InicioPOLÍTICAA entrega de 24 vivendas públicas en Lamas de Abade abre un...

A entrega de 24 vivendas públicas en Lamas de Abade abre un novo choque entre Xunta, Concello e Goberno central

BNG e PSdeG cualifican de "propaganda" o acto encabezado por Rueda, mentres a Xunta defende a súa política de vivenda e xustifica que non convidase a Goretti Sanmartín nin a Pedro Blanco

Publicado o

Xornal de Compostela

A entrega este martes de 24 vivendas públicas en réxime de aluguer en Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, abriu unha nova confrontación política arredor da política habitacional e da participación das distintas administracións na promoción. BNG e PSdeG acusaron a Xunta de utilizar o acto como “propaganda”, mentres o PPdeG defendeu a actuación do Goberno galego e puxo o foco nas novas promocións que prevé desenvolver durante a lexislatura.

Á discusión sobre o número de vivendas incorporouse ademais unha polémica institucional pola ausencia de invitación á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e ao delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. A Xunta argumenta que nin o Concello nin o Executivo estatal participaron economicamente na promoción, unha afirmación que Blanco rebate ao sinalar que o Estado achegou máis dun millón de euros a través do Plan de Recuperación.

A documentación publicada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) recolle que as obras das 24 vivendas, situadas na parcela BB3 do SUNP-12, na rúa da Virxe Branca, foron adxudicadas en xullo de 2024 por 4,48 millóns de euros. O mesmo documento indica que a actuación está cofinanciada con 1.163.724 euros de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

BNG E PSDEG CUESTIONAN A POLÍTICA DE VIVENDA DA XUNTA

A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, responsabilizou o Goberno galego da situación actual e acusouno de ter paralizado durante anos a construción de vivenda pública. Segundo os datos expostos pola nacionalista, non se construíu ningunha vivenda protexida destinada ao aluguer social en 2015, 2016, 2017, 2019 e 2021, mentres que se fixo unha en 2018, once en 2020 e tres en 2022.

Rodil tamén contrapuxo os compromisos anunciados pola Xunta coa execución realizada ata o momento. “Agora alaga de propaganda, pero a vivenda non se constrúe en anuncios”, afirmou. Segundo a representante do BNG, o Executivo autonómico comprometeu 1.800 vivendas en aluguer para este ano, mentres que a finais de setembro puxo o foco nas promocións de Lamas de Abade, en Santiago, e Valdecorvos, en Pontevedra.

Desde o PSdeG, Lara Méndez tamén criticou que Alfonso Rueda acuda á entrega para “sacar peito” de 24 vivendas que cualificou como as primeiras construídas en Santiago en 19 anos. Este período sen novas vivendas públicas na capital galega tamén fora sinalado días atrás ao anunciarse a entrega da promoción.

A socialista puxo o foco, ademais, na demanda existente en Galicia. Segundo os datos achegados por Méndez, hai 36.500 persoas inscritas no rexistro de demandantes, das que un 85% solicitan unha vivenda en aluguer. Tamén afirmou que 868 persoas quedaron sen bono de aluguer entre 2023 e 2024 e que en máis de 78.000 fogares galegos o custo da vivenda reduce os ingresos dispoñibles por baixo do limiar da pobreza severa.

ROZAS CONSIDERA “CLARAMENTO INSUFICIENTES” AS 24 VIVENDAS

A crítica trasladouse tamén ao ámbito municipal. A tenente de alcaldesa de Santiago, María Rozas, considerou “claramente insuficiente” a promoción de Lamas de Abade ante as dificultades de acceso á vivenda existentes na cidade.

“Estes días escoitabamos á Xunta presumir en certa forma desas 24 vivendas. Son 24 vivendas en 20 anos, unha vivenda por ano creo que é claramente insuficiente na situación de emerxencia social que estamos a vivir”, manifestou Rozas.

A Xunta, pola súa banda, sitúa esta promoción dentro dun programa máis amplo de ampliación do parque público. Rueda sostén que o Executivo autonómico traballa para pasar das 4.000 ás 8.000 vivendas públicas antes de rematar 2028, cun horizonte de 10.000 en 2030, e asegura que as 4.000 necesarias para cumprir o primeiro obxectivo xa están en distintas fases de desenvolvemento

A AUSENCIA DE SANMARTÍN E BLANCO DO ACTO PROVOCA OUTRA DISPUTA

A organización da entrega sumou outro punto de fricción despois de que nin Goretti Sanmartín nin Pedro Blanco fosen convidados. Fontes municipais confirmaron que a alcaldesa non recibiu invitación, mentres o delegado do Goberno acusou a Xunta de “falta de respecto institucional”.

