Nove vivendas de Teo forman parte da nova convocatoria de alugueiro asequible de Casa 47. Os inmobles, situados na zona do código postal 15883, teñen superficies de entre 68 e 115 metros cadrados e rendas mensuais que van dos 486 aos 644 euros, segundo os datos difundidos pola empresa pública estatal.
As persoas interesadas teñen ata o 26 de novembro para consultar a ficha de cada vivenda no portal de Casa 47 e tramitar a solicitude por internet. A oferta de Teo forma parte dunha convocatoria que suma 104 vivendas en dez concellos galegos, con prezos de entre 350 e 681 euros ao mes e superficies de entre 45 e 121 metros cadrados.
QUEN PODE SOLICITAR UNHA VIVENDA
A convocatoria permite presentar solicitudes a unidades de convivencia formadas por familiares, parellas ou amizades. Para optar a unha vivenda, a unidade de convivencia debe carecer dunha vivenda en propiedade e acreditar uns ingresos conxuntos de entre 2 e 7,5 veces o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM).
Segundo Casa 47, a mensualidade non superará o 30 % da renda media do municipio. Os contratos terán un período inicial de 14 anos e poderán chegar aos 75 anos mediante prórrogas automáticas de sete anos.
SORTEO ANTE NOTARIO E VISITA ANTES DA SINATURA
A adxudicación farase mediante un sorteo ante notario. Tras comprobar que as persoas solicitantes cumpren os requisitos, Casa 47 fará unha asignación provisional que lles permitirá visitar o inmoble. Se a vivenda se adapta ás súas necesidades, poderán asinar o contrato e recibir as chaves.
A OFERTA NO RESTO DE GALICIA
Na provincia da Coruña, ademais das nove vivendas de Teo, a convocatoria inclúe oito en Miño, de 64 a 71 metros cadrados e entre 446 e 452 euros ao mes, e catro en Malpica de Bergantiños, de 55 a 88 metros cadrados e entre 396 e 446 euros. En Ares hai tres vivendas de 72 a 81 metros cadrados, con alugueiros de entre 605 e 681 euros. A oferta complétase cunha vivenda en Arteixo (73 metros cadrados e 522 euros ao mes), outra en Cedeira (102 metros cadrados e 423 euros) e outra en Ferrol (121 metros cadrados e 590 euros).
Monforte de Lemos concentra 67 das 104 vivendas, con superficies de entre 45 e 113 metros cadrados e rendas de entre 350 e 454 euros. Na provincia de Pontevedra, Poio suma nove inmobles de entre 45 e 106 metros cadrados, con mensualidades de 417 a 668 euros, e Lalín achega unha vivenda de 94 metros cadrados por 451 euros ao mes.
Casa 47 xestiona o parque estatal de vivenda asequible, dende a dispoñibilidade e urbanización do solo ata a construción, a entrega das chaves e a xestión posterior dos inmobles.

