InicioPOLÍTICARozas sostén que a situación do SAF segue sen estar normalizada malia...

Rozas sostén que a situación do SAF segue sen estar normalizada malia o pagamento das nóminas

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais asegura que o Concello mantén aberta unha proposta de sanción contra Siad24 e non descarta acudir á vía xudicial se continúan os incumprimentos

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais de Santiago, María Rozas, asegurou este venres que a situación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) continúa sen estar normalizada, pese a que as traballadoras recibiron este xoves as nóminas correspondentes ao mes de setembro. O Goberno local mantén aberta unha proposta de sanción contra Siad24 Asistencia, concesionaria do servizo, e advirte de que estudará novas medidas se detecta máis incumprimentos, incluída a posibilidade de recorrer á vía xudicial.

Rozas cualificou de “agridoce” o pagamento dos salarios porque, segundo incidiu, o cobro das nóminas “é un dereito básico” das traballadoras e unha obriga da empresa. A concelleira explicou que o convenio colectivo permite efectuar o pagamento ata o 5 do mes seguinte, aínda que un acordo existente permitía que o persoal viñese percibindo os salarios con anterioridade.

A responsable municipal centrou as súas críticas na actuación da concesionaria durante os últimos días, despois de que as traballadoras recibisen a comunicación de que poderían non percibir a nómina de setembro. Rozas considerou “irresponsable e impresentable” a actuación da compañía pola incerteza xerada entre un cadro de persoal composto maioritariamente por mulleres e no que, segundo sinalou, existen situacións económicas vulnerables.

A concelleira tamén rexeitou a explicación trasladada pola empresa, que vinculaba os problemas para afrontar os salarios con supostos atrasos do Concello no pagamento das facturas. Rozas afirmou que o Concello está ao corrente das súas obrigas económicas e que veu aboando as facturas “en tempo e forma” durante a vixencia do contrato.

Segundo detallou, a última factura foi presentada coa documentación necesaria o pasado 7 de setembro e permanece en tramitación dentro do prazo legal. Ademais, explicou que a concesionaria emprega dende o inicio do contrato un sistema de ‘factoring’, polo que ten cedidos os seus dereitos de cobro a unha entidade financeira que lle adianta os fondos e que posteriormente recibe o pagamento da Administración municipal.

Para Rozas, estas circunstancias descartan que a situación das nóminas estivese provocada pola tramitación municipal das facturas. “O que dixo a empresa ás traballadoras era falso”, afirmou, ao tempo que apuntou ao feito de que os salarios acabasen sendo ingresados o 1 de outubro, un día despois de comunicarse as dificultades para afrontar o seu pagamento.

UN EXPEDIENTE SANCIONADOR ABERTO DENDE AGOSTO

O Concello xa iniciou durante o mes de agosto un procedemento sancionador contra Siad24 Asistencia polos incumprimentos relacionados cos pagamentos ao persoal. Rozas lembrou que a paga extraordinaria debía ser abonada o 15 de xuño e que o contrato considera incumprimento que transcorran dous meses sen que a empresa satisfaga as súas obrigas salariais.

Unha vez alcanzado ese prazo, o 15 de agosto, o Concello formulou unha proposta de sanción. O período concedido á concesionaria para presentar alegacións rematou a pasada semana, segundo explicou a concelleira, polo que o procedemento continúa agora a súa tramitación.

Rozas indicou que esta non é a única opción que estuda o Goberno municipal. O Concello analiza outras posibles sancións e tampouco descarta acudir á vía xudicial se a situación persiste. A concelleira recoñeceu que este último procedemento non ofrecería unha resposta inmediata aos problemas das traballadoras debido aos tempos da Xustiza, pero defendeu que o Goberno compostelán empregará os instrumentos legais dos que dispoña.

“Non nos vai tremer o pulso”, asegurou Rozas, quen incidiu en que unha empresa financiada con recursos públicos debe cumprir as condicións establecidas no contrato. A responsable de Servizos Sociais engadiu que as posibilidades de actuación dos concellos están limitadas nalgúns ámbitos e que determinadas medidas dependen doutras administracións ou dos órganos xudiciais.

O CONCELLO PREPARA O RELEVO DA ACTUAL CONCESIONARIA

A concelleira lembrou tamén que o Goberno local decidiu non prolongar a relación coa actual concesionaria ata o límite que permitiría o contrato, fixado no 31 de maio de 2027. O Concello ten xa en marcha unha nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar coa intención de que o novo contrato poida entrar en vigor canto antes.

O novo expediente eleva ata os 27 euros o prezo por hora do SAF, unha cifra coa que, segundo Rozas, Santiago pasa a situarse como a cidade galega que máis paga por este concepto. O importe global previsto para o contrato ascende a 7,2 millóns de euros, fronte aos 3,6 millóns do anterior, o que supón duplicar a contía destinada á prestación.

Rozas vinculou este incremento coa intención de garantir tanto a calidade da atención ás persoas usuarias como as condicións nas que se presta o servizo. “Non facemos ningún tipo de esforzo económico para que se enriquezan empresas que non garanten as súas obrigas”, declarou, reclamando que o aumento dos recursos municipais repercuta no funcionamento do SAF e no cumprimento das obrigas laborais.

O Goberno local manterá mentres tanto a interlocución tanto coa concesionaria como co cadro de persoal. Tras a rolda de prensa, Rozas tiña prevista unha reunión co comité de empresa para trasladarlle as actuacións desenvolvidas polo Concello e abordar a situación actual.

A concelleira insistiu en que a prioridade municipal pasa por garantir a continuidade e a calidade dun servizo destinado a persoas dependentes, así como por protexer os dereitos das súas traballadoras. “O Concello de Santiago non vai permitir nin vai amparar ningún tipo de incumprimento”, concluíu.

ÚLTIMAS

A acampada do Obradoiro continúa medrando pase o que pase coa votación dos decretos de vivenda: “Non nos imos conformar”

A acampada polo dereito á vivenda instalada na praza do Obradoiro afronta este venres...

Sanmartín defende as medidas municipais de vivenda e reclama á Xunta que inspeccione os alugueiros en Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, amosou este venres o seu apoio ás mobilizacións...

Verea cuestiona a Sanmartín pola acampada do Obradoiro e pídelle que aclare se está autorizada

O portavoz municipal do PP de Santiago, Borja Verea, cuestionou este venres a actuación...

A mercería Algui e a Asociación Compostelá de Diabetes protagonizan en outubro ’12 Comercios, 12 Sensibilidades’

A campaña municipal '12 Comercios, 12 Sensibilidades' dedicará o mes de outubro á colaboración...

Sanmartín defende as medidas municipais de vivenda e reclama á Xunta que inspeccione os alugueiros en Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, amosou este venres o seu apoio ás mobilizacións...

Verea cuestiona a Sanmartín pola acampada do Obradoiro e pídelle que aclare se está autorizada

O portavoz municipal do PP de Santiago, Borja Verea, cuestionou este venres a actuación...

Sumar elixe a Rocío Núñez Rúa como candidata en Santiago para reforzar Compostela Aberta en 2027

A agrupación local de Movemento Sumar Galicia en Santiago de Compostela elixiu por unanimidade...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here