InicioPOLÍTICAO PP propón axudas de ata 80 euros ao mes por fillo...

O PP propón axudas de ata 80 euros ao mes por fillo para financiar o transporte escolar nos centros concertados

Borja Verea presenta o 'Colebus', unha medida que calcula que custaría entre 1,1 e 1,2 millóns de euros anuais e coa que pretende reducir os desprazamentos en coche nas horas de entrada e saída dos colexios

Publicado o

Xornal de Compostela

O Partido Popular de Santiago incorporará ás súas propostas para as familias unha axuda municipal de ata 80 euros mensuais por fillo destinada ao pagamento do transporte escolar organizado polos centros concertados. O líder dos populares composteláns, Borja Verea, presentou este luns o programa ‘Colebus’, coincidindo coa semana de inicio do novo curso escolar.

A iniciativa, segundo explicou Verea, estaría dirixida ás familias con alumnado matriculado en centros concertados de Santiago e non dependería do nivel de renda. Os colexios privados quedarían excluídos, mentres que o PP diferencia esta situación da dos centros públicos que xa dispoñen de transporte financiado dentro do sistema educativo cando se cumpren os requisitos establecidos.

O Concello tampouco asumiría directamente a organización das rutas. A proposta popular establece que cada centro deseñaría os percorridos e contrataría ou organizaría o seu propio servizo de transporte, mentres que a administración municipal concedería a axuda ás familias para sufragar o seu custo.

O importe máximo sería de 80 euros por estudante e mensualidade. Se o prezo do servizo estivese por baixo desa cantidade, a subvención limitaríase ao custo real, mentres que nos casos nos que fose superior manteríase o límite dos 80 euros.

“Todos os nenos de Santiago son iguais independentemente do colexio ao que vaian e os seus pais e nais tamén”, afirmou Verea para defender unha proposta que o PP vincula tanto á conciliación familiar como á mobilidade urbana.

ENTRE 1,1 E 1,2 MILLÓNS DE EUROS

Os populares estiman que a implantación do programa podería supoñer para as arcas municipais entre 1,1 e 1,2 millóns de euros, aínda que Verea precisou que se trata dunha proxección e que a cifra definitiva dependería da demanda.

Para realizar este cálculo, explicou, o PP tomou como referencia a utilización do transporte escolar no sistema público, que situou entre o 30% e o 40% do alumnado que pode acceder a este servizo, e trasladou esa porcentaxe aos estudantes dos centros concertados composteláns.

Segundo os datos achegados polo líder popular durante a rolda de prensa, Santiago conta con arredor de 4.500 estudantes no ensino concertado. Verea apuntou que aproximadamente 3.100 deles, preto do 70%, estudan en centros situados no eixo comprendido entre Praza de Galicia, Virxe da Cerca e San Caetano.

O PP emprega esta concentración de alumnado como un dos argumentos para presentar o ‘Colebus’ tamén como unha actuación sobre o tráfico. Verea sostén que facilitar o acceso ao transporte colectivo podería reducir o número de vehículos particulares que se desprazan cada mañá cara aos centros educativos.

“Cada neno que poida ir ao colexio en autobús é un coche menos nas rúas de Santiago nas horas punta da cidade”, sinalou. Segundo o popular, o obxectivo non sería substituír outras formas de desprazamento nin obrigar ás familias a empregar o autobús, senón ofrecer unha alternativa adicional.

Preguntado pola posibilidade de que unha parte dos desprazamentos en coche responda precisamente ás necesidades de conciliación ou á ausencia de rutas adecuadas, Verea argumentou que o financiamento municipal podería facer posible que algúns centros concertados puxesen en funcionamento novas liñas de transporte actualmente inexistentes.

“Moitos colexios concertados poderán activar estas rutas de transporte escolar e moitos pais, polo tanto, terán a comodidade de poder deixar os rapaces no autobús”, asegurou.

UN PAQUETE DE PROPOSTAS PARA AS FAMILIAS

A presentación do ‘Colebus’ forma parte dunha batería de medidas que o PP compostelán vén anunciando nos últimos meses coa vista posta nas familias con menores. Verea asegurou que pretende que esta cuestión sexa unha das prioridades do seu proxecto municipal.

Entre as propostas anteriores citou que o Concello asuma a organización das actividades extraescolares, actualmente xestionadas en numerosos casos polas asociacións de nais e pais; un programa de estadías de inmersión lingüística en Irlanda para alumnado de terceiro da ESO durante o verán; e novos campamentos en distintos puntos de Galicia.

A esta lista engadiu a denominada ‘parada familiar’, coa que os populares propoñen habilitar facilidades para realizar paradas breves en puntos estratéxicos vinculados, entre outros usos, ao acompañamento dos menores aos centros educativos.

O PP tamén formulou unha ‘bolsa familiar de zona azul’, que incluiría horas gratuítas de estacionamento para familias, e un servizo municipal de canguraxe destinado a atender necesidades puntuais de conciliación.

Verea defendeu que estas iniciativas responden a unha mesma orientación política. “Queremos facer de Santiago a cidade de Europa que máis pense nos pais e nas nais”, afirmou, reclamando que cuestións como os horarios municipais, a mobilidade ou a programación de actividades teñan en conta os calendarios escolares e as necesidades das familias.

VEREA INSISTE NA MAIORÍA ABSOLUTA

Na parte final da comparecencia, e preguntado pola actividade doutros posibles candidatos de cara ás próximas eleccións municipais, Verea evitou valorar as súas estratexias e centrou a resposta no resultado que aspira a conseguir o Partido Popular.

O líder popular reiterou que o seu obxectivo é alcanzar a maioría absoluta para gobernar Santiago, fronte á posibilidade de que outras candidaturas poidan acceder á Alcaldía mediante acordos posteriores aos comicios.

“Eles chegan cun aprobado raspado, eu teño que sacar matrícula de honra”, afirmou Verea, que sinalou que as propostas que está presentando buscan conseguir o apoio suficiente para alcanzar esa maioría.

ÚLTIMAS

O Concello renuncia á naturalización da Lagoa do Auditorio tras perder o financiamento e licita o mantemento da Rocha Forte

A Xunta de Goberno Local de Santiago acordou este luns formalizar a renuncia á...

Cascudas na comida dun paciente do Hospital Clínico de Santiago

A sección sindical de CCOO da área sanitaria de Santiago-Barbanza denunciou a presenza de...

Aitor Bouza reclama a Rueda medidas para evitar novos episodios de saturación nas Urxencias do CHUS

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou ao...

O Compostela cae ante o Marino de Luanco no seu debut ligueiro no Vero Boquete

A SD Compostela estreouse na competición ligueira cunha derrota por 0-3 fronte ao Marino...

O Concello renuncia á naturalización da Lagoa do Auditorio tras perder o financiamento e licita o mantemento da Rocha Forte

A Xunta de Goberno Local de Santiago acordou este luns formalizar a renuncia á...

Aitor Bouza reclama a Rueda medidas para evitar novos episodios de saturación nas Urxencias do CHUS

O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, reclamou ao...

Marta Abal reclama ao Concello que detalle a planificación das obras nos viais do rural compostelán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclama ao Goberno local que dea a coñecer...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here