A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos ao Hospital Clínico de Santiago, unha situación que, segundo sinala, se viu “agravada” estes días por unhas obras “non previstas”. Nun comunicado, a entidade recolle a queixa dunha paciente que este mércores pola mañá acudía a unha cita programada e se atopou con “colas imposibles” que lle impedían chegar a tempo á consulta.
A asociación sostén que esta situación era “previsible” desde o momento no que comezaron as obras de ampliación do CHUS e do centro de protonterapia. “Sabíase desde o inicio das licitacións en outubro e decembro de 2022 que o número de prazas de estacionamento en superficie quedaría reducido en máis de 600 e que era necesario adiantarse con medidas que garantisen que non se vería afectado o acceso físico a un servizo básico e esencial como é a sanidade”, alegan.
A entidade insiste en que as prazas de aparcadoiro xa eran “insuficientes” antes do inicio das obras e critica que “só se adoptou algunha medida paliativa, parcial e exixua con elas xa iniciadas”. Segundo explican, as consecuencias desta situación están a afectar directamente ás persoas usuarias do hospital. Entre elas, citan o incumprimento das citas programadas, un maior tempo de espera nas salas ao seren atendidos fóra de hora, o risco de suspensión das citas e a necesidade de saír varias horas antes da casa cando os pacientes non residen en Santiago.
A asociación tamén alerta dun aumento das demoras nos servizos de ambulancias e dunha maior discriminación para as persoas con mobilidade reducida, que ven como as zonas de acceso reservadas están “invadidas” por todo tipo de vehículos. Ante esta situación, reclaman que se adopten medidas provisionais urxentes para poñer fin a un problema que consideran “froito da improvisación e da falta de planificación”.