Blanco defendeu que o Executivo estatal participa no financiamento da promoción con máis dun millón de euros a través do Plan de Recuperación e considerou que a presenza do Goberno permitiría trasladar unha mensaxe de colaboración entre administracións nun momento no que o acceso á vivenda ocupa boa parte do debate público.

A conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue, rexeitou esa interpretación e asegurou que “non hai ningunha achega económica” do Goberno estatal. Segundo explicou, o financiamento corresponde á Xunta e a fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Tamén sinalou que o Concello non participou nesta promoción e avanzou que Sanmartín si será convidada cando se entreguen as vivendas construídas nunha parcela cedida pola Administración local.

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, tamén defendeu o proceder da Xunta ao tratarse dun acto organizado polo Executivo autonómico. Lembrou ademais que Rueda convidara no Parlamento os portavoces dos grupos a asistir á entrega cando anunciou a actuación a semana pasada.

O PPDEG DEFENDE QUE AS PROMOCIÓNS PREVISTAS XA ESTÁN EN MARCHA

No Parlamento, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos, respondeu ás críticas de BNG e PSdeG convidando os representantes da oposición a preguntar ás familias adxudicatarias se consideran a entrega “propaganda” ou unha resposta efectiva ás súas necesidades.

“Construír relatos é moi sinxelo”, afirmou Pazos, quen engadiu que “construír vivendas leva un pouco máis”. O popular reivindicou o compromiso autonómico de completar 4.000 novas vivendas antes de finalizar a lexislatura e asegurou que todas elas se atopan xa en marcha.

En Santiago, a Xunta ten tamén outros proxectos anunciados. Entre eles figuran 60 aloxamentos compartidos destinados a menores de 36 anos, distribuídos en dous bloques e concibidos cunha combinación de espazos privados e zonas comúns. A licitación desta actuación estaba prevista precisamente para este martes, cun prazo para presentar ofertas ata o 4 de novembro.

OS NOVOS DECRETOS ESTATAIS TAMÉN DIVIDEN OS GRUPOS

A vivenda centrou igualmente parte da Xunta de Portavoces pola aprobación este martes no Consello de Ministros de dous decretos con medidas neste ámbito. Pazos expresou a súa “desconfianza” cara ás propostas e cuestionou que o Goberno central poida solucionar agora unha situación que, segundo afirmou, non resolveu nos últimos oito anos. Tamén criticou que as medidas se repartisen finalmente en dous textos diferentes.

Rodil optou por agardar a coñecer o contido completo antes de facer unha valoración, aínda que indicou que as medidas destinadas a protexer o dereito á vivenda supoñen avances. A representante nacionalista tamén cuestionou que as iniciativas cheguen separadas en dous decretos.

Méndez, pola súa banda, defendeu as medidas impulsadas polo Goberno central e situou como cuestión fundamental que consigan o apoio necesario no pleno extraordinario do Congreso previsto para o venres. A socialista vinculou a necesidade de novas actuacións tanto aos casos de desafiuzamento como ás mobilizacións protagonizadas nos últimos días por persoas novas para reclamar acceso a unha vivenda digna.

ÚLTIMAS

O Sindicato de Vivenda de Compostela ve insuficientes os decretos do Goberno e mantén as mobilizacións

O Sindicato de Vivenda de Compostela considera insuficientes os dous reais decretos aprobados este...

A CIG denuncia a agresión a unha condutora do bus urbano de Santiago e acusa a Monbus de obrigala a continuar o servizo

A CIG denunciou unha suposta agresión a unha condutora do transporte urbano de Santiago...

Vox denuncia a Goretti Sanmartín e á subdelegada do Goberno polos incidentes no seu acto de Santa Marta

Vox anunciou este martes a presentación dunha denuncia penal contra a alcaldesa de Santiago,...

Centenares de mozos protagonizan unha sentada na estación intermodal polo acceso á vivenda

Centenares de mozos e mozas mobilizáronse este luns en Santiago de Compostela para reclamar...

Vox denuncia a Goretti Sanmartín e á subdelegada do Goberno polos incidentes no seu acto de Santa Marta

Vox anunciou este martes a presentación dunha denuncia penal contra a alcaldesa de Santiago,...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que desbloquee a xestión da auga tras o vertido ao Tambre

O grupo municipal socialista de Santiago reclamou este martes ao Goberno local que avance...

O Concello autoriza obras en San Martiño Pinario e destina 400.000 euros a cooperación ao desenvolvemento

A Xunta de Goberno Local de Santiago deu luz verde esta semana a unha...