O profesor Carlos Toural Bran tomou posesión este martes 22 de setembro como novo decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, nunha etapa na que o centro pretende combinar a continuidade do traballo desenvolvido nos últimos anos coa adaptación aos cambios que están modificando as profesións vinculadas ao xornalismo e á comunicación audiovisual.
O acto celebrouse nun dos estudos de cine da Facultade e estivo presidido pola reitora da USC, Rosa M. Crujeiras. Na súa primeira intervención como decano, Toural reivindicou o labor dos anteriores equipos de dirección e, especialmente, o desenvolvido pola súa predecesora, Ana Isabel Rodríguez. “Recibimos un legado e a nosa responsabilidade é transformalo e facelo avanzar”, sinalou.
A nova dirección quere situar tamén no centro da súa actuación a participación das persoas que integran a Facultade. Toural avanzou unha aposta polo diálogo, a transparencia e a confianza dentro da comunidade universitaria, partindo da idea de que “unha Facultade é, sobre todo, a comunidade que a fai posible”.
O decano resumiu os principios desta nova etapa en tres accións: “coidar, transformar e construír”. A primeira pasa por preservar as persoas, o patrimonio acumulado e os aspectos do funcionamento do centro que ofrecen resultados; a segunda, por revisar aqueles elementos que deixaron de responder ás necesidades actuais; e a terceira, por procurar novas maneiras de ensinar, colaborar e manter relación coa sociedade.
Boa parte da intervención de Toural estivo dedicada á transformación do sector da comunicación e ao impacto das novas tecnoloxías, que obrigarán, segundo defendeu, a revisar de maneira continuada a oferta académica. O obxectivo é que a formación universitaria non se limite ás necesidades profesionais existentes na actualidade, senón que prepare tamén o alumnado para un mercado condicionado pola dixitalización, a automatización e a intelixencia artificial.
Neste último ámbito, Toural apuntou que a Facultade deberá ir máis alá de ensinar a empregar ferramentas baseadas en IA. O novo decanato aposta por introducir unha reflexión sobre os seus usos, os seus límites e as responsabilidades asociadas á súa utilización, así como sobre as consecuencias que estas tecnoloxías poden ter sobre o traballo dos profesionais da comunicación.
No caso específico do xornalismo, o novo decano incidiu nun escenario no que os medios tradicionais comparten a atención do público con redes sociais, plataformas dixitais, creadores de contidos, formatos de vídeo e audio e sistemas de intelixencia artificial. “O recurso escaso xa non é a información. É a atención”, resumiu.
Ante esta situación, Toural defendeu a necesidade de reforzar competencias tradicionalmente asociadas ao oficio xornalístico, como a verificación, o contraste de fontes, a contextualización, a investigación e a capacidade para explicar asuntos complexos. Estes elementos, apuntou, cobran especial importancia nun contexto no que os medios deben facer fronte á disputa pola atención das audiencias, á perda de confianza e á polarización.
Os cambios tecnolóxicos afectan igualmente aos estudos de Comunicación Audiovisual, tanto nos procesos de produción como nas vías de distribución e nas formas de consumo. O decano considera que a formación neste ámbito deberá equilibrar o coñecemento das novas ferramentas coa capacidade narrativa, o criterio profesional e o respecto polos dereitos relacionados coa creación audiovisual.
A actualización das instalacións e dos medios técnicos será outro dos ámbitos de traballo do novo equipo. Toural formulou a necesidade de avanzar cara a unha renovación tecnolóxica permanente, fronte a un escenario no que as ferramentas empregadas no sector cambian cada vez con maior rapidez.
Xunto a esta modernización, o decanato pretende incrementar a conexión da Facultade coa sociedade e co ámbito profesional. Toural situou Galicia como punto de partida desta estratexia, cun centro vinculado á realidade social e cultural do país e á lingua galega, pero ao mesmo tempo conectado coa dimensión internacional da comunicación. A formulación, resumiu, pasa por “formar desde Galicia para un ecosistema global”.
A reitora Rosa M. Crujeiras destacou durante o acto a actividade investigadora da Facultade, o seu programa de prácticas, a programación académica desenvolvida polo centro e o traballo realizado nos últimos anos para facilitar o relevo xeracional do persoal. Crujeiras definiuna como “un centro sólido, esixente e con moita vida”.
Tamén puxo o foco na dimensión práctica das titulacións que se imparten nas instalacións compostelás. “O coñecemento non se transmite unicamente desde unha tarima: ensáiase, grávase, edítase, publícase e emítese. Aquí apréndese facendo”, afirmou a reitora durante a toma de posesión.
RODRÍGUEZ DEIXA O DECANATO TRAS LOGRAR A REACREDITACIÓN INSTITUCIONAL
A ata agora decana, Ana Isabel Rodríguez, aproveitou a súa despedida para agradecer o traballo realizado durante os últimos catro anos polas persoas que integraron a comunidade da Facultade. Segundo explicou, esa colaboración permitiu “conservar o legado que recollín e avanzar nos desafíos que se nos presentaron”.
Rodríguez sinalou como un dos principais resultados da etapa que agora conclúe a reacreditación institucional da Facultade para os próximos seis anos. A profesora atribuíu o logro ao traballo compartido desenvolvido ao longo do mandato e considerou cumprido o que fora un dos obxectivos centrais do equipo saínte.
CASE DÚAS DÉCADAS DEDICADO AO XORNALISMO DIXITAL
Carlos Toural Bran é licenciado en Xornalismo e doutor en Comunicación e Xornalismo pola USC e leva preto de dúas décadas desenvolvendo actividade docente e investigadora arredor do xornalismo dixital. A súa produción académica inclúe arredor dun cento de publicacións científicas.
Forma parte desde 2006 do Grupo de Investigación Novos Medios e participou en proxectos de investigación de ámbito galego, estatal e europeo. A súa relación coa xestión universitaria conta tamén cunha traxectoria previa na propia Facultade, onde exerceu durante seis anos como vicedecano en dúas etapas.
Desde 2018 estivo integrado, ademais, no equipo de goberno do anterior reitor da USC, Antonio López. Nese período traballou inicialmente como asesor e posteriormente, durante os últimos seis anos, como director do gabinete do reitor.
O novo equipo do decanato estará completado polos profesores Sara Pérez Seijo e Ángel Antonio Vizoso García como vicedecanos, mentres que Roi Méndez Fernández asumirá a secretaría da Facultade.

