Un estudo realizado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Universidade de Cambridge, en colaboración con outras institucións europeas como o Instituto Karolinska, descubriron un novo mecanismo “fundamental” para entender como se dana e tamén como se repara o cerebro. O traballo, cofinanciado con fondos europeos e publicado na revista ‘Nature‘, demostra que as lesións na substancia branca non só son consecuencia do dano neurolóxico, “senón que poden actuar como punto de partida dunha fervenza de cambios positivos que afectan o funcionamento cerebral“.
En concreto, a substancia branca contén a mielina, unha capa que recubre as fibras nerviosas e permite que os sinais eléctricos se transmitan “con rapidez e precisión”. Cando esta mielina se perde, non só se altera a comunicación entre neuronas xa que, segundo este estudo, tamén se activa unha resposta inflamatoria no cerebro, mesmo en rexións afastadas da lesión inicial. Esta reacción pode provocar cambios na actividade neuronal e a eliminación dalgunhas conexións entre neuronas, esenciais para o funcionamento normal do cerebro, tal e como explicou a USC nunha nota de prensa.
De feito, os investigadores sinalan que este proceso non é negativo, senón que, en parte, representa un intento do propio cerebro por adaptarse ao dano e favorecer a súa reparación. “A clave está en se o cerebro consegue completar esa reparación. Cando a mielina se rexenera, a inflamación desaparece e as conexións entre neuronas recupéranse, permitindo restaurar a función normal. En cambio, se a rexeneración falla, a resposta inflamatoria vólvese crónica e o dano neuronal continúa progresando co tempo”, apunta a segunda autora do estudo e investigadora do CiMUS da USC, Andrea López.
O estudo suxire que este mecanismo axuda a entender mellor o que ocorre en enfermidades neurodexenerativas como a esclerose múltiple, o Alzheimer ou o Parkinson, nas que o cerebro non logra repararse completamente e a inflamación persiste. Así, os resultados expoñen que o obxectivo terapéutico non debería centrarse unicamente en reducir a inflamación, senón en favorecer a rexeneración da mielina para permitir que o proceso de reparación se complete. En conxunto, o estudo apunta a que potenciar a capacidade do cerebro para rexenerar a mielina podería ser unha estratexia clave para frear e mesmo reverter a deterioración asociada a distintas enfermidades neurolóxicas.

