InicioMOV. SOCIAISMaría Rozas esixe á concesionaria do SAF que aboe "canto antes" a...

María Rozas esixe á concesionaria do SAF que aboe “canto antes” a paga extra pendente ás traballadoras

O Goberno municipal convocará unha reunión a tres bandas coa empresa e o comité para abordar o conflito, mentres advirte de que podería activar medidas legais se non se cumpren as condicións do contrato

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno municipal de Santiago reclamou á empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que aboe “canto antes” a paga extraordinaria de verán pendente ás traballadoras, despois da mobilización convocada polo persoal para denunciar o impago. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas, trasladou o apoio do executivo local ás demandas do cadro de persoal e cualificou a reclamación como unha cuestión de “xustiza”.

Rozas sinalou que as traballadoras reclaman o cobro dunha paga correspondente a un traballo xa realizado e lembrou que a empresa, a UTE SIAD24-Asistenzia, comunicara no seu momento, o pasado 15 de xuño, a súa intención de facer efectivo o pagamento, aínda que alegara un problema transitorio de liquidez que lle impedía asumilo nese momento.

A edil subliñou que esa situación económica da concesionaria non ten relación coa súa vinculación contractual co Concello de Santiago. Segundo explicou, a Administración local está a cumprir coas obrigas económicas derivadas do contrato. “As facturas están pagadas, estamos ao día”, afirmou Rozas, que insistiu en que a empresa debe asumir as condicións recollidas no acordo asinado co Concello.

Nese sentido, o Goberno municipal lembra que a concesionaria ten a obriga de cumprir tanto no relativo aos salarios das traballadoras como na prestación do servizo ás persoas usuarias. Rozas incidiu en que o SAF é unha prestación considerada prioritaria polo executivo compostelán, tanto pola súa función social como polo volume de persoas dependentes ou en situación de vulnerabilidade que reciben atención a través deste recurso.

Ante o conflito aberto, e logo de manter diferentes reunións internas no Concello, o Goberno local convocará un encontro a tres bandas coa empresa e coas representantes das traballadoras. O obxectivo, segundo explicou Rozas, é abordar a situación de maneira conxunta e procurar unha saída que permita resolver o impago da paga extraordinaria.

A concelleira tamén advertiu de que, se a empresa non cumpre coas condicións asinadas no contrato, o Concello estudará a activación das medidas previstas nos pregos e na lexislación vixente. “Exiximos que se cumpran coas condicións asinadas no contrato. E senón, teremos que tomar as medidas legais que están recollidas nos pregos e na lexislación vixente”, indicou.

Rozas puxo en valor o incremento do orzamento municipal destinado ao SAF nos últimos anos. Segundo detallou, o Concello elevou nun 73% a dotación económica deste servizo, que pasou de 3 millóns de euros a 6,3 millóns. Para o Goberno local, este aumento reflicte a relevancia que se lle outorga á atención no fogar dentro das políticas municipais de servizos sociais.

A edil avanzou tamén que o Concello mantén a vontade de sacar a licitación un novo contrato do SAF, unha medida xa anunciada nos orzamentos de 2026 e na que, segundo explicou, o Goberno local leva meses traballando. Rozas sinalou que a previsión é que o novo procedemento poida saír “en breve”.

A situación laboral no SAF de Santiago chega despois de que o persoal denunciase o impago da paga extra de verán por parte da concesionaria e convocase unha mobilización diante do Concello. As traballadoras manteñen que a empresa incumpre unha obriga básica, mentres continúan prestando o servizo ás persoas usuarias.

ÚLTIMAS

Verea reclama explicacións ao Goberno local ante a posible existencia de quendas con só seis policías

O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal que aclare se durante os...

Sanmartín reclama á Xunta que transfira a Santiago os fondos estatais destinados ás zonas tensionadas

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reclamou este venres que os fondos que o...

Cortan a A-54 en Santiago tras un choque en cadea de varios vehículos

Unha colisión en cadea de varios vehículos obrigou a cortar a Autovía Lugo-Santiago (A-54)...

‘Artesanamente’ reunirá en Santiago máis de 40 marcas e levará os oficios tradicionais á rúa

Santiago de Compostela volverá converterse durante tres días nun escaparate para os oficios tradicionais,...

Traballadores de conserxería e limpeza dos colexios de Santiago volverán á folga

Traballadores de Lacera, a empresa concesionaria de conserxería e limpeza nos colexios de Santiago,...

Un paciente denuncia case catro horas de espera nun corredor das Urxencias do CHUS

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou un novo episodio de saturación...

Sanidade Galega con Palestina convoca unha concentración no Obradoiro pola liberación do doutor Hussam Abu Safiya

Sanidade Galega con Palestina (SGCP) convocou para este domingo, 6 de setembro, unha concentración...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here