InicioPOLÍTICAVerea acusa ao Goberno local de "inacción" en vivenda e reclama medidas...

Verea acusa ao Goberno local de “inacción” en vivenda e reclama medidas urxentes en Santiago

O portavoz do PP critica a falta de políticas públicas e cuestiona a eficacia da declaración de zona tensionada como solución ao problema habitacional

Publicado o

Xornal de Compostela

O portavoz do Partido Popular en Santiago, Borja Verea, centrouse esta mañá na situación da vivenda na cidade, que cualificou como “o principal problema” para mozos e familias, ao tempo que criticou a xestión do executivo municipal encabezado por Goretti Sanmartín.

Segundo expuxo, o goberno local leva tres anos sen desenvolver medidas efectivas neste ámbito, asegurando que “nin se construíu unha soa vivenda pública nin se puxo en marcha ningún alugueiro público municipal”. Verea sostivo que a política de vivenda do executivo se basea na “inacción, sen planificación nin medidas concretas”, e reduciu a súa actuación á proposta de declaración de zona tensionada.

O dirixente popular afirmou que esta figura non resolve o problema e puxo como exemplo outras cidades. Indicou que, segundo os seus datos, na cidade da Coruña o número de vivendas en alugueiro reduciuse significativamente tras a súa aplicación, ao pasar de máis de setecentas a pouco máis de trescentas nun período de meses, o que atribuíu á retirada de inmobles do mercado por parte dos propietarios.

Verea tamén cuestionou o uso do solo municipal, acusando ao goberno de “mercantilizar o solo público” mediante a súa venda ao sector privado. Segundo sinalou, esta política tería como consecuencia un incremento dos prezos das vivendas. En contraposición, