InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un...

O PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un mantemento “activo, continuado e rigoroso”

O Grupo Municipal Socialista advirte de que o Plan Director non pode paralizar as actuacións ordinarias de conservación nun espazo declarado Ben de Interese Cultural

Publicado o

Xornal de Compostela

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario de xuño a situación da Alameda de Santiago, ao considerar que este espazo presenta problemas de mantemento, conservación e limpeza en diferentes puntos. Os concelleiros Gumersindo Guinarte e Marta Abal compareceron en rolda de prensa para denunciar o que cualifican como unha situación de abandono nun dos lugares máis representativos da cidade.

Guinarte lembrou que o conxunto da Alameda está integrado polo Campo da Estrela, a carballeira de Santa Susana, o paseo da Ferradura e a explanada de San Clemente, e subliñou que se trata dun espazo declarado ben de interese cultural. O edil socialista destacou tamén a súa dimensión simbólica para a veciñanza compostelá e a súa condición de lugar de uso diario, tanto por residentes como por visitantes.

Segundo explicou o concelleiro, nos últimos anos incrementáronse as queixas polo estado de conservación deste ámbito. Guinarte sinalou que a Alameda é “un dos espazos máis emblemáticos de Santiago” e unha das imaxes máis recoñecibles da cidade, polo que, ao seu xuízo, debería manterse como “un orgullo colectivo” para a veciñanza.

A concelleira Marta Abal puxo o foco na relación entre o mantemento actual e a tramitación do Plan Director da Alameda. Segundo afirmou, o grupo socialista ten a impresión de que o Goberno municipal actúa como se non fose posible intervir no espazo ata que este documento estea definitivamente aprobado. Abal defendeu que o plan é unha ferramenta relevante para definir as actuacións de futuro, os usos do parque, as intervencións no patrimonio cultural e as medidas de rexeneración do patrimonio natural, pero insistiu en que iso non pode substituír as tarefas ordinarias de conservación.

“O plan director está chamado a deseñar a Alameda do futuro, pero isto ten que compaxinarse co mantemento do día a día deste espazo tan emblemático para Santiago”, afirmou a concelleira socialista. Nesa liña, advertiu de que hai actuacións de limpeza, coidado da vexetación e conservación que, segundo o PSOE, xa están incluídas no contrato municipal de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do Concello de Santiago.

Abal lembrou que este contrato remata o 31 de agosto deste ano, despois da última prórroga aprobada hai dous anos, e advertiu de que o grupo socialista non ten constancia da nova licitación. Para a edil, esta situación pode provocar que un contrato que considera “tan importante” entre de novo nunha situación de precariedade administrativa.

Durante a comparecencia, os socialistas amosaron distintas imaxes tomadas, segundo indicaron, dous días antes da rolda de prensa, arredor das 13:30, para ilustrar a situación que denuncian. Entre os exemplos citados sinalaron a presenza de maleza en camiños e noiros, vexetación invadindo escaleiras, falta de poda, sucidade en fontes e estanques, paneis informativos con pintadas e elementos patrimoniais cubertos parcialmente pola vexetación.

Guinarte referiuse en primeiro lugar á contorna do Pombal, onde, segundo explicou, a maleza dificulta nalgúns puntos o paso de peóns e transmite unha imaxe de descoido. Tamén mencionou as escaleiras próximas ao paseo da Ferradura, nas que a vexetación invade zonas de tránsito, malia que o contrato municipal recolle expresamente a súa limpeza e mantemento.

O concelleiro socialista citou ademais o miradoiro sobre o campus e as escaleiras que conectan a zona universitaria coa Alameda, onde, segundo dixo, se repite a presenza de vexetación sen controlar nos noiros e entre as varandas. Tamén advertiu da falta de poda das sebes en distintos puntos do parque.

Outro dos aspectos sinalados polo PSOE foi o estado dos estanques e fontes. Guinarte apuntou á presenza de sucidade, lixo e verdín, así como a chafarices que non funcionan. Para o edil, estes elementos tamén forman parte das obrigas de limpeza e conservación previstas no contrato municipal.

