InicioSOCIEDADEDeclarado de interese autonómico o proxecto para crear un aparcadoiro de 1.500...

Declarado de interese autonómico o proxecto para crear un aparcadoiro de 1.500 prazas no CHUS

O proxecto prevé unha nova praza entre o Clínico, o Gil Casares e o Centro de Protonterapia, ademais de reducir o tráfico no interior do recinto hospitalario e crear máis zonas peonís e verdes

Publicado o

Xornal de Compostela

O Consello da Xunta declarou proxecto de interese autonómico (PIA) a reordenación da contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), unha actuación que inclúe un novo aparcadoiro de 1.500 prazas e unha reforma integral dos accesos e da mobilidade na zona. A medida chega despois de anos de problemas de tráfico e estacionamento arredor do complexo hospitalario.

O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, explicou que esta declaración permitirá á Xunta “dispor canto antes dos terreos necesarios para mellorar os accesos e a mobilidade no futuro hospital”, que atende unha poboación de arredor de 426.000 persoas de 46 concellos. O proxecto está actualmente en fase de elaboración por parte da empresa adxudicataria Proyfe e a previsión é que estea listo a finais deste ano ou a comezos de 2027.

UN APARCADOIRO DE 1.500 PRAZAS

Un dos principais eixos da actuación será a ampliación da capacidade de estacionamento coa creación dun aparcadoiro de 1.500 prazas. A Xunta non fixa polo momento unha data concreta para a finalización destas obras, aínda que, co calendario actual, non se prevé que estean rematadas antes de 2028. Antes da execución definitiva, está prevista a habilitación dunha solución provisional de estacionamento. A reordenación contempla ademais unha circulación perimetral que permita separar os distintos tipos de tráfico, así como aparcadoiros situados no perímetro e conectados co complexo mediante itinerarios peonís accesibles. O obxectivo é tamén reducir a circulación e o estacionamento no interior do recinto hospitalario.

UNHA NOVA PRAZA ENTRE OS HOSPITAIS E PROTONTERAPIA

O proxecto aposta igualmente pola humanización dos espazos exteriores, coa incorporación de zonas verdes, arborado e novas áreas peonís. Entre as actuacións máis destacadas figura a creación dunha praza pública de acceso situada entre o Hospital Clínico, o Hospital Gil Casares e o futuro Centro de Protonterapia. Este último continúa avanzando na súa construción e a previsión da Xunta é que estea rematado a finais deste ano, co obxectivo de poder atender os primeiros pacientes a comezos de 2027.

AMPLIACIÓN DAS URXENCIAS E NOVO EDIFICIO C

Paralelamente á reordenación exterior, a Consellería de Sanidade traballa tamén na ampliación do servizo de Urxencias do hospital compostelán. A Xunta ultima ademais as obras do denominado Edificio C, que albergará os servizos de hospital de día e reprodución asistida. A previsión é que estas novas instalacións entren en funcionamento antes de que remate o ano.

ÚLTIMAS

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

Fiestra Aberta reunirá en Santiago a Ataque Escampe, Grande Amore, unha homenaxe a Narf e Miguel Araújo

O ciclo musical 'Fiestra Aberta' regresará a Santiago de Compostela con tres propostas que...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...