InicioSOCIEDADERaxoi dá por zanxado o "malentendido" pola ampliación do CEIP Quiroga Palacios:...

Raxoi dá por zanxado o “malentendido” pola ampliación do CEIP Quiroga Palacios: “Xa o resolveron os técnicos”

A Anpa insiste en que existe un "incumprimento" legal por parte do Goberno galego e reclama unha ampliación maior do centro

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira de Educación de Santiago, Míriam Louzao, asegurou que o “malentendido” que puido haber coa Consellería de Educación verbo da ampliación do CEIP Quiroga Palacios xa fora “aclarado” entre os técnicos. Con todo, quedou á disposición do departamento autonómico para calquera outra “aclaración” necesaria, ademais de ter solicitado unha reunión co director territorial para que se licite “canto antes” a obra.

O martes, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, cualificou o sucedido de “chantaxe” e “incumprimento legal”. Segundo a súa versión, a Xunta pediu “hai máis dun ano” terreos anexos de 1.600 metros cadrados (m2) para executar a ampliación. “Levamos unha sorpresa enorme e monumental: unha cesión condicionada a que urbanicemos 14.000 metros cadrados que son propiedade do Concello e que están fóra de todo uso escolar”.

“Iso non é o que se nos está pedindo“, precisou este mércores Míriam Louzao, que indicou que a parcela “nin sequera ten” a dimensión aludida por Rodríguez, senón que é de 10.083 m2. Preguntada por este asunto nunha rolda de prensa, Louzao mostrouse “sorprendida” pola reacción do conselleiro, dado que, ao seu xuízo, era unha cuestión xa “aclarada” entre os técnicos.

Segundo a cronoloxía realizada pola responsable local de Educación, a Consellería solicitou a parcela a finais de febreiro deste ano e enviou o anteproxecto o 29 de maio. Neste sentido, Louzao sostén que, pola parte do Concello, os trámites se realizaron en “tempo récord”, de xeito que aprobou a posta á disposición en xunta de goberno local o pasado 13 de xullo. “Polo tanto, coñecendo os tempos da Administración, houbo unha implicación absoluta por parte do Concello de Santiago para que se puxese á disposición esa parte da parcela canto antes porque consideramos que é moi necesaria”, expresou a edila.

DEBATE SOBRE UNHA AMPLIACIÓN MAIOR

Por outra banda, o Anpa Athenea –vinculada ao centro–, que se pronunciou sobre o sucedido nun comunicado, insistiu en que existe un “incumprimento” legal por “espazos mínimos” dos que carece o centro, motivo polo que denunciou a Xunta ante a Valedora do Pobo, que abriu unha investigación ao respecto. Neste sentido, lamentou que a Xunta limite a ampliación a un aulario de Infantil, “sen contemplar o resto de espazos necesarios”, como un novo comedor que “libere para outros usos” o espazo do actual.

Este é o mesmo plantexamento apoiado polo Concello, que, tras a solicitude da parcela realizada pola Xunta, considerou “axeitado” poñer á disposición da Administración autonómica o total da parcela, que supón os 10.000 m2 referidos. “Pero cando a Xunta nos trasladou a súa idea de que só querían eses menos de 2.000 m2, puxémonos a traballar inmediatamente para poñelos á súa disposición”, desgranou Louzao.

Segundo detallou o Concello, o resto da parcela seguirá a empregarse como aparcadoiro e, ademais, a Consellería prevé un acceso independente a este novo aulario a través desa zona. Ao respecto, o persoal técnico municipal considera que este novo acceso e a reordenación do espazo tras a “afectación” da obra “debe ser acometido pola Consellería”.

ACUSACIÓNS DE “CHANTAXE” DA XUNTA

Nas súas declaracións do martes, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, cualificou de “chantaxe” a actitude do goberno local e lembrou que os concellos teñen “obrigación” de poñer á disposición, neste caso das administracións autonómicas, “os terreos necesarios para facer os colexios, para facer centros de infantil e primaria”.

ÚLTIMAS

O Sindicato de Vivenda de Compostela denuncia que unha manifestante ingresou no hospital tras unha agresión policial

O Sindicato de Vivenda de Compostela denunciou que varias participantes nas mobilizacións da folga...

O PSdeG abre a campaña en Santiago cun chamamento á mobilización para o 29-N

O PSdeG iniciou en Santiago a campaña para as eleccións xerais do 29 de...

Pedro Sánchez participará nun acto electoral en Santiago o mércores 18 de novembro

O presidente do Goberno e candidato do PSOE ás eleccións xerais, Pedro Sánchez, visitará...

Fronte Ampla propón crear unha empresa farmacéutica pública en Santiago en colaboración coa USC

A coalición Fronte Ampla presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu programa...

A mocidade de Santiago propón novos espazos de lecer e melloras na mobilidade e na comunicación

O Consello Municipal de Mocidade de Santiago de Compostela reuniuse este xoves para estudar...

Condenados a máis de 4 anos de prisión por prender lume a unha discoteca de Santiago con 200 persoas dentro por non deixalos entrar

O que comezou como unha negativa a permitir a entrada nun local de ocio...

O helicóptero do 061 con base en Santiago permanece inoperativo dende o venres por un problema de documentación

O helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago leva sen operar dende o...