A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, confirmou este venres que o Concello solicitou a convocatoria da comisión de seguimento do convenio de transporte cos Tilos, despois das críticas do Concello de Teo polos cambios previstos nas liñas 6 e 12 coa futura rede de autobuses compostelá. A rexedora abordou tamén o financiamento destinado ás cidades declaradas zonas de mercado residencial tensionado e asegurou que Raxoi aínda non recibiu comunicación oficial sobre como se repartirán entre Santiago e A Coruña os 5,1 millóns de euros previstos.
No ámbito do transporte, Sanmartín sinalou que Santiago pediu que se reúna tanto a comisión técnica como a de seguimento do convenio e lembrou que as novas liñas aínda non entraron en funcionamento, polo que considera que existe marxe para abordar a cuestión antes da posta en marcha do servizo. Teo reclamara unha xuntanza tras asegurar que non fora informado previamente dos cambios que afectarán ás liñas 6 e 12, que conectan a urbanización dos Tilos coa capital galega.
A alcaldesa compostelá defendeu que a proposta elaborada polos servizos técnicos busca mellorar as frecuencias e as alternativas para chegar ao CHUS. Segundo explicou, a actual liña 12 funciona como reforzo para os hospitais durante a mañá e conta con frecuencias de entre 80 e 90 minutos, mentres que a futura liña 6 está prevista cada 15 minutos. A conexión cos centros hospitalarios realizaríase mediante un transbordo gratuíto ás liñas circulares C12 ou C4, cunha frecuencia estimada de 20 minutos e servizo desde as 07:15 ata as 22:45.
“Desde a nosa perspectiva mellóranse as frecuencias cos Tilos, mellórase toda esa posibilidade de chegar ao hospital”, afirmou Sanmartín. A rexedora recoñeceu, con todo, que a modificación obrigará a cambiar hábitos de desprazamento dalgunhas persoas usuarias e indicou que o novo contrato permite certa flexibilidade para ampliar a cobertura territorial, modificar frecuencias ou evitar duplicidades.
Sobre a comunicación previa con Teo, Sanmartín afirmou ter constancia de contactos entre o departamento de Mobilidade de Santiago e servizos municipais teenses, aínda que admitiu que estes poderían non terse producido directamente coa Alcaldía. Tamén incidiu en que as conexións cos Tilos superan as competencias propias de Santiago e dependen do convenio no que participa a Xunta. “Todo, absolutamente toda a disposición para falalo e para comentalo”, asegurou.
O Concello de Teo mantén que a modificación debe ser abordada nos órganos de seguimento previstos no convenio, prorrogado en 2024 ata 2028. O Goberno teense cuestionou especialmente a desaparición da conexión directa da liña 12 cos hospitais e reclamou poder trasladar propostas antes da entrada en vigor do novo contrato.
A ESPERA DO REPARTO DOS FONDOS DE VIVENDA
Na mesma comparecencia, Sanmartín foi preguntada polo reparto dos fondos destinados a Santiago e A Coruña pola súa condición de zonas de mercado residencial tensionado. A alcaldesa limitouse a sinalar que o Concello non dispón polo momento de información oficial sobre a distribución das cantidades entre as dúas cidades.
“Nós non tivemos constancia oficial desa distribución dos fondos. Sei que hai algún medio informativo que está falando deles, pero nós non temos ningunha constancia oficial do que é a distribución deses fondos entre A Coruña e Santiago”, indicou.
As dúas cidades reclaman que a Xunta lles transfira os 5,1 millóns de euros que o Estado prevé achegar vinculados á declaración de Santiago e A Coruña como zonas tensionadas. Sanmartín e a alcaldesa coruñesa, Inés Rey, acordaron o pasado 18 de setembro crear un grupo de traballo sobre vivenda e defender que eses recursos se destinen ás actuacións previstas polos dous concellos nesta materia.

