O vertido de xurros iniciado en Tordoia alcanzou xa o río Tambre dentro do termo municipal de Santiago de Compostela, segundo confirmou este martes o Concello. A chegada da fronte contaminante ao río do que se abastece a capital galega abre unha nova fase no seguimento do episodio, aínda que dende Raxoi insisten en que a auga que chega actualmente ás billas é totalmente segura para o consumo.
O Concello mantén a vixilancia sobre a evolución da contaminación a partir dos datos proporcionados por Veolia, empresa responsable do servizo municipal de auga, e sitúa como prioridade evitar que entre no sistema de abastecemento auga que non poida ser tratada nas condicións adecuadas. A administración local asegura que, se se detecta algún parámetro que supoña un risco ou impida garantir a potabilización, procederase ao peche da captación e informarase á cidadanía.
A chegada ao Tambre prodúcese pouco máis dunha semana despois da rotura dunha balsa de xurros nunha explotación gandeira de Santaia de Gorgullos, no municipio de Tordoia, que provocou a saída do material cara ao río Bustelo. Desde alí, a contaminación foi avanzando polos cursos do Paradela e do Lengüelle ata desembocar finalmente no Tambre.
Ante os datos sobre o avance do vertido que manexa Veolia, o Concello de Santiago xa solicitara este luns a Augas de Galicia a instalación de novas barreiras de contención. Segundo a última información trasladada polo Goberno municipal, está a colocarse unha nova barreira, elaborada cun material diferente ao empregado ata o momento, nas proximidades da confluencia entre o Lengüelle e o Tambre.
O Concello sinala, con todo, que Augas de Galicia non lle facilitou novos datos sobre a evolución do episodio desde a mañá do luns e reclama ao organismo dependente da Xunta unha maior mobilización de recursos. A petición municipal é que se reforcen as actuacións destinadas a frear a contaminación e a preservar a calidade da auga do Tambre antes de que a fronte continúe achegándose ao punto de captación que abastece Santiago.
A propia Xunta activara desde os primeiros días posteriores ao vertido un dispositivo de vixilancia, control e contención, con toma de mostras e análises nos cursos afectados. O 17 de setembro, Augas de Galicia trasladara aos concellos implicados que os datos daquela apuntaban a unha evolución favorable da calidade da auga e que non se prevían afeccións ao abastecemento de Santiago. A situación cambiou agora coa entrada efectiva do vertido no Tambre, unha circunstancia confirmada este martes tamén polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández.
O AMOIO, BAIXO VIXILANCIA
Un dos parámetros nos que se centra o seguimento municipal é a concentración de amonio. Segundo explica o Concello, cos valores que presenta actualmente a fronte de contaminación, de acordo cos datos de Veolia, non se pode garantir que a auga afectada poida ser incorporada ao abastecemento mantendo as condicións de calidade que esixe o servizo.
Raxoi sinala ademais que por riba dun valor de 0,25 de concentración de amonio non considera posible garantir unha calidade adecuada do abastecemento. A administración municipal explica que, con niveis superiores a ese limiar, sería necesario empregar unha carga importante de cloro para neutralizar os contaminantes e a auga podería chegar ás billas cun forte cheiro.
Por esta razón, o Concello sostén que non permitirá que entre na rede auga con valores que non poidan ser tratados correctamente polas potabilizadoras convencionais. A evolución da contaminación, a súa dilución no Tambre e os resultados das análises que se vaian realizando serán, deste xeito, os factores que determinarán as medidas que se adopten nos próximos días.
O vertido chegara inicialmente ao Bustelo tras o fallo da infraestrutura da explotación de Tordoia e avanzou lentamente polos diferentes cursos fluviais debido, entre outros factores, ao baixo caudal. Durante os primeiros días, as administracións instalaron barreiras e puxeron en marcha labores de retirada e contención do material mentres se realizaban análises en distintos puntos dos ríos afectados.
Co vertido xa no Tambre, Santiago reclama agora que Augas de Galicia incremente os medios despregados para reducir o impacto sobre o río. O Concello mantén, ao mesmo tempo, o seguimento do abastecemento e insiste en diferenciar a presenza da contaminación no curso fluvial da situación da auga que xa se distribúe pola rede municipal.
Neste sentido, Raxoi recalca que non existe neste momento unha indicación para deixar de consumir auga da billa. O compromiso municipal é interromper a captación antes de que se incorpore ao sistema auga que non cumpra os parámetros necesarios e comunicar calquera cambio que poida afectar directamente á poboación.

