A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar un préstamo de 2.972.000 euros, destinado a financiar investimentos e transferencias de capital recollidos nos orzamentos municipais de 2026. A sesión deu tamén luz verde á nova convocatoria de subvencións para asociacións veciñais, dotada con 90.000 euros, e abordou un expediente urbanístico iniciado hai máis de tres décadas nun edificio da rúa de García Prieto.
Segundo explicou Míriam Louzao tras a reunión, a operación financeira poderá formalizarse unha vez comprobado que o Concello cumpre cos requisitos legais. O orzamento municipal de 2026 está definitivamente aprobado e o aforro neto, unha vez considerada a anualidade teórica de amortización, sitúase en 3.938.051,05 euros, o que representa un saldo positivo do 3,22%.
Co novo préstamo, a débeda municipal ascendería a 39.792.771,03 euros, equivalente ao 32,55% dos dereitos liquidados correspondentes ao exercicio de 2025, por baixo do límite legal do 75%. A operación non está sometida á Lei de Contratos do Sector Público, aínda que o procedemento deberá respectar principios de publicidade, transparencia, igualdade entre as entidades concorrentes e selección da proposta máis vantaxosa.
O prego establece unha estrutura en dous períodos. Durante os tres primeiros anos, a operación funcionará como unha póliza de crédito da que o Concello poderá dispoñer de maneira progresiva segundo avance a execución dos investimentos, polo que só pagará xuros polas cantidades efectivamente utilizadas. A continuación abrirase unha segunda fase de nove anos, destinada á devolución do capital xunto cos xuros correspondentes. O tipo será variable e terá como referencia o Euríbor a tres meses, xa que as liquidacións serán trimestrais.
90.000 EUROS PARA O MOVEMENTO VECIÑAL
A Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria de subvencións ás asociacións veciñais, cunha partida total de 90.000 euros para sufragar gastos correspondentes ao conxunto de 2026. A principal modificación respecto de anteriores convocatorias afecta á xustificación das actividades desenvolvidas durante os últimos meses do ano.
Os gastos executados e pagados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro deberán xustificarse antes do 15 de outubro. Para as actividades realizadas entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, as entidades poderán recibir anticipadamente ata un 30% da subvención concedida e presentar a documentación xustificativa ata o 15 de xaneiro de 2027.
A subvención poderá cubrir como máximo o 80% do orzamento presentado por cada entidade. O límite xeral será de 3.000 euros, aínda que ascenderá ata os 5.100 euros para as asociacións titulares dun equipamento sociocultural. O prazo de solicitudes será de dez días hábiles desde o día seguinte á publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
Louzao explicou que o Concello convocará unha reunión coas asociacións para trasladarlles as modificacións introducidas e resolver posibles dúbidas, debido aos cambios no procedemento e aos prazos previstos para tramitar a convocatoria.
UN EXPEDIENTE URBANÍSTICO ABERTO DENDE FINAIS DOS ANOS 80
No apartado de urbanismo, o goberno local autorizou unha licenza para a rehabilitación enerxética do edificio do número 24 da rúa de Quiroga Palacios. Ademais, aprobou unha modificación non substancial do proxecto técnico destinado a repoñer a legalidade urbanística no inmoble situado nos números 9-11 da rúa de García Prieto.
Este segundo expediente ten a súa orixe nunhas obras executadas sen cobertura da licenza concedida en 1988. Posteriormente solicitouse unha nova autorización para legalizalas, pero un informe da arquitecta municipal concluíu que esa regularización non era compatible co Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1989. A pesar dese criterio técnico, a daquela Comisión de Goberno concedeu a licenza, unha decisión que posteriormente foi revisada nos tribunais.
O procedemento acabou cunha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo de Santiago de 1991, posteriormente confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en 1993 e polo Tribunal Supremo en 1999. As resolucións determinaron que as obras non podían ser legalizadas nos termos nos que foran executadas.
O inmoble fora construído cun maior aproveitamento do permitido baixo a rasante da rúa de García Prieto e cun acceso traseiro cara á rúa de Manuel Beiras. Contaba con tres plantas de soto, fronte ás dúas autorizables, polo que os tribunais estableceron a necesidade de deixar sen uso ese acceso e un dos sotos e habilitar a entrada aos garaxes desde García Prieto.
