Unha persoa tivo que ser trasladada ao hospital tras resultar ferida nun incendio declarado nunha vivenda do centro de Santiago de Compostela. O lume orixinouse nunha tixola e afectou tamén á campá extractora da cociña, segundo a información trasladada polo 112 Galicia. Foi unha veciña do edificio, situado na rúa Montero Ríos, quen alertou a central de emerxencias ás 22.25 horas do sábado. Na súa chamada indicou que unha residente do primeiro piso estaba a pedir axuda e que unha intensa fumareda saía da vivenda.
Deste xeito, o 112 informou os Bombeiros de Santiago de Compostela, o 061 e os efectivos da Policía Nacional e da Policía Local. Unha vez extinguido o incendio, os equipos de emerxencias confirmaron que o lume se iniciara nunha tixola na cociña e que tamén resultara afectada a campá extractora. A consecuencia do incidente, unha persoa foi evacuada polo persoal sanitario ao Hospital Clínico Universitario de Santiago.

