Santiago de Compostela volverá converterse durante tres días nun escaparate para os oficios tradicionais, a produción de proximidade e a artesanía alimentaria coa celebración da segunda edición do mercado ‘Artesanamente’, que terá lugar os días 18, 19 e 20 de setembro na sede da Fundación ABANCA da rúa do Vilar. A cita reunirá máis de 40 marcas e completará a parte comercial cun programa de demostracións de artesáns, actividades divulgativas, gastronomía e propostas relacionadas co traxe tradicional.
O evento foi presentado este venres no Concello de Santiago coa participación da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; o director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, Gabriel Alén; a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o xefe da Área de Calidade Alimentaria da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Ricardo Rivas; e Manuel Moledo, da empresa Aquelando, responsable da organización.
A programación desenvolverase durante as tres xornadas en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:00 a 21:00. A organización pretende manter a fórmula da primeira edición, que segundo os datos facilitados durante a presentación congregou unhas 7.500 persoas, das que aproximadamente 4.000 eran residentes e arredor de 3.500 visitantes procedentes de fóra.
Rozas incidiu en que a iniciativa busca dar visibilidade á creatividade, os oficios tradicionais, a identidade local e a gastronomía elaborada con produtos de proximidade. Tras a experiencia do pasado ano, asegurou que o respaldo institucional chega nesta ocasión cun maior coñecemento do funcionamento do mercado e destacou a presenza de artesáns e produtores como un dos seus principais atractivos.
A concelleira contrapuxo este modelo de produción e consumo á compra inmediata de artigos fabricados en serie e procedentes de lugares afastados. ‘Artesanamente’, explicou, pretende mostrar outras formas de consumo baseadas na durabilidade, a identidade dos produtos e a vinculación coa economía máis próxima.
“Podemos consumir dunha maneira máis responsable, con maior consciencia, máis sustentable, e adquirir produtos únicos con identidade propia”, sinalou Rozas, quen engadiu que estas compras contribúen tamén á continuidade de oficios que forman parte do patrimonio cultural e económico galego.
Pola súa banda, Gabriel Alén situou o mercado dentro das iniciativas de apoio á comercialización da artesanía e á cooperación entre administracións e sector produtivo. O director xeral reivindicou especialmente os proxectos que nacen dos propios profesionais e que posteriormente reciben apoio público, como sucede neste caso coa participación do Concello e de diferentes departamentos da Xunta.
Alén salientou tamén a relación entre artesanía, comercio local, emprego, territorio, turismo e consumo de proximidade, e puxo o foco na importancia de achegar ao público os procesos de elaboración.
“A artesanía hai que descubrila coas mans, non só cos ollos”, afirmou, antes de destacar as demostracións en directo como unha fórmula para coñecer o traballo necesario para elaborar cada peza.
Un dos eixos do programa volverá estar nas demostracións de artesanía na rúa. Durante as mañás e as tardes das tres xornadas, o público poderá observar o proceso de creación de pezas pertencentes a diferentes disciplinas.
Participarán Santiago Besteiro, co seu traballo en coiro; Cristina Velasco, de ‘Anaquiños de Papel’, dedicada ao papel; Jorge Iroa, coa forxa; Ana Rosa Lista, co encaixe; o zoqueiro Álvaro Pin; e Paula da Costa Meijeiras, vinculada á xoiería.
A actividade pretende mostrar non só os produtos terminados que posteriormente chegan ao mercado, senón tamén as técnicas, materiais e tempos de elaboración que hai detrás de cada oficio.
A programación relacionada coa artesanía galega incluirá igualmente a participación da Asociación do Traxe Galego, que repetirá presenza despois da primeira edición. A entidade realizará un desfile na praza do Obradoiro, acompañado dunha actuación musical, e ofrecerá a charla ‘O traxe de dentro a fóra’.
Segundo explicou a organización, as prendas que se mostrarán nesta actividade teñen un proceso de elaboración artesanal e servirán para achegar ao público as técnicas e elementos que integran a vestimenta tradicional.