Para cumprir a sentenza foi necesario redactar un proxecto con cambios en varios elementos estruturais vinculados ao acceso. Segundo detallou Louzao, durante estes anos producíronse dificultades derivadas da falta de acordo na comunidade de propietarios e de impedimentos para acceder a determinadas partes do edificio, o que levou ao Concello a tramitar a actuación mediante execución subsidiaria. Os obstáculos detectados á hora de aplicar o proxecto nos termos inicialmente previstos motivaron agora a modificación non substancial aprobada pola Xunta de Goberno.
CONVENIOS COS USC, O IES ROSALÍA E O PROGRAMA ‘VACACIÓNS EN PAZ’
A Xunta de Goberno tomou tamén coñecemento da sinatura de cinco convenios correspondentes a subvencións nominativas que xa foran previamente aprobadas. Entre elas figuran 14.000 euros para o Programa de Igualdade de Xénero da Universidade de Santiago de Compostela e 20.000 para o Programa de Atención Bucodental da USC.
Completa esta relación unha achega de 2.000 euros para o Programa de Maiores do IV Ciclo da Universidade, outros 8.000 euros para a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, destinados ao programa de acollemento familiar ‘Vacacións en Paz’ de 2026, e 6.200 euros para o IES Rosalía de Castro, vinculados ao desenvolvemento do Bacharelato Internacional.
Na sesión incorporouse ademais por urxencia o expediente do contrato do servizo de danos materiais ao abeiro do lote II do Acordo Marco da Federación Española de Municipios e Provincias sobre mediación de seguros. A remuneración da empresa contratista dependerá da comisión establecida en cada póliza que se formalice e correrá a cargo da entidade aseguradora, polo que, segundo indicou o goberno local, non suporá un gasto directo para o Concello.
Tamén se acordou prorrogar o contrato de limpeza e desinfección dos dispositivos de auga quente sanitaria e de auga fría de consumo humano para a prevención e control da lexionela nas instalacións deportivas municipais. O servizo continuará coa empresa Sani Astur SL desde este 15 de setembro e ata que se adxudique o novo contrato, cun prazo máximo de seis meses.
SANTIAGO AMOSA A SÚA DISPOSICIÓN A ACOLLER MENORES MIGRANTES
Fóra dos asuntos incluídos na Xunta de Goberno, Louzao foi preguntada pola posible acollida de menores migrantes e asegurou que Santiago manterá a disposición mostrada noutras ocasións. A responsable municipal lembrou precedentes como a chegada de menores procedentes de Ucraína, Venezuela ou doutros países e considerou que o sistema público ten capacidade para organizar este tipo de acollementos.
“Entendemos que é unha cuestión de solidariedade, que é unha cuestión de humanidade”, afirmou. Louzao indicou que o Concello colaborará no que sexa necesario, aínda que defendeu que a organización debe partir dunha actuación coordinada entre o Estado e as comunidades autónomas e, posteriormente, cos municipios que vaian participar na acollida.
Como exemplo da implicación municipal en programas anteriores, sinalou que o Concello continúa sufragando o comedor de menores chegados desde Ucraína. Con todo, insistiu en que neste momento o goberno compostelán non recibiu información concreta sobre unha eventual chegada de novos menores á cidade.
O CONCELLO PIDE MÁIS COORDINACIÓN SOBRE OS GRANDES EVENTOS
Louzao pronunciouse tamén sobre a celebración en Compostela de competicións deportivas de alto nivel, despois de que o comisario do Xacobeo informase á alcaldesa antes de facer pública unha iniciativa deste tipo. A representante municipal considerou que estes eventos poden funcionar como escaparate para Santiago e ampliar a oferta deportiva da que pode gozar a cidadanía.
O Concello agradeceu ter recibido comunicación previa, pero reclamou avanzar cara a unha planificación con máis antelación. “É importante poder ter esa coordinación de cara a todos os eventos que poida haber na cidade, tamén para que non haxa solapamentos”, explicou Louzao, quen indicou que trasladou esta posición ao propio comisario do Xacobeo e que ambas as partes coinciden na necesidade de mellorar esa coordinación.

