InicioSANTIAGOA Escola da Segunda Oportunidade abre unha nova edición para facilitar o...

A Escola da Segunda Oportunidade abre unha nova edición para facilitar o acceso á ESO a persoas adultas de Santiago

O programa municipal prevé iniciar as clases o 19 de outubro en Salgueiriños e ofrece preparación para as probas de secundaria e de competencias clave a persoas desempregadas ou en risco de exclusión

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago e Compostela Solidaria poñen en marcha unha nova edición da Escola da Segunda Oportunidade, un programa destinado a persoas adultas que abandonaron os estudos sen obter unha titulación básica e que buscan retomar a súa formación. A iniciativa permitirá preparar durante o curso as probas para conseguir o título de Educación Secundaria para Persoas Adultas (ESA) e os exames de competencias clave que dan acceso a determinados programas formativos vinculados ao emprego.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, presentou este martes a nova edición acompañada por representantes de Compostela Solidaria e do equipo docente. Durante a súa intervención, lembrou a figura de Carlos Nieves, integrante da asociación e habitual nas presentacións do proxecto, falecido recentemente. “Queda en nós ese legado de Carlos Nieves”, afirmou Rozas, quen asegurou que o Concello tratará de manter a continuidade da iniciativa.

A escola está dirixida fundamentalmente a persoas adultas empadroadas en Santiago, desempregadas ou en risco de exclusión social, así como a mozos e mozas que abandonaron prematuramente o sistema educativo e non dispoñen dunha titulación. O programa combina a preparación dos contidos académicos coa orientación específica para afrontar as probas oficiais.

Conseguir o título de secundaria pode permitir ao alumnado continuar posteriormente os estudos de Formación Profesional ou Bacharelato, ademais de cumprir os requisitos académicos esixidos para determinados postos de traballo. O programa tamén prepara as probas de competencias clave, que non equivalen a unha titulación académica, pero permiten acceder a determinados cursos de formación para o emprego.

CLASES CATRO DÍAS Á SEMANA EN SALGUEIRIÑOS

O prazo de inscrición permanecerá aberto do 1 ao 15 de outubro. As persoas interesadas poderán anotarse a través do teléfono facilitado polo programa ou do correo electrónico do Plan de Inclusión municipal. A previsión é iniciar as clases o 19 de outubro, segundo explicou a coordinadora da escola, Elena González Cid.

As sesións desenvolveranse no edificio CERSIA, en Salgueiriños, os luns, martes, mércores e venres, entre as 10:00 e as 13:00. En cada xornada impartiranse unha ou dúas materias, cun calendario orientado ás convocatorias oficiais das probas, que habitualmente teñen lugar nos meses de abril e xuño.

O coordinador do profesorado, Antón Porteiro, explicou que os exames para conseguir a secundaria estrutúranse en tres grandes ámbitos que poden superarse de maneira independente. O científico-técnico abrangue materias como Matemáticas, Física, Química e Ciencias Naturais; o lingüístico comprende as linguas; e o de formación humanística céntrase principalmente en Historia e Xeografía. Unha vez aprobado un destes bloques, o alumnado non ten que volver examinarse del nas seguintes convocatorias.

ENTRE 15 E 20 PERSOAS ADOITAN INICIAR CADA SESIÓN

A participación varía ao longo do curso polas circunstancias persoais e laborais do alumnado. Segundo explicou González Cid, as edicións adoitan comezar con entre 15 e 20 persoas, aínda que a asistencia diminúe posteriormente. Na pasada convocatoria, cinco participantes chegaron finalmente ás probas oficiais.

Desde a organización apuntaron precisamente á conciliación como unha das principais dificultades. Parte do alumnado alterna as clases con empregos temporais ou precarios, tarefas domésticas e coidados familiares, o que provoca unha asistencia irregular. O equipo docente adapta o funcionamento da escola a estas circunstancias e á diversidade de situacións das persoas participantes.

Nos últimos anos tamén aumentou a presenza de persoas migrantes que cursaron estudos nos seus países de orixe pero carecen da documentación necesaria para homologalos en España. Desde a escola explicaron que os problemas para conseguir títulos legalizados ou a apostila requirida poden facer que obter directamente a secundaria mediante estas probas resulte unha alternativa máis accesible para algunhas delas.

O equipo puxo como exemplos participantes procedentes de Arxentina, Palestina ou Mali e sinalou tamén as dificultades atopadas por persoas chegadas de países como Colombia, Venezuela ou Cuba para recuperar a documentación académica necesaria. Se conseguen superar as probas da ESA, obteñen directamente a titulación española de secundaria e poden continuar o seu itinerario formativo sen depender da homologación dos estudos anteriores.

O alumnado chega á Escola da Segunda Oportunidade tanto pola difusión pública do programa como mediante a derivación desde os Servizos Sociais municipais, a través de traballadoras sociais e educadoras que identifican persoas que poden beneficiarse da iniciativa.

ÚLTIMAS

O Concello abre sancións á concesionaria do SAF e estuda a vía xudicial ante o anuncio de impago das nóminas

O Concello de Santiago estuda acudir á vía xudicial e continuará aplicando sancións á...

Louzao reclama á Xunta que coordine os tres aeroportos galegos como un sistema de país

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, reclamou á Xunta de Galicia que...

Vueling aumenta un 27% a súa oferta dende Santiago este inverno con 720.000 asentos

Vueling reforzará a súa actividade no aeroporto de Santiago de Compostela-Rosalía de Castro durante...

Verea pide explicacións ao Concello ante o posible impago da nómina de setembro ás traballadoras do SAF

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reclamou ao Goberno municipal unha...

O Concello defende que a nova rede multiplicará as conexións dos Tilos cos hospitais pese á supresión da liña 12

O Concello de Santiago defende que a desaparición da liña 12 entre Os Tilos...

A Nobel de Física Anne L’Huillier visita Santiago cunha conferencia aberta sobre a ciencia dos attosegundos

A Premio Nobel de Física Anne L'Huillier visita esta semana Santiago de Compostela para...

A Xunta licita por 1,1 millóns a mellora de 62 paradas de autobús nas rutas de acceso a Santiago

A Xunta de Galicia sacou a licitación por máis de 1,1 millóns de euros...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here