Outra das propostas estará protagonizada por Elena Ferro e Álvaro Pin, representantes de dúas xeracións diferentes dun mesmo oficio. Ambos participarán o domingo na actividade ‘Asentar oficios’, concibida como continuación dunha das propostas desenvolvidas na edición anterior.
Ferro procede dunha familia de zoqueiros e desenvolveu nas últimas décadas un traballo de recuperación e renovación do oficio. Fronte á súa traxectoria, Pin representa unha nova xeración que comeza a abrirse paso profesionalmente neste ámbito. O encontro abordará así a transmisión dos coñecementos artesanais e a continuidade dos oficios tradicionais entre xeracións.
SHOWCOOKINGS CON PRODUTOS DE ARTESANÍA ALIMENTARIA
A gastronomía terá tamén un peso específico nesta segunda edición. ‘Artesanamente’ contará con varios showcookings e degustacións gratuítas ata completar aforo, elaborados con produtos integrados na artesanía alimentaria galega.
Entre os participantes estará El Rincón de Llobeida, finalista no concurso Santiago(é)Tapas 2026, que presentará unha proposta de fusión entre a cociña venezolana e a galega utilizando produtos recoñecidos dentro da artesanía alimentaria.
Tamén participará A Horta do Obradoiro, cunha proposta baseada en dúas elaboracións: unha fondue con queixos artesáns e un tartar de figos no que se combinarán diferentes produtos galegos.
A programación incorporarase ademais Idas Catering, que mostrará como integra produtos de artesanía alimentaria nos seus menús a domicilio, e A Artesana Gastrobar, responsable da tapa gañadora da última edición de Santiago(é)Tapas, que preparará para a ocasión unha adaptación da súa proposta con chicharrón.
A presenza destes establecementos busca conectar o mercado artesanal coa restauración compostelá e mostrar as posibilidades dos alimentos producidos a pequena escala na cociña profesional.
A ARTESANÍA ALIMENTARIA SUMA PRETO DE 150 EMPRESAS REXISTRADAS EN GALICIA
Durante a presentación tamén se abordou a evolución da regulación da artesanía alimentaria en Galicia. Ricardo Rivas explicou que este ámbito dispón desde 2020 dunha normativa específica, diferenciada da regulación xeral da artesanía debido ás particularidades da produción de alimentos.
Desde entón aprobáronse 26 normas técnicas, que abranguen actividades como a elaboración artesanal de queixos, iogures, xeados, embutidos, conservas vexetais ou aceites, entre outros produtos.
Actualmente existen preto de 150 empresas rexistradas como artesás alimentarias en Galicia, das que seis estarán representadas nesta edición do mercado compostelán.
O obxectivo da participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pasa por dar a coñecer este distintivo entre os consumidores e diferenciar produtos nos que existe unha participación directa do artesán e unha vinculación coas materias primas e co territorio.
Pola súa banda, Carmen Pita puxo o foco na capacidade da artesanía para funcionar tamén como recurso turístico vinculado á identidade de Galicia. Desde Turismo de Galicia consideran que estas actividades poden complementar elementos xa consolidados da oferta turística, como o Camiño de Santiago, o turismo rural ou as visitas ás cidades.
A representante autonómica destacou tamén que encontros deste tipo permiten relacionar a actividade artesanal con outros sectores, entre eles a hostalaría e o comercio, e situar espazos singulares das cidades como escenarios de actividades culturais e económicas.
UN MERCADO NO QUE O 90% DOS ARTESÁNS PARTICIPANTES SON AUTÓNOMOS
Manuel Moledo explicou que a selección das marcas volveu deixar solicitudes fóra pola capacidade limitada do espazo dispoñible. A organización quixo manter o formato expositivo da primeira edición e combinar a venda directa coa divulgación dos procesos artesanais.
Segundo os datos facilitados durante a presentación, arredor do 90% dos artesáns participantes traballan como autónomos, unha realidade que a organización quere visibilizar xunto coa contribución destes profesionais á denominada economía de quilómetro cero.
Moledo resumiu o espírito do mercado na aposta por producir e mercar dun xeito afastado da inmediatez que domina parte do consumo actual: “Facer as cousas con tempo e con cabeciña”.

