non dar medo?”, preguntou durante a lectura do seu manifesto.
López Sánchez defendeu a necesidade de reforzar a educación en igualdade, respecto, consentimento e límites persoais, incidindo en que a prevención non pode recaer exclusivamente sobre as potenciais vítimas.
“A solución non pode estar en limitar a liberdade de quen sofre a violencia, senón en transformar a mentalidade de quen a exerce”, sostivo.
A representante do alumnado advertiu, ademais, de que os actos conmemorativos e as mostras públicas de repulsa contra a violencia machista resultan insuficientes se non van acompañados dun compromiso diario que permita cuestionar as bromas sexistas, os celos ou a falta de resposta ante situacións de violencia.
“Non queremos ter que ser valentes para volver soas á casa. Non queremos ter que demostrar que unha agresión foi suficientemente grave para que nos tomen en serio”, manifestou.
A estudante rematou reivindicando que o compromiso coa igualdade estea presente durante os 365 días do ano, tanto nos centros educativos como nos fogares, nas amizades e nas relacións de parella.
Pola súa banda, Ana Jorquera Domínguez, do IES Rosalía de Castro, escolleu a poesía como ferramenta de denuncia coa lectura de ’44’, unha composición na que abordou as agresións, os discursos de odio, a violencia dixital e a memoria das mulleres asasinadas, empregando as cifras de vítimas como fío condutor.
UN COMPROMISO UNÁNIME DA CORPORACIÓN MUNICIPAL
Tras as intervencións das estudantes, representantes das diferentes formacións políticas e do Goberno local deron lectura á declaración institucional do 25N, aprobada por unanimidade pola Corporación municipal compostelá.
A concelleira non adscrita Mercedes Rosón abriu a lectura do documento, no que o Concello reafirma o seu compromiso coa erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres e recoñece o seu carácter estrutural, vinculado á desigualdade e á discriminación.
O texto recolle as distintas manifestacións da violencia machista, entre elas a física, psicolóxica, sexual, económica e vicaria, así como a crecente incidencia das agresións a través das ferramentas dixitais.
A concelleira socialista Marta Abal foi a encargada de expoñer as cifras recollidas na declaración institucional. Segundo os datos oficiais citados no documento, 43 mulleres foron asasinadas en España a mans das súas parellas ou exparellas no que vai de 2026, mentres que a cifra acumulada dende o inicio dos rexistros, en 2003, ascende a 1.388.
Ademais, 38 menores de idade quedaron orfos e orfas durante este ano como consecuencia da violencia de xénero, segundo os datos trasladados durante o acto.
“Negar a violencia machista é darlle as costas á realidade e deixar desprotexidas as vítimas”, recolleu a concelleira durante a lectura.
O representante do Partido Popular, Borja Rubio, único home que tomou a palabra durante o acto, incidiu na prevención e na implicación das familias e das contornas próximas para detectar situacións de violencia e facilitar o acceso aos recursos especializados.
O documento manifesta unha especial preocupación polas condutas que se están a detectar entre adolescentes e persoas novas, como o control a través dos teléfonos móbiles, a identificación dos celos co amor, a chantaxe emocional, a presión sobre a imaxe corporal ou o consumo de pornografía como fonte de aprendizaxe sexual.
Tamén se fai referencia ás novas formas de violencia dixital, como a difusión de imaxes íntimas sen consentimento ou o acoso a través das redes sociais e dos videoxogos.
SANTIAGO COMPROMÉTESE A REFORZAR OS RECURSOS DE ATENCIÓN E PREVENCIÓN
A representante de Compostela Aberta, María Rozas, deu conta das actuacións desenvolvidas polo Concello durante 2026 en materia de igualdade, diversidade e prevención das violencias machistas.
Entre elas figuran as intervencións nos centros educativos da cidade, a posta en marcha dun consultorio dixital anónimo a través de WhatsApp, a elaboración dunha diagnose exploratoria sobre igualdade e relacións afectivo-sexuais, a instalación de puntos lilás nas festas e o desenvolvemento de campañas de sensibilización dirixidas especialmente á mocidade.
Pola súa banda, a concelleira do BNG Míriam Louzao trasladou os compromisos adquiridos pola Corporación para continuar traballando na prevención dende a infancia e garantir que a administración local constitúa unha primeira porta de acollida para as vítimas.
Neste sentido, o Concello comprométese a manter e reforzar o Centro de Información á Muller (CIM) e os servizos de atención psicolóxica, xurídica e social, así como a mellorar a coordinación coa Policía Local, os centros sanitarios, o sistema xudicial e o tecido asociativo.
A declaración institucional establece tamén a vontade de consolidar programas estables de prevención dirixidos á mocidade, incorporando a participación das propias persoas destinatarias no deseño das campañas e adaptando as mensaxes ás súas linguaxes e canles de comunicación.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, completou a lectura cun chamamento ao resto das administracións públicas para que garantan recursos suficientes e estables, formación especializada e continua para o persoal encargado da atención ás vítimas e o desenvolvemento íntegro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
A USC REIVINDICA O PAPEL DA INVESTIGACIÓN E DA EDUCACIÓN
A delegada da reitora para a Igualdade da Universidade de Santiago de Compostela, Lorena Añón, participou tamén no acto institucional, no que reivindicou a responsabilidade das institucións académicas na prevención e erradicación das violencias machistas.
Añón advertiu do avance dos discursos negacionistas e do cuestionamento de dereitos conquistados polas mulleres, insistindo na necesidade de manter o compromiso institucional máis alá das datas conmemorativas.
A representante da USC puxo especial atención nas consecuencias da violencia machista sobre a infancia e a adolescencia, tanto no ámbito da saúde como nas relacións persoais e no desenvolvemento futuro das crianzas.
Defendeu, neste sentido, a necesidade de investigar e visibilizar unha realidade que considera aínda insuficientemente abordada, así como de prestar atención ás mulleres con discapacidade, ás mulleres maiores, ás que sofren violencia vicaria e ás que se atopan en contextos de prostitución ou son vítimas de trata con fins de explotación sexual.
Añón salientou o papel da universidade na investigación das violencias machistas dende unha perspectiva feminista e interseccional, tanto para identificar as estruturas que perpetúan as desigualdades como para trasladar ese coñecemento ao conxunto da sociedade.
A delegada da reitora incidiu tamén na responsabilidade da USC de formar profesionais capaces de identificar e afrontar estas violencias dende ámbitos como a sanidade, a educación, a xustiza, os servizos sociais ou os medios de comunicación, ademais de garantir espazos universitarios seguros.
Nunha cidade que acolle milleiros de estudantes, Añón considerou imprescindible a colaboración entre a institución académica e o Concello, agradecendo o apoio municipal ás iniciativas de sensibilización, formación, investigación e docencia con perspectiva de xénero.
A representante universitaria rematou a súa intervención cunha mensaxe dirixida ás mulleres e nenas que sofren violencia machista: “Nós si vos cremos”.
SANMARTÍN LEMBRA A HISTORIA DE TINUCHA
Nunha nova intervención, a alcaldesa de Santiago recuperou a historia de Tinucha, unha muller asasinada polo seu marido cando tiña 74 anos, mentres que o seu agresor tiña 85.
Sanmartín relatou a traxectoria vital dunha muller que vivira en diferentes lugares da emigración, entre eles Holanda e París, antes de instalarse en Madrid, e que, tras a súa xubilación, quixo recuperar actividades que sempre lle gustaran, como pintar, ler, pasear ou compartir tempo coas súas amizades.
A rexedora sinalou que, antes do seu asasinato, existiran numerosos indicios de comportamentos posesivos, celos e control por parte do seu marido.
A través desta historia, Sanmartín puxo o foco na violencia machista que sofren as mulleres maiores e na importancia de identificar as condutas de dominación que poden permanecer presentes durante décadas nas relacións de parella.

