InicioSANTIAGOAMESAmes adxudica por 251.039 euros a pavimentación dos viarios da aldea de...

Ames adxudica por 251.039 euros a pavimentación dos viarios da aldea de Vilaverde

A actuación, financiada con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2025, permitirá renovar o firme, mellorar a recollida de augas pluviais e residuais, instalar abastecemento e preparar a rede de iluminación pública neste núcleo da parroquia de Piñeiro

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Ames avanza no plan de mellora das infraestruturas municipais coa adxudicación das obras de pavimentación dos viarios interiores da aldea de Vilaverde, na parroquia de Piñeiro. A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves, 18 de xuño, a contratación dos traballos, que serán executados pola empresa Excavaciones Midón, SL por un importe de 251.039,55 euros, IVE incluído.

A intervención forma parte das actuacións impulsadas pola Concellaría de Obras e Servizos Básicos para o arranxo de vías e camiños municipais, tanto nos núcleos urbanos como nas parroquias do concello. O proxecto financiarase con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2025.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, sinalou que o goberno local continúa coa execución de actuacións destinadas á mellora da rede viaria no rural. “Continuamos coa execución de obras de mellora dos camiños e vías do rural. Neste caso vanse a pavimentar os viarios interiores da aldea de Vilaverde, na parroquia de Piñeiro”, explicou.

Nieto vinculou esta actuación con outra intervención prevista tamén na mesma parroquia, centrada na construción dunha nova ponte sobre o río Anduriña, afluente do Tambre. Segundo indicou, “esta obra súmase a outra que se vai facer en Piñeiro, para a construción dunha nova ponte sobre o río Anduriña, afluente do río Tambre. Nestas dúas actuacións vanse a investir 310.000 euros, que se sufragan con cargo á primeira fase do POS+ Adicional 2/2025”.

O proxecto aprobado para Vilaverde inclúe a renovación da pavimentación dos viarios da aldea mediante a execución dun novo firme de formigón de 15 centímetros con mallazo, asentado sobre unha capa de zahorra destinada á nivelación. Antes desta intervención procederase á demolición da superficie existente. Nas dúas marxes dos viarios instalarase ademais unha franxa de lastra de granito de 35 centímetros de ancho, xunto con cortes transversais coas mesmas dimensións.

A actuación incorpora tamén a mellora das redes soterradas. Baixo o novo pavimento instalarase unha canalización de tubo de polipropileno de 400 milímetros de diámetro para a recollida de augas pluviais, acompañada de arquetas con sumidoiro, pozos e canle de fundición dúctil con reixa. Estes elementos executaranse tras a correspondente escavación en zanxa.

No caso das augas residuais fecais, o proxecto prevé a colocación dunha canalización de tubo de PVC de 315 milímetros, cos seus pozos e arquetas de saneamento. A intervención permitirá así renovar tamén a infraestrutura de evacuación de augas no núcleo.

Outro dos apartados previstos é a instalación da rede de abastecemento, coa colocación de tubo de polietileno de 75 milímetros e 11 válvulas de comporta, cada unha delas coa súa arqueta de aloxamento. A maiores, deixarase preparada a rede de iluminación pública mediante a instalación de tubo de polietileno de 90 milímetros con arquetas.

Antes da execución das actuacións principais, o proxecto contempla o desbroce e limpeza das marxes, como paso previo para facilitar os traballos de pavimentación e renovación das redes previstas na aldea de Vilaverde.

ÚLTIMAS

Verea pide que Raxoi sexa un espazo de diálogo ante o conflito polos fondos de vivenda

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, defendeu o diálogo entre administracións no...

O Concello inclúe no rexistro de inmobles a rehabilitar un edificio en ruínas da Caramoniña e deberá sacalo a poxa

O Concello de Santiago incorporou ao Rexistro municipal de soares e edificacións que cómpre...

O PSOE levará ao Pleno unha proposta para reformar as axudas ás asociacións veciñais

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Santiago e A Coruña crean un grupo de traballo para coordinar as súas políticas nas zonas de mercado tensionado

As alcaldesas de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e da Coruña, Inés Rey, acordaron...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

Colectivos veciñais de Ames esixen explicacións ao Concello pola desaparición do can ‘Gordo’

Colectivos veciñais e particulares de Ames reclamaron explicacións ao Concello polo paradoiro de 'Gordo',...

O BNG de Ames reivindica a memoria das vítimas do franquismo e alerta contra o seu branqueamento

A reivindicación da memoria das vítimas da represión franquista centrou un acto no que...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here