InicioPOLÍTICAMuíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais...

Muíños reclama activar o Pacto Local de Seguridade ante as queixas veciñais e os problemas na Policía Local

O concelleiro non adscrito pide coordinación entre Concello e Estado, denuncia quendas por baixo dos mínimos e fallos nos equipos de comunicación e cuestiona a resposta municipal e da Delegación do Goberno

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños reclamou ao Goberno de Santiago a posta en marcha do Pacto Local pola Seguridade e a Convivencia, unha iniciativa aprobada polo Pleno municipal en 2025 e coa que propón articular unha resposta coordinada entre administracións ante os problemas denunciados nas últimas semanas en diferentes zonas da cidade. O edil sitúa entre as súas principais preocupacións a situación do Ensanche, Santa Marta e San Lourenzo, así como as condicións nas que, segundo asegura, está a traballar a Policía Local.

A petición prodúcese nun contexto no que se sucederon durante setembro as queixas veciñais e diferentes episodios relacionados coa convivencia e a seguridade. A asociación veciñal Río Sarela denunciou recentemente problemas vinculados ao consumo e tráfico de drogas en San Lourenzo, mentres axentes policiais advertiron do uso de armas brancas nalgunhas pelexas nocturnas. A Policía Nacional investiga ademais dúas agresións rexistradas durante as festas de Conxo, unha delas cunha navalla.

Ante esta situación, Muíños sostén que o Executivo encabezado por Goretti Sanmartín debe recuperar o acordo municipal sobre seguridade e convivencia. “Levamos máis dun ano insistindo nisto e a señora Sanmartín segue sen facer absolutamente nada cunha proposta que aprobou o Pleno”, afirma. A orde do día da sesión do 27 de febreiro de 2025 recolleu unha proposición do Grupo Municipal Socialista para impulsar o pacto, formación da que daquela Muíños era portavoz.

O concelleiro xa reclamara en maio a convocatoria da Xunta Local de Seguridade pola situación que se estaba producindo na contorna de Santa Marta e A Choupana. Agora sostén que, transcorridos catro meses, continúan os problemas e engadíronse novas preocupacións noutras zonas da cidade, entre elas San Lourenzo, onde representantes veciñais pediron este mes un plan de actuación que combine presenza policial e intervención dos servizos sociais.

Muíños tamén utiliza como argumento as advertencias trasladadas nas últimas semanas por policías sobre a conflictividade vinculada ao ocio nocturno e a aparición de navallas nalgunhas pelexas. “Dicir que a preocupación veciñal non existe ou que se esaxera é vivir nunha realidade paralela. É un problema real que este Goberno négase a xestionar”, asegura. Informacións publicadas este mes recolleron a preocupación de axentes pola frecuencia e perigosidade dalgúns enfrontamentos nocturnos, despois dos incidentes rexistrados en Conxo.

Á marxe dos episodios rexistrados nas rúas, o concelleiro centra unha parte das súas críticas na organización interna da Policía Local. Segundo denuncia, hai quendas nas que non se chegan a cubrir os cadros mínimos previstos polo propio Concello, circunstancia que, ao seu xuízo, limita a capacidade de resposta do corpo municipal.

Muíños asegura que nalgúns momentos o dispositivo chegou a contar con “apenas dúas patrullas para atender zonas tan amplas como Conxo”, ao tempo que os efectivos dispoñibles teñen que asumir outras funcións. As críticas sobre a cobertura das quendas xa foran formuladas este mes polo PP, que afirmou que durante determinadas xornadas de xullo e agosto traballaron seis policías locais, fronte aos doce que, segundo a formación, están establecidos como mínimo durante as fins de semana.

O edil non adscrito relaciona esta situación con outros conflitos recentes na prestación dos servizos municipais e lembra os problemas que chegaron a afectar á apertura do túnel do Hórreo, ademais das dificultades de persoal que se teñen producido noutros servizos de emerxencias. “Xa non é só que falten prazas: é que o Goberno é incapaz de garantir sequera os cadros mínimos que o propio Concello ten fixados por quenda”, manifesta.

Outra das cuestións sobre as que Muíños pide actuar son os sistemas de comunicación utilizados polos axentes. O concelleiro afirma que existen dispositivos avariados e considera que estas deficiencias poden dificultar tanto a coordinación das patrullas como a petición de apoio durante unha intervención. “Non podemos aceptar que os policías saian á rúa sen ter garantidas as ferramentas básicas para comunicarse entre eles e pedir apoio se é necesario”, sinala.

