InicioPOLÍTICAA Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio...

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

O Concello aproba tamén cambios no PERI-5 de San Lázaro, resolve o contrato dos itinerarios sostibles da Intermodal e informa dunha sentenza favorable sobre a recarga ás estadías turísticas

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as obras da terceira fase de reparación do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, unha intervención que terá un prazo de execución de catro meses. A portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta deste acordo xunto con outros expedientes de contratación, urbanismo, convenios e licenzas, ademais de informar dos asuntos tratados nunha sesión extraordinaria celebrada o pasado xoves.

Entre estes últimos figura a adxudicación do servizo de xestión da Rede Municipal de Escolas Infantís, integrada polos centros de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños, á empresa Promoción de la Formación Las Palmas SL. O contrato terá unha duración de dous anos e conta cun orzamento máximo de 1.565.491,85 euros anuais, un 24,8% máis que o anterior, licitado en 2022. O incremento xa figuraba no expediente de licitación aprobado en xuño, que situaba o importe para os dous anos en algo máis de 3,13 millóns de euros.

O novo modelo establece prezos unitarios por hora para cada perfil profesional e fixa en 60.574,54 horas o máximo anual do servizo. Segundo explicou Louzao, este sistema permitirá adaptar o número de horas ás necesidades que se detecten durante a prestación e destinar os posibles aforros a reforzos ou melloras educativas. O incremento orzamentario permitirá tamén asumir as novas condicións laborais e salariais recollidas no convenio do sector e o aumento dos custos dos materiais e do comedor.

Os criterios empregados na adxudicación outorgaron máis peso ás cuestións vinculadas coa calidade do servizo, como o reforzo de educadoras nas franxas de maior actividade, a celebración de titorías individuais antes do período de adaptación ou a creación dun proxecto lúdico específico para crianzas de entre 0 e 3 anos durante a garda de agosto. O contrato incorpora ademais cambios no comedor, cun programa de seguridade sanitaria e educación nutricional e unha separación das funcións da cociña e da limpeza, que ata agora podían recaer na mesma persoa.

Outro dos cambios afecta á atención á diversidade. O contrato contempla 150 horas anuais de presenza física na aula para detección precoz e asesoramento ás educadoras, outras 250 destinadas a sesións de estimulación directa con alumnado que presente sinais de alerta e 50 para sesións grupais ou titorías individuais de orientación ás familias. Louzao defendeu que o Concello pasa así dun sistema centrado principalmente na planificación previa a outro baseado no seguimento de indicadores asistenciais, pedagóxicos, sociais e sanitarios.

Na sesión extraordinaria tamén se adxudicou á Escola de Tempo Libre Don Bosco a xestión, dirección e dinamización do Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes, nas Fontiñas. A entidade presentou unha oferta de 397.443,02 euros para dous anos, o que supón 198.721,51 euros anuais. O equipamento municipal desenvolve actividades de conciliación e lecer para a infancia durante períodos lectivos e non lectivos.

O novo contrato incrementará en 2.498 horas a presenza de persoal monitor. Fronte ao anterior equipo, integrado por unha persoa coordinadora a xornada completa, unha monitora ao 90% e tres monitores ao 71%, o servizo contará agora cunha coordinadora e dúas monitoras a xornada completa, outras dúas con 27,5 horas semanais durante todo o ano e unha persoa específica para atender usuarios con necesidades especiais durante outras 27,5 horas semanais. Nos períodos non lectivos sumarase outro reforzo para a atención de necesidades educativas especiais, mentres que as actividades extraordinarias, entre elas festivais, exposicións ou saídas, máis que duplicarán a súa presenza na programación.

Xa na sesión ordinaria deste luns, a Xunta de Goberno concedeu varias licenzas de obra maior. Entre elas figuran a rehabilitación das fachadas dun edificio situado no número 5 da rúa da Griña de Meixonfrío, a reparación da fachada ventilada dun inmoble da rúa José Antonio Souto Paz 14, unha actuación para eliminar barreiras arquitectónicas e instalar un ascensor e a reforma e mantemento do edificio de Atención Temperá do Hospital Gil Casares.

En materia urbanística, o Goberno local aprobou inicialmente unha modificación puntual do PERI-5 de San Lázaro, formulada de oficio polo Concello. A intervención pretende reorganizar a edificación para favorecer a súa integración no núcleo, reducir o impacto visual mediante a fragmentación dos volumes, facilitar a incorporación dos garaxes sen ampliar a superficie ocupada e redefinir os espazos verdes. Tamén se manterá a conexión transversal entre o Camiño Francés e a avenida de San Lázaro e estableceranse criterios para a futura urbanización da zona. O PERI-5 é o instrumento urbanístico que ordena este ámbito do núcleo de San Lázaro.

O axuste afecta a uns 3.000 metros cadrados e, segundo os datos trasladados polo Concello, non aumenta o aproveitamento urbanístico nin a edificabilidade. Pola contra, a superficie edificable total reducirase de 3.213 a 3.011 metros cadrados, mentres que se reservarán 1.507 metros cadrados para espazos libres públicos. O expediente quedará sometido a exposición pública durante un mes desde a publicación dos correspondentes anuncios no BOP e no DOG.

No capítulo de contratación, a Xunta de Goberno acordou resolver o contrato coa empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones para executar a primeira fase da Rede de Itinerarios Sostibles para a Redución da Pegada de Carbono na contorna da Estación Intermodal. O Concello atribúe a decisión ao incumprimento da obriga principal do contrato e acordou incautar a garantía definitiva depositada pola empresa, por un importe de 12.453,26 euros.

