InicioPOLÍTICAO PP propón estadías en Irlanda para alumnado de 3º da ESO...

O PP propón estadías en Irlanda para alumnado de 3º da ESO e ampliar a oferta de campamentos xuvenís en Santiago

Borja Verea presenta novas medidas centradas nas familias e nos mozos, cun programa de inmersión lingüística e unha ampliación das actividades municipais de verán

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz municipal do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, avanzou este luns dúas novas propostas dirixidas ás familias compostelás centradas nas oportunidades educativas e de lecer para a mocidade. As iniciativas forman parte dunha serie de medidas anunciadas polo PP para as próximas semanas e que, segundo explicou, buscan tanto facilitar a conciliación diaria como ampliar as posibilidades formativas dos máis novos.

Tras presentar a pasada semana propostas vinculadas ao día a día das familias, como actividades extraescolares municipais, a denominada ‘Parada Familiar’ ou unha ‘Bolsa Familiar’ na zona azul, Verea centrou nesta ocasión a súa intervención no futuro educativo e persoal dos estudantes composteláns.

A principal proposta consiste na creación dun programa municipal de inmersión lingüística en Irlanda destinado ao alumnado de 3º da ESO empadroado en Santiago. Segundo detallou, a iniciativa permitiría realizar unha estadía de tres semanas durante o verán convivindo con familias nativas e participando nunha experiencia de aprendizaxe do inglés.

Durante a súa intervención, o portavoz popular sinalou que “as oportunidades dos fillos non poden depender do peto dos pais” e defendeu que a experiencia vai máis alá da aprendizaxe dun idioma. “Aprender unha lingua é importante, pero vivir unha experiencia que che cambia a forma de ver o mundo é aínda máis importante”, afirmou.

O PP calcula un investimento situado entre 1,3 e 1,5 millóns de euros para esta medida. Segundo os datos manexados pola formación, o programa estaría aberto a estudantes con todas as materias aprobadas de 2º da ESO e permitiría a participación de todos os alumnos que o solicitasen. Verea indicou que, inicialmente, a estimación sitúase arredor dun milleiro de estudantes potenciais e cun custo aproximado entre 2.000 e 3.000 euros por alumno.

O portavoz popular explicou tamén que a intención sería que a estadía estivese cuberta integramente, aínda que deixou aberta a posibilidade de introducir pequenos axustes económicos en función da renda familiar. En todo caso, insistiu en que “ningún rapaz de Santiago quedaría fóra destes programas por ningunha cuestión”.

Xunto a esta proposta, o PP avanzou tamén unha ampliación da oferta municipal de campamentos de verán. Segundo indicou Verea, a intención é aumentar as actividades que actualmente existen fóra da cidade e crear entre nove e once campamentos distribuídos por distintos puntos de Galicia.

Entre as opcións mencionadas figuran actividades relacionadas co deporte, a natureza, a innovación ou a tecnoloxía, con propostas como surf, robótica ou experiencias culturais en espazos como a Costa da Morte ou O Courel.

Segundo os cálculos trasladados polo PP, a iniciativa permitiría pasar das aproximadamente 24 prazas actuais nun campamento exterior a arredor de 350 participantes ata os 18 anos, cun investimento estimado duns 850.000 euros.

Verea enmarcou ambas propostas nunha estratexia centrada na xuventude e nas familias e asegurou que estas actuacións son unha cuestión de prioridades políticas. Tamén sinalou que o Concello dispón dos “orzamentos máis altos da historia de Santiago”, polo que considera viable o financiamento destas medidas.

VEREA RECIBE “CON PRUDENCIA” OS DATOS DA ÚLTIMA ENQUISA ELECTORAL

Preguntado por unha recente enquisa sobre intención de voto en Santiago, Borja Verea asegurou recibir os resultados con “moita prudencia” e tamén con “moita responsabilidade”. O líder popular afirmou que as eleccións “non se gañan nas enquisas” senón “escoitando, percorrendo os barrios e presentando propostas”.

Aínda así, considerou que os datos publicados apuntan a unha tendencia favorable para a súa formación e sinalou que “cada vez máis santiagueses e santiaguesas queren abrir unha nova etapa na cidade”. Tamén asegurou que o PP manterá a mesma estratexia política, baseada —segundo indicou— na elaboración de propostas e no contacto coa cidadanía.

Esta enquisa que publicaba este pasado domingo Sondaxe para o diario La Voz de Galicia situaba ao Partido Popular a tan só un escano da maioría absulta, que acadaría un 41,2% dos votos e un total de 13 escanos, fronte a 5 do PSOE, 2 de Compostela Aberta e 7 do BNG. De darse estes resultados, Goretti Sanmartín podería volver a ser a alcaldesa da cidade, aínda que gobernando de novo en minoría co apoio de Compostela Aberta. O PSOE tamén vería reducida a súa presenza no pleno. No ano 2023 acadara un total de 6 concelleiros (aínda que logo 4 pasasen a ser non adscritos), e esta enquisa dalle un peso de 5 concelleiros. Cabería ter tamén en conta que aumenta o número total de escanos no Concello, pasando de 23 a 25.

ÚLTIMAS

O Concello licita obras na rede de abastecemento de Amio e no estadio Verónica Boquete por máis de 1,4 millóns

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns diversos acordos relacionados con...

O PSdeG denuncia incumprimentos no Pacto polo Rural e alerta do malestar nas parroquias compostelás

O Grupo Municipal Socialista de Santiago cuestionou o grao de cumprimento do Pacto Local...

A Festa do Banquete de Conxo reivindica en Santiago os valores de “liberdade, fraternidade e igualdade”

Santiago de Compostela viviu este domingo, 24 de maio, a xornada central da Festa...

O Compos golea ao Vilalbés e avanza á final galega polo ascenso

A SD Compostela conseguiu o pase á seguinte eliminatoria do play off de ascenso...

O Concello licita obras na rede de abastecemento de Amio e no estadio Verónica Boquete por máis de 1,4 millóns

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns diversos acordos relacionados con...

O PSdeG denuncia incumprimentos no Pacto polo Rural e alerta do malestar nas parroquias compostelás

O Grupo Municipal Socialista de Santiago cuestionou o grao de cumprimento do Pacto Local...

O PSdeG pide paralizar as obras da senda ciclista en Conxo e reclama unha revisión completa do proxecto

O Grupo Municipal Socialista de Santiago presentará no próximo pleno do Concello unha moción...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here