O servizo municipal de recollida de residuos voluminosos de Santiago retirou 16.696 enseres entre a zona urbana e o rural ata o pasado mes de xullo, segundo os datos difundidos pola Concellería de Sustentabilidade Ambiental. O Concello prevé que, de manterse o actual ritmo, o ano poida rematar con arredor de 28.600 unidades recollidas, preto dun 14% máis que en 2025.
A maior parte das retiradas realizadas durante os sete primeiros meses de 2026 corresponden á cidade. Na zona urbana contabilizáronse 12.657 residuos voluminosos, mentres que no rural foron retirados 4.039.
Os datos municipais apuntan a un incremento continuado do uso deste servizo nos últimos anos. Na zona urbana pasouse dos 16.183 voluminosos retirados en 2023 aos 16.523 de 2024 e aos 18.449 de 2025. No rural, pola súa banda, os rexistros medraron desde os 5.980 enseres de 2023 ata os 6.297 de 2024 e os 6.709 do pasado exercicio.
En toda Compostela, o servizo retirou 22.163 voluminosos en 2023, 22.820 en 2024 e 25.158 en 2025, polo que o incremento acumulado nos dous últimos exercicios foi do 13,5%. A proxección realizada polo Concello cos datos dispoñibles ata xullo sitúa o crecemento para este ano arredor do 13,8% respecto de 2025.
O aumento das solicitudes levou o Concello a ampliar os recursos destinados ao servizo. A Concellería de Sustentabilidade Ambiental, dirixida por Xesús Domínguez, incorporou un equipo extraordinario de reforzo no pasado mes de abril, unha medida coa que buscaba incrementar a capacidade para atender tanto os avisos da cidade como os procedentes das parroquias rurais.
Segundo os datos municipais, o reforzo permitiu reducir nun 80% o tempo de resposta e deixar practicamente sen avisos pendentes o servizo. Ademais, as reclamacións relacionadas coa retirada deste tipo de residuos diminuíron nun 95%.
Actualmente, o 90% das incidencias comunicadas desde domicilios particulares son atendidas nun prazo de entre 24 e 48 horas.
O Concello insiste, con todo, na necesidade de que os enseres non sexan abandonados directamente na vía pública sen contactar previamente co servizo. A administración local sinala que esta práctica pode provocar problemas de limpeza, afectar o espazo público e alterar a planificación das rutas dos equipos municipais.
A veciñanza que precise desfacerse de mobles, colchóns, somieres, armarios, sofás, electrodomésticos ou outros obxectos que non poden ser depositados nos colectores convencionais pode solicitar a súa retirada a domicilio.
Para facelo é necesario contactar previamente co teléfono 981 565 469, no que se concreta o día, o lugar e as condicións para deixar os residuos na vía pública. As solicitudes poden realizarse de luns a venres entre as 10:00 e as 13:00.
As recollidas programadas efectúanse habitualmente durante a noite. O servizo conta cun equipo específico formado por un condutor e un peón, que traballa de luns a venres entre as 23:00 e as 05:30 cun vehículo preparado para transportar este tipo de residuos.
PUNTO LIMPO E SERVIZO MÓBIL OS SÁBADOS
Outra opción é trasladar directamente os residuos ao punto limpo municipal. Esta instalación permanece aberta de luns a venres entre as 10:50 e as 14:00 e entre as 16:00 e as 19:10, mentres que os sábados funciona de 10:50 a 18:10.
O Concello dispón ademais dun punto limpo móbil destinado aos pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores específicos nas rúas. O vehículo presta servizo os sábados entre as 10:30 e as 12:45 e vai rotando por diferentes zonas da cidade.
O primeiro sábado de cada mes sitúase nas Fontiñas, o segundo na praza Roxa, o terceiro en Virxe da Cerca e o cuarto no Castiñeiriño.
A información sobre os sistemas municipais de retirada de voluminosos e sobre o funcionamento dos puntos limpos está dispoñible tamén na web de Santiago Sostible.