Louzao explicou posteriormente que o contrato fora adxudicado por 301.368,99 euros, IVE incluído, cun prazo de execución de tres meses, e que a acta de comprobación do replanteo e inicio das obras fora asinada o 25 de setembro de 2024. A adxudicación inicial dese proxecto, financiado con fondos FEDER a través da EDUSI Revive Compostela, fora aprobada en 2023 polo mesmo importe.

Segundo a portavoz, a empresa non chegou a executar a actuación e o paso do prazo impediu volver sacar o contrato a concurso dentro do período no que estaban dispoñibles os fondos europeos. Louzao indicou que non lle constaba neste momento que o Concello previse adoptar outras medidas pola perda do financiamento máis alá da incautación da garantía, aínda que apuntou que a obra poderá volver estudarse cando exista dispoñibilidade orzamentaria municipal.

O Goberno local tamén acordou prorrogar seis meses, desde o 1 de outubro, o contrato de conserxería e limpeza de varias instalacións deportivas que presta Lacera Servicios y Mantenimiento. A prestación ten asociado un gasto anual de 875.480,54 euros e con esta última extensión completarase o período máximo de catro anos previsto no contrato. A empresa xa viña prestando este servizo nas instalacións deportivas municipais.

A maiores, aprobouse iniciar a contratación das obras para reparar un colector de saneamento que cruza a estrada AC-841, na rúa do Castiñeiriño, na zona de Conbarro. A actuación sae a licitación mediante procedemento aberto simplificado cun orzamento de 63.089,44 euros. Tamén se adxudicou a Urban Technology, por 63.340,12 euros, a subministración de traxes de protección contra auga, alta visibilidade e rescate técnico destinados ao persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento.

Un dos principais contratos aprobados este luns é o correspondente á fase 3 das obras do Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro, que foi adxudicado a Proyecon Galicia SA por 1.260.680,85 euros, IVE incluído, cun prazo de catro meses. O expediente fora licitado inicialmente por 1.292.790,67 euros e contempla actuacións derivadas do estudo integral de patoloxías do recinto.

Os traballos permitirán actuar sobre fachadas, cuberta e soportais, ademais de substituír o falso teito da zona da cafetería e as carpinterías do muro cortina da porta número 1. O estadio rematouse de construír en 1993 e o Concello foi abordando por fases as deficiencias detectadas tras máis de tres décadas de funcionamento. Esta terceira intervención é a de maior alcance das executadas ata agora e conta cunha subvención de 850.000 euros da Deputación da Coruña, mentres que a parte restante será asumida con fondos municipais. A achega provincial xa estaba incorporada ao expediente cando se iniciou a licitación.

A Xunta de Goberno autorizou tamén dous convenios vinculados a subvencións nominativas. O primeiro será co Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, que recibirá 2.000 euros para o desenvolvemento da quenda de oficio en dereito administrativo, e o segundo coa Asociación Galega de Persoas con Enfermidades Oncohematolóxicas, Asotrame Galicia, con 3.000 euros para un programa de atención psicosocial a pacientes con procesos oncohematolóxicos e transplantes de medula ósea.

Na mesma reunión deuse conta dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sobre a ordenanza que regula a recarga municipal do imposto ás estadías turísticas, despois do recurso presentado por Unión Hotelera Compostela. Segundo explicou Louzao, o tribunal rexeitou os sete motivos de impugnación formulados pola asociación e impúxolle as custas do procedemento.

As alegacións referíanse, entre outras cuestións, á ausencia dun informe de impacto de xénero, á consulta pública previa, aos prazos dos trámites de participación, á xustificación técnica da recarga, ao contido dos informes municipais, ao destino dos ingresos e á adecuación da norma á Constitución e ao dereito comunitario. A Lei 5/2024 permite aos concellos establecer voluntariamente esta recarga e determina que, como mínimo, o 80% dos ingresos deben destinarse a investimentos ou gastos ligados ao turismo sustentable.

Louzao indicou que a resolución xudicial avala a tramitación seguida polo Concello e lembrou que o Foro de Turismo Sustentable é o mecanismo previsto para canalizar a participación na definición do destino destes recursos. A portavoz cifrou en algo máis de 1.141.000 euros a recadación acumulada tras pecharse o segundo período de pagamento voluntario da recarga municipal.

Por último, entrou por urxencia a resolución do recurso de reposición presentado polo Club de Natación Ciudad de Santiago contra as bases para repartir os horarios de adestramento nas piscinas de Santa Isabel e Fontes do Sar. O Concello desestimou as obxeccións ao considerar que non se acredita ningún motivo de nulidade ou anulabilidade das bases, senón unha discrepancia cos criterios utilizados para distribuír os espazos.

Segundo os datos expostos por Louzao, o club empregou na tempada 2025-2026 82,75 horas semanais de espazo de piscina, mentres que co novo reparto tería dereito a 192. O cambio afecta principalmente á distribución por franxas horarias, xa que as bases reservan o tramo central da tarde, entre as 16:00 e as 20:30, para o deporte de base. O Goberno municipal sostén tamén que as normas só poden ordenar a superficie dispoñible nas instalacións e non incrementar o espazo existente nas piscinas.

ÚLTIMAS

Erguer leva o estado de San Clemente ao centro da crise da vivenda estudantil

O recente desprendemento dunha parte da cornixa e da cuberta dun balcón do Colexio...

Verea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de Santiago as fins de semana

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a súa proposta de...

Muíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais e os problemas na Policía Local

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclamou ao Goberno de Santiago a posta en...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Verea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de Santiago as fins de semana

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a súa proposta de...

Muíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais e os problemas na Policía Local

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclamou ao Goberno de Santiago a posta en...

Verea pide que Raxoi sexa un espazo de diálogo ante o conflito polos fondos de vivenda

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, defendeu o diálogo entre administracións no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here