InicioSANTIAGOO centro Cretus da USC avanza no tratamento de augas para frear...

O centro Cretus da USC avanza no tratamento de augas para frear os fármacos e a resistencia a antibióticos

Unha tese de doutoramento ensaia con éxito en depuradoras reais e a escala piloto sistemas biolóxicos que eliminan máis do 90% dos contaminantes emerxentes.

Publicado o

Xornal de Compostela

O Centro de Investigación Interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais da USC (Cretus) avanza no tratamento de augas para frear a contaminación invisible e a resistencia aos antibióticos. O investigador Matías Rivadulla Cora abordou o desenvolvemento e a avaliación de sistemas innovadores para mellorar a eliminación de contaminantes emerxentes das augas residuais urbanas, concretamente, compostos farmacéuticos e xenes de resistencia antimicrobiana.

Na súa tese de doutoramento, o científico trata tanto sistemas centralizados de depuración como novas estratexias descentralizadas orientadas á reutilización segura da auga e á redución do impacto ambiental destes contaminantes. O traballo, que recibiu a cualificación de sobresaliente cum laude, foi dirixido polos catedráticos Juan Manuel Garrido Fernández e Francisco Omil Prieto, dentro do grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup).

A crecente presenza de antibióticos, analxésicos, hormonas ou xenes de resistencia nas augas residuais converteuse nun dos principais retos ambientais e sanitarios a nivel global. O aumento do seu consumo, unido ás limitacións dos sistemas convencionais de depuración, favorece a súa liberación ao medio natural e incrementa o risco de propagación de bacterias súper resistentes. Neste contexto, a Unión Europea reforzou recentemente as esixencias sobre o tratamento de augas urbanas e a súa reutilización segura.

A investigación combinou estudos en depuradoras reais coa experimentación a escala piloto na EDAR de Silvouta (Santiago de Compostela), para sistemas centralizados, e no Centro de Negocios de Porto do Molle (Nigrán) para a configuración descentralizada baseada na separación de augas negras e grises. Os resultados demostraron que os sistemas biolóxicos avanzados poden mellorar significativamente os rendementos, logrando eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos e reducindo de forma notable a presenza de bacterias resistentes sen necesidade de grandes gastos de infraestrutura.

FINANCIAMENTO

A investigación desenvolveuse no Cretus, centro da Rede CIGUS cofinanciado pola Unión Europea (Galicia FEDER 2021-2027), no marco dos proxectos europeos e nacionais PRESAGE e ANTARES, centrados no estudo de contaminantes emerxentes e novas estratexias para a protección dos recursos hídricos.

O proxecto PRESAGE está financiado a través da convocatoria internacional ERA-NET AquaticPollutants, mentres que ANTARES conta co apoio da Axencia Estatal de Investigación. Ademais, parte dos sistemas descentralizados avaliados na tese desenvólvense coa colaboración da empresa FCC Aqualia, favorecendo a transferencia de coñecemento e a aplicación práctica do estudo. Os resultados deron lugar a varias publicacións científicas en revistas internacionais de alto impacto como Science of the Total Environment, Journal of Hazardous Materials e Journal of Environmental Management.

ÚLTIMAS

Os Tédax destrúen en Santiago un proxectil que podería proceder da Guerra Civil

Especialistas do grupo de técnicos especialistas en desactivación de artefactos explosivos, os Tédax da...

Santalices exercerá por cuarta vez como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo

A Catedral de Santiago acollerá este sábado, 25 de xullo, a tradicional Ofrenda Nacional...

O PSdeG pide unha homenaxe institucional para Borja Iglesias tras proclamarse campión do mundo

O Grupo Municipal Socialista proporá que o Concello de Santiago organice unha homenaxe institucional...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Os Tédax destrúen en Santiago un proxectil que podería proceder da Guerra Civil

Especialistas do grupo de técnicos especialistas en desactivación de artefactos explosivos, os Tédax da...

Festas do Apóstolo 2026: Volve o espectáculo de luces con fogos artificiais e dez días de concertos

As festas do Apóstolo deron comezo este mércores co pregón do empresario e promotor...

Santiago terá unha nova rede de buses con 16 liñas, conexións ao rural e servizo nocturno

A nova rede de autobuses de Santiago de Compostela empezará a funcionar previsiblemente este...