InicioMOV. SOCIAISA acampada pola vivenda comeza a desmontarse no Obradoiro

A acampada pola vivenda comeza a desmontarse no Obradoiro

O colectivo reutilizou os palés do asentamento para levantar unha estrutura con lemas da protesta

Publicado o

Xornal de Compostela

A acampada pola vivenda de Santiago de Compostela iniciou a recollida e reorganización do campamento instalado desde o 1 de outubro na Praza do Obradoiro. A retirada de tendas fíxose visible nos últimos días e este sábado quedaban algo máis dunha trintena na praza. O colectivo aínda non concretou cando rematará o desmonte.

Parte dos palés que serviran para montar o campamento forman agora unha estrutura reivindicativa no centro do Obradoiro. No medio da instalación figura un cartel co lema “Nós temos as chaves da cidade”. A mensaxe “Dereito a teito” aparece nunha pancarta e tamén nun cartel do tipo que se emprega para anunciar vivendas en alugueiro. Na parte superior colocáronse unha bandeira coa inscrición “Barrios para vivir, non para especular” e unha insignia palestina.

As primeiras tendas, arredor dunha decena, instaláronse pasada a medianoite do 30 de setembro ao 1 de outubro. O campamento foi medrando nas seguintes xornadas ata superar o centenar de tendas e incorporou carpas e outras estruturas para protexer da intemperie as persoas que participaban na protesta.

Mes e medio despois, esas instalacións comúns están case por completo desmontadas. Algunhas das lonas e outros materiais empregados para construílas seguen na praza, amoreados xunto ás tendas que permanecen no Obradoiro.

PONTEVEDRA E VIGO TAMÉN RETIRAN AS TENDAS

A de Santiago foi a primeira das tres acampadas pola vivenda que se instalaron en Galicia. En Pontevedra, o campamento abandonou a Alameda entre o xoves e o venres. Os seus integrantes anunciaron que queren trasladar aos barrios as asembleas e as actividades.

En Vigo, a retirada comeza este domingo 15 de novembro e está previsto que se prolongue polo menos ata finais da vindeira semana. As persoas que integran o campamento vigués prevén continuar como colectivo asembleario e colaborar cos grupos que xa traballan na cidade.

PROTESTA POLA ACTUACIÓN POLICIAL TRAS A FOLGA XERAL

O Obradoiro tamén acolleu este sábado unha concentración contra a actuación policial tras a manifestación do 11 de novembro, día da folga xeral. A protesta referíase ao sucedido nunha rúa próxima ao parque de Belvís, onde, tras rematar a marcha, se produciu unha intervención policial que acabou cunha moza de 19 anos hospitalizada.

Na convocatoria difundida nas redes sociais, a acampada cualificou a actuación de “acorralamiento” e sostivo que varias persoas quedaron “encerradas entre dous furgóns”. Segundo esa versión, dos vehículos baixaron axentes que as golpearon contra a parede. A convocatoria atribuíu ás persoas afectadas a afirmación de que os axentes actuaran coa intención de agredilas.

ÚLTIMAS

Denuncian no Obradoiro que a Policía acurralou e golpeou manifestantes tras a marcha do 11N

Unha trintena de persoas concentrouse este sábado na praza do Obradoiro, en Santiago de...

Feijóo promete en Santiago que “non volverá haber corrupción” se goberna o PP en España

Alberto Núñez Feijóo comprometeuse este sábado no Multiusos Fontes do Sar a impulsar a construción...

O PSdeG apela ao voto útil nun encontro con cargos públicos da comarca de Santiago

Os candidatos socialistas Sindo Guinarte e Ana Alvite reuníronse este sábado con cargos públicos...

A Fiscalía pide 30 anos e medio de cárcere para cada un dos dous principais acusados do caso do club ‘San Lázaro II’

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago de Compostela,...

Denuncian no Obradoiro que a Policía acurralou e golpeou manifestantes tras a marcha do 11N

Unha trintena de persoas concentrouse este sábado na praza do Obradoiro, en Santiago de...

Un paciente denuncia a saturación das Urxencias do CHUS con 20 persoas nos corredores

Un paciente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) denunciou que 20 persoas ocupaban...

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...