Santiago de Compostela convértese desde este mércores, 7 de outubro, en punto de encontro para arredor de 4.700 profesionais da medicina de familia coa celebración do 48º Congreso Nacional da Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (Semergen). A cita prolongarase durante catro xornadas, ata o sábado, e centrará boa parte da súa programación nos cambios que están a introducir na práctica sanitaria ámbitos como a medicina xenómica e a intelixencia artificial.
O programa inclúe 182 actividades e preto de 290 horas de formación, segundo avanzaron na presentación do congreso o presidente de Semergen, José Polo; o presidente do comité organizador, Manuel Portela; o presidente do comité científico, Enrique Gamero, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. A organización deseñou un encontro no que a innovación compartirá espazo coa investigación, a aplicación clínica do coñecemento e a relación entre profesionais e pacientes.
A conferencia inaugural correrá a cargo do médico e investigador compostelán Ángel Carracedo, que abordará a xenómica e as posibilidades que ofrece para avanzar cara a tratamentos adaptados ás características de cada persoa. Manuel Portela vinculou esta evolución co propio funcionamento da atención primaria e definiu a medicina de familia como “a primeira medicina personalizada”.
“Nós non facemos só diagnósticos de saúde, tamén diagnósticos sociais”, sinalou Portela, que puxo o foco na capacidade dos profesionais dos centros de saúde para coñecer non só as enfermidades, senón tamén as circunstancias que rodean cada paciente. Esa perspectiva servirá como punto de partida para analizar durante o congreso como incorporar os novos avances científicos á actividade asistencial.
A aplicación da intelixencia artificial á medicina será outro dos principais asuntos das xornadas. O congreso analizará as posibilidades destas ferramentas e a súa incorporación ao traballo diario dos profesionais, mais tamén os límites que deben acompañar o seu uso nun ámbito no que a relación persoal segue a ocupar un papel central.
“Negar que vai ter impacto na medicina é non decatarse do que vai pasar”, afirmou Portela. O médico descartou, con todo, que o desenvolvemento destas tecnoloxías implique a substitución dos profesionais de atención primaria e reivindicou a dimensión asistencial da especialidade: “O que fai é coidar, acompañar e seguir ao longo de toda a vida os pacientes”.
A organización sitúa estes debates dentro dunha programación construída arredor de varios eixos, entre eles a innovación, a investigación, a utilidade clínica e unha asistencia que combine rigor científico e atención humana. Enrique Gamero resumiu o obxectivo das actividades nunha cuestión: “Como podemos mellorar a atención que reciben as persoas que acudan ao noso centro de saúde?”.
Ese enfoque trasládase tamén ao formato do congreso. Máis de dous terzos da programación terá carácter práctico, con simulacións, obradoiros e aulas dedicadas, entre outras materias, á intelixencia artificial, á farmacoxenética e á cirurxía menor. A intención é que os coñecementos tratados durante as xornadas poidan trasladarse posteriormente ás consultas e aos centros de saúde.
MÁIS DE 1.700 RESIDENTES E MÉDICOS NOVOS
A presenza das novas xeracións ocupará tamén un lugar destacado. Dos aproximadamente 4.700 participantes, 1.760 son médicos residentes ou profesionais novos da especialidade, unha cifra que Semergen emprega para afastarse dunha lectura exclusivamente negativa sobre o relevo xeracional na medicina de familia.
O presidente da sociedade, José Polo, pediu evitar unha “mensaxe catastrofista” e chamou a observar a “botella medio chea”. Segundo explicou, máis de 2.000 facultativos escollen cada ano esta especialidade e nesta convocatoria chegaron a adxudicarse inicialmente todas as prazas ofertadas para realizar a residencia, aínda que posteriormente se producen cambios ou renuncias.
“Hai que ter en conta que, se calquera outra especialidade ofrecese tantas prazas, tampouco quedarían cubertas”, indicou Polo. Para o presidente de Semergen, o elevado número de profesionais que optan pola medicina de familia debe formar parte tamén da análise sobre o futuro da atención primaria.
SANTIAGO ACOLLE CATRO DÍAS DE FORMACIÓN MÉDICA
Na presentación, Goretti Sanmartín destacou o papel de Santiago como cidade vinculada ao coñecemento e á actividade sanitaria e definiu a medicina de familia como a “columna vertebral” do sistema sanitario. A alcaldesa referiuse á capital galega como un “lugar de intercambio, de acollida e onde o coñecemento ten absolutamente unha importancia fulcral”.
Desde Semergen tamén destacaron a elección de Compostela como sede desta edición. José Polo cualificouna como unha “cidade ideal” para reunir os profesionais da atención primaria e relacionou a súa condición de destino xacobeo co lema escollido para a cita: “Encama parte da nosa historia e, ademais, é unha cidade de camiño, como di o lema do noso congreso”.