A estas circunstancias suma a formación dos novos policías en prácticas, que, segundo explica, debe ser asumida polos propios efectivos mentres desenvolven o seu traballo ordinario nas rúas. Muíños considera que a combinación destas tarefas coa falta de persoal repercute no funcionamento habitual do corpo. “Así non se pode prestar un servizo público nin protexer adecuadamente á veciñanza”, afirma.

 CRÍTICAS TAMÉN Á DELEGACIÓN DO GOBERNO

As reclamacións do concelleiro non se dirixen unicamente ao Concello. Muíños cuestiona tamén a actuación do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, ao que acusa de realizar visitas aos barrios composteláns con intereses partidistas mentres quedan pendentes asuntos que dependen da Administración estatal.

“De que vén dar leccións o Delegado do Goberno cando ten a comisaría da Policía Nacional de Rodrigo de Padrón queimada e aínda non sabemos nada da súa reapertura?”, pregunta o edil. A sede principal da Policía Nacional na avenida de Rodrigo de Padrón quedou inutilizada polo incendio do 12 de febreiro de 2026, o que obrigou a reorganizar os servizos. Desde maio, o corpo conta cunha sede provisional en Santa Marta, á que se trasladaron progresivamente departamentos como a oficina de denuncias, a expedición de DNI e pasaportes ou parte dos servizos de estranxeiría.

O Goberno central aprobou ademais en maio 1,6 millóns de euros para executar obras de emerxencia na comisaría de Rodrigo de Padrón, mentres se mantén o dispositivo temporal de Santa Marta. Muíños reclama á Delegación que avance na recuperación definitiva das instalacións e que garanta os efectivos da Policía Nacional que precise a cidade.

O concelleiro vincula esta demanda coa preparación do Xacobeo 2027, ante a previsión dun incremento da presenza de visitantes en Compostela. Na súa opinión, este escenario require anticipar as necesidades de persoal e mellorar a coordinación entre Policía Local e Policía Nacional, así como entre o Concello, a Delegación e a Subdelegación do Goberno.

UN PACTO CON PARTICIPACIÓN DAS ADMINISTRACIÓNS

Muíños propón que o Pacto Local pola Seguridade e a Convivencia funcione como espazo para ordenar esa coordinación e incorporar ás diferentes institucións con competencias nesta materia. A proposta formulada en 2025 prevía unha comisión permanente na que participasen áreas municipais, corpos de seguridade, axentes sociais, representantes veciñais e membros da Corporación.

O edil defende que tanto o Concello como a Administración estatal poñan en común os seus recursos e delimiten as actuacións que corresponden a cada unha. Ao mesmo tempo, rexeita que o debate quede reducido ao intercambio de acusacións políticas. “A seguridade da nosa cidade non se resolve nin co negacionismo da alcaldesa nin co oportunismo do Delegado do Goberno. Tampouco co alarmismo do Partido Popular”, afirma.

Fronte a ese escenario, Muíños reclama “xestión, acordos e traballo coordinado” e insiste na incorporación da Delegación e da Subdelegación do Goberno ao pacto. “O que propoñemos é que todas as administracións poñamos enriba da mesa os medios e as competencias que temos para mellorar a seguridade de Santiago”, conclúe.

ÚLTIMAS

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as...

Verea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de Santiago as fins de semana

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a súa proposta de...

Gemma Arenas bate o récord mundial W45 e logra o bronce no Mundial de 100 quilómetros de Ames

Ames converteuse este domingo nun dos principais escenarios do atletismo internacional coa celebración do...

Santiago reúne preto de 150 persoas na segunda edición de ‘GALIA TECH’ para abordar as aplicacións da intelixencia artificial

Santiago de Compostela acolleu a segunda edición de 'GALIA TECH', unha xornada organizada por...

A Xunta de Goberno adxudica por 1,26 millóns as obras do estadio de San Lázaro e renova a xestión das escolas infantís

A Xunta de Goberno Local de Santiago adxudicou este luns por 1.260.680,85 euros as...

Verea propón abrir os patios e instalacións deportivas de tres colexios de Santiago as fins de semana

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, anunciou a súa proposta de...

Verea pide que Raxoi sexa un espazo de diálogo ante o conflito polos fondos de vivenda

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, defendeu o diálogo entre administracións no...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here