Na rolda de prensa, Guinarte fixo referencia a unha das fotografías amosadas polo grupo, na que, segundo explicou, aparecían varias pombas mortas sen retirar. O concelleiro precisou que se trataba dunha imaxe real, tomada dous días antes, e insistiu en que non fora feita de madrugada, senón durante o día. Marta Abal concretou ademais que a fotografía fora tomada arredor das 13:30, nas proximidades do estanque situado xunto á avenida de Xoán Carlos I, na contorna da estatua de Méndez Núñez.

Pombas mortas ao pé da estatua de Méndez Núñez – PSdeG Santiago

Os socialistas tamén criticaron o estado da sinaléctica da Alameda. Guinarte indicou que hai paneis informativos con pintadas e noutros casos faltan carteis explicativos das especies vexetais, dos que só quedarían as estruturas de madeira que os soportaban. Segundo o edil, o estado dalgunhas peanas evidencia que a ausencia destes elementos non é recente.

Outro dos puntos mencionados foi o quiosco da entrada da Alameda pola avenida de Xoán Carlos I. Guinarte sinalou a existencia de pintadas visibles, a deterioración da rampa de acceso ao baño adaptado e a falta de información sobre os horarios das instalacións. Abal explicou, a preguntas dos medios, que o contrato do quiosco foi formalizado arredor de 2022 por un prazo de cinco anos e que incluía obrigas como o mantemento do aseo aberto, aínda que matizou que descoñece se puido producirse algunha incidencia ou resolución contractual posterior.

A concelleira socialista tamén puxo o foco nos elementos histórico-artísticos e patrimoniais do recinto. Abal lembrou que o propio Plan Director realiza un inventario destes bens e propón a súa incorporación ao catálogo urbanístico para mellorar a súa conservación, protección e xestión. A edil indicou que a aprobación definitiva do documento está pendente dun informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, trámite que, ao seu xuízo, debería completarse canto antes.

Con todo, Abal insistiu en que hai actuacións urxentes que non poden quedar á espera da aprobación definitiva do plan. Citou como exemplo a igrexa de Santa Susana, así como o deterioro doutros elementos patrimoniais da Alameda, e advertiu de que a falta de intervención pode provocar danos maiores e custos máis elevados no futuro.

Entre os elementos concretos sinalados polo PSOE figuran o paseo dos Leóns, onde as esculturas aparecen parcialmente cubertas pola vexetación e as silvas; a fonte de mármore, que segundo Abal está sen auga, sen funcionar e con sinais de falta de limpeza; e o Palco da Música, onde indicou que xa medra vexetación na parte superior da estrutura.

A concelleira advertiu de que o Palco da Música, ao tratarse dunha estrutura de madeira, require un mantemento específico para evitar problemas posteriores. “Se non se limpa, se non se conserva, túpense os desaugadoiros, podrece e despois non servirá cunha simple limpeza ou cun simple mantemento, senón que haberá que facer unha reparación”, afirmou.

Abal lembrou que todo o conxunto da Alameda é un ben de interese cultural, unha condición que, segundo sinalou, implica recoñecementos pero tamén responsabilidades de conservación. Por iso, o grupo socialista pedirá no pleno ordinario de xuño que o Goberno municipal exerza un mantemento “activo, continuado e rigoroso” mentres se completa a tramitación do Plan Director.

“Non se trata de escoller entre planificar o futuro e coidar o presente, senón de facer as dúas cousas ao mesmo tempo”, concluíu Marta Abal.

ÚLTIMAS

O Concello destina 3 millóns á compra de edificios baleiros na cidade histórica para crear vivenda pública en alugueiro

O Concello de Santiago destinará 3 millóns de euros á adquisición de edificios baleiros...

As traballadoras do téxtil avalían novas mobilizacións tras levantar a acampada trasladada a Santiago

As representantes dos traballadores do sector téxtil estudan cos persoais a definición dunha nova...

Santiago licita por 1,3 millóns a xestión e a vixilancia do centro para persoas sen fogar de Belvís

O Concello de Santiago vén de aprobar o inicio da licitación de dous contratos...

O PP de Santiago e a Fundación Andrea impulsan o primeiro Torneo Solidario Jesús Pampín

O PP de Santiago e a Fundación Andrea presentaron este mércores o I Torneo...

O arquitecto Fernando Cobos defende o “rigor” da intervención no Hostal dos Reis Católicos

O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dos...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

O COAG Santiago entrega no Teatro Principal os premios ‘PRÓXIMOS’ con oito obras compostelás recoñecidas

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia celebrou este sábado...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here