O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste xoves a xestión dos fluxos turísticos na Cidade Histórica. O seu voceiro, Gumersindo Guinarte, preguntará ao Goberno municipal que actuacións prevé aplicar para organizar as concentracións de visitantes na contorna da Catedral e cal é o calendario previsto para a súa posta en marcha, coa vista posta tamén no Ano Xacobeo 2027.
A iniciativa chega despois dun verán no que se produciron longas colas para acceder á Catedral, que chegaron a ocupar diferentes puntos das rúas próximas ao templo. Segundo expón o grupo socialista, nalgunhas xornadas as esperas prolongáronse ata dúas horas e as filas estendéronse pola rúa do Vilar, unha situación que Guinarte considera que ten consecuencias tanto para a actividade turística como para quen vive ou traballa na zona histórica.
O portavoz socialista sostén que este tipo de episodios “afecta á imaxe turística da nosa cidade pero tamén á vida diaria das persoas que residen e traballan no casco histórico”. Neste sentido, o PSOE introduce tamén no debate o uso do espazo público pola veciñanza, ao entender que a concentración de persoas nas rúas próximas á Catedral pode dificultar os desprazamentos e a actividade cotiá neste ámbito da cidade.
A ordenación destas aglomeracións xa foi abordada polo Executivo compostelán ao longo dos últimos meses. En marzo, o Goberno local informou de que traballaba nun sistema de sinalización intelixente que permitiría trasladar información sobre as colas e facilitar unha distribución dos visitantes por outros puntos da cidade. Xa en agosto, a alcaldesa, Goretti Sanmartín, explicou que Turismo, Mobilidade e os responsables da Catedral estaban buscando un acordo para organizar os fluxos nos momentos de maior afluencia, aínda sen concretar daquela as medidas definitivas.
Guinarte considera, porén, que a administración municipal debe avanzar agora na definición das actuacións. O edil sinala que o Goberno “leva tempo asegurando que está a estudar esta situación”, pero sostén que “seguimos sen coñecer medidas concretas que permitan darlle unha solución”. Por este motivo, reclamará no Pleno información sobre que iniciativas se van executar e en que prazos.
A proximidade do Xacobeo 2027 ocupa tamén unha parte central da pregunta socialista. O grupo municipal considera necesario anticipar a organización antes dun período no que se espera unha elevada chegada de peregrinos e visitantes e defende que as medidas “deberían estar xa planificadas, implantadas e probadas” para comprobar o seu funcionamento antes do inicio do Ano Santo.
A cuestión sobre as colas e os movementos de visitantes arredor da Catedral tamén foi formulada nas últimas semanas por outros grupos da Corporación. O PP reclamou en agosto medidas na zona ante o Xacobeo, mentres que o Executivo municipal mantén que está traballando na ordenación dos accesos e na coordinación dos departamentos implicados.
O PSOE levará ademais ao Pleno a coordinación entre o Concello e o Arcebispado, dous actores directamente implicados pola confluencia entre os accesos ao templo e a utilización das rúas e prazas da súa contorna. Guinarte preguntará ao Executivo local “se existe unha coordinación efectiva co Arcebispado” para organizar as entradas á Catedral e evitar que as filas volvan ocupar de forma prolongada distintos puntos da Cidade Histórica.

