O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de pagamento aos provedores entre os compromisos do seu proxecto municipal para as eleccións de 2027. O popular asegura que, se chega á Alcaldía, pretende que o período medio se sitúe en 30 días durante o primeiro ano de mandato e baixe dos 20 días a partir do segundo.
A proposta chega despois de que, segundo os datos difundidos polo PP compostelán, o Concello presentase ao peche de xuño un período medio de pagamento próximo aos 100 días. Verea xa avanzara anteriormente este compromiso, que agora incorpora á serie de medidas que a formación está dando a coñecer de maneira periódica de cara ao próximo mandato municipal.
O popular vincula a redución dos prazos cun cambio na organización administrativa do Concello e co impacto que os atrasos poden ter sobre autónomos, pequenas e medianas empresas e profesionais que prestan servizos á administración local. “Non estamos falando simplemente dunha cifra ou dun indicador administrativo. Estamos falando de persoas que fan un traballo, que teñen nóminas, impostos e gastos que pagar e que necesitan saber cando van cobrar”, afirmou.
Verea defende que acurtar os tempos permitiría aos provedores organizar con maior previsión a súa actividade e afrontar os seus compromisos económicos. “Pagar en prazo é unha obriga, pero tamén é unha cuestión de respecto por quen traballa, emprende e crea emprego na nosa cidade”, sinalou o líder popular ao presentar a proposta.
Para alcanzar os prazos que fixa como obxectivo, o PP propón reorganizar o funcionamento interno da administración municipal, revisar os procedementos burocráticos e reforzar a coordinación entre departamentos. Verea tamén aposta por simplificar a tramitación das facturas e establecer un control continuado sobre os pagamentos que permanezan pendentes.
“Queremos un Concello serio, áxil e puntual, que respecte tamén o tempo e o diñeiro da xente. Se a administración esixe aos cidadáns que cumpran as súas obrigas en prazo, ten que dar exemplo”, sostivo. Segundo o popular, a medida non precisaría dun incremento do gasto municipal, senón dunha modificación dos procesos de xestión.
“Isto non vai de gastar máis. Vai de xestionar mellor. E de entender que detrás de cada factura hai empresas, autónomos, empregos e persoas que teñen dereito a cobrar cando lles corresponde”, afirmou Verea, que sitúa a redución dos períodos de pagamento dentro dunha proposta máis ampla para modificar a relación entre o Concello e a cidadanía.
OUTRAS MEDIDAS ANUNCIADAS POLO PP
O compromiso cos provedores súmase a outras iniciativas que o grupo popular compostelán foi presentando nos últimos meses. Entre elas figura a proposta de incorporar Bizum como sistema para aboar taxas, actividades e determinados servizos municipais, unha medida coa que o PP pretende ampliar as opcións dispoñibles para realizar pagamentos á administración local.
Verea tamén presentou nas últimas semanas un paquete centrado nas familias que inclúe a denominada Parada Familiar, acompañada dunha bolsa de horas gratuítas de estacionamento regulado, así como a posibilidade de que o Concello asuma a organización das actividades extraescolares dos centros educativos.
Nese mesmo bloque, os populares propoñen crear un servizo municipal de canguraxe para situacións imprevistas, financiar estadías de tres semanas en Irlanda para alumnado de 3º da ESO e ampliar a oferta de campamentos durante o período estival. O PP engade a estas medidas a creación dunha Casa das Familias, concebida como un servizo municipal gratuíto de orientación e acompañamento.
Outra das propostas anunciadas pola formación pasa por avanzar cara á creación dunha rede de cociñas propias nos colexios públicos, dentro do conxunto de medidas que Verea pretende incorporar ao programa co que concorrerá ás eleccións municipais de 2027. “Todas estas propostas parten dunha mesma idea: que o Concello facilite a vida da xente. Ese é o cambio que queremos para Santiago”, concluíu.

