InicioSANTIAGOA USC dá por controlada a situación no San Clemente e agarda...

A USC dá por controlada a situación no San Clemente e agarda unha avaliación técnica para decidir as obras

A Universidade retirou os elementos con risco de caída tras o desprendemento deste martes e apunta, á espera do informe técnico, a un posible deterioro progresivo do inmoble

Publicado o

Xornal de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela considera controlada a situación no Colexio Maior San Clemente despois do desprendemento rexistrado este martes nunha parte da cornixa e da cuberta dun balcón do edificio. A institución xa executou unha primeira intervención de seguridade e está agora á espera da avaliación da súa área de Arquitectura para definir as actuacións que serán necesarias na zona afectada.

O incidente tivo lugar na fachada orientada cara á Avenida das Ciencias, no Campus Sur, onde varios elementos da cornixa e da cuberta dun dos balcóns caeron sobre o situado inmediatamente debaixo. O impacto provocou á súa vez o desprendemento de tellas e doutras pezas de remate.

Tras o aviso, persoal técnico da USC acudiu á residencia e realizou unha revisión tanto da zona afectada como do conxunto do inmoble. Segundo explicou este mércores o vicerreitor do Campus de Lugo e responsable de infraestruturas, Roberto Bande, a inspección estendeuse tamén aos edificios próximos de Fonseca e Cadarso.

A primeira análise realizada pola Universidade leva a considerar o episodio como un problema localizado. Polo momento, a USC asegura que non se detectaron indicios de risco noutras zonas de San Clemente nin nos edificios próximos revisados.

A intervención inicial centrouse en retirar de maneira controlada os cascallos e aquelas pezas que podían desprenderse posteriormente. A Policía Local de Santiago tamén participou no operativo, delimitando e acordonando a contorna para evitar o paso por unha zona frecuentada habitualmente pola comunidade universitaria.

Unha vez finalizados estes traballos de emerxencia, os técnicos universitarios deberán determinar o alcance da seguinte intervención. “Estamos agardando polo que nos digan agora os técnicos respecto das actuacións neste balcón”, indicou Bande.

A USC tampouco estableceu aínda a orixe concreta do desprendemento. O responsable de infraestruturas sinala como unha das posibilidades o deterioro acumulado ao longo dos anos, tendo en conta a antigüidade do edificio e os períodos nos que permaneceu pechado, entre eles durante a pandemia. A Universidade insiste, porén, en que aínda non conta con datos suficientes para atribuír o ocorrido a unha causa concreta.

A USC RECLAMA RECURSOS PARA CONSERVAR OS SEUS EDIFICIOS HISTÓRICOS

O episodio de San Clemente volveu situar no debate as necesidades de conservación do patrimonio inmobiliario da Universidade, que dispón de numerosos edificios históricos que requiren actuacións periódicas e, nalgúns casos, intervencións de maior alcance.

“Levamos tempo pedindo axuda ás distintas administracións públicas para reabrir o colexio maior e manter o noso patrimonio histórico porque temos moitos edificios con moitos anos e en todos hai que intervir”, afirmou Bande.

O vicerreitor explicou que o anterior plan de financiamento da Xunta permitira atender parte das necesidades existentes na institución, aínda que os fondos destinados a infraestruturas foran empregados polo anterior equipo de goberno universitario na construción da nova Facultade de Farmacia. Bande considerou aquela actuación “algo que era moi necesario”, pero sinalou que a USC afronta agora novas necesidades de conservación.

A Universidade está actualmente pendente da negociación dun novo modelo de financiamento e confía tamén no novo plan de infraestruturas anunciado pola Xunta como unha das vías para afrontar estas actuacións.

“O presidente da Xunta no seu discurso anunciou ese novo plan de financiamento e de infraestruturas e entendemos que iso nos vai cubrir as nosas necesidades”, explicou o responsable universitario.

Paralelamente, a USC está a procurar recursos noutras administracións. Hai aproximadamente dous meses presentou unha solicitude ante o Ministerio de Vivienda dentro dunha convocatoria de axudas destinada á promoción de vivenda universitaria sostible.

A institución sinala que, se consegue estes fondos, poderá iniciar actuacións para atender as necesidades detectadas no seu patrimonio residencial. No caso de que a resolución sexa negativa, prevé explorar outras fontes de financiamento para acometer as intervencións.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

A USC crea o programa Fénix para recuperar investigadores Ramón y Cajal perdidos por un erro na convocatoria

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) deu o visto...

A xuíza de Angrois apoia o indulto total da pena de prisión ao maquinista do Alvia

A maxistrada encargada da execución da sentenza polo accidente ferroviario de Angrois de xullo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here