InicioSANTIAGOA Alameda acolle dúas xornadas para aprender a previr incendios e actuar...

A Alameda acolle dúas xornadas para aprender a previr incendios e actuar ante emerxencias

A III Semana da Prevención de Incendios desenvolverase os días 11 e 12 de xuño con actividades abertas á cidadanía e obradoiros dirixidos especialmente a escolares

Publicado o

Xornal de Compostela

A Alameda de Santiago será o escenario os días 11 e 12 de xuño da III Semana da Prevención de Incendios, unha iniciativa impulsada polos bombeiros de Santiago en colaboración coa Fundación Mapfre e a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros, APTB. O programa inclúe actividades orientadas a mellorar a capacidade da veciñanza para identificar riscos nos fogares, nos centros de traballo ou nos espazos educativos, así como para saber como actuar ante unha situación de emerxencia.

O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, explicou que estas xornadas buscan “sensibilizar á cidadanía, axudarlle a identificar os riscos que se poden presentar nos nosos lugares cotiáns, como os nosos fogares, lugares de traballo ou colexios; e trasladarlle os coñecementos necesarios para actuar diante dunha emerxencia”.

A programación desenvolverase durante dúas xornadas na Alameda, cunha parte importante das mañás reservada para visitas de escolares. Para o alumnado organizaranse diferentes obradoiros adaptados ás crianzas, co obxectivo de introducir desde idades temperás pautas básicas de prevención e resposta ante incendios ou outros incidentes.

Un dos elementos centrais da actividade será a ‘Casiña do Fume’, unha instalación pensada para explicar, especialmente ás nenas e nenos, que deben facer se se declara un incendio nunha vivenda. A través desta proposta, os participantes poderán aprender como orientarse nun espazo cheo de fume, cales son os comportamentos máis seguros e de que maneira deben reaccionar nunha emerxencia destas características.

Ademais, a III Semana da Prevención de Incendios incluirá obradoiros de manexo de extintores, actividades de reanimación cardiopulmonar e primeiros auxilios en colaboración co 061, unha exposición de traxes de intervención e vehículos de emerxencias, así como diferentes demostracións a cargo dos bombeiros.

Na iniciativa tamén participarán Protección Civil, a Policía Local, o 061 e a Policía Nacional, nun dispositivo divulgativo que procura achegar á cidadanía o traballo dos servizos de emerxencia e reforzar a cultura da prevención.

Xan Duro lembrou que os últimos datos da Fundación Mapfre e da APTB apuntan a que no pasado inverno morreron en España 92 persoas en incendios e explosións, das cales 85 faleceron en incidentes rexistrados en vivendas. Segundo estas cifras, o 77% dos falecementos produciuse por inhalación de fume.

O edil sinalou que, malia que en Santiago non se rexistraron vítimas mortais por incendios nos últimos anos, resulta necesario manter as medidas de concienciación e formación. “É importante non baixar a garda e reforzar a prevención, xa desde a infancia”, indicou.

Duro tamén puxo en valor o traballo que realizan os bombeiros de Santiago no ámbito preventivo, tanto a través deste tipo de campañas como mediante accións de formación e divulgación dirixidas á poboación. A Semana da Prevención de Incendios volverá así á Alameda como un espazo aberto para aprender a reducir riscos e mellorar a resposta cidadá ante situacións de emerxencia.

ÚLTIMAS

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Centos de persoas protestan en Santiago contra a participación de médicos israelís nun congreso internacional

Máis de 200 persoas concentráronse este xoves en Santiago de Compostela para rexeitar a...

Fiestra Aberta reunirá en Santiago a Ataque Escampe, Grande Amore, unha homenaxe a Narf e Miguel Araújo

O ciclo musical 'Fiestra Aberta' regresará a Santiago de Compostela con tres propostas que...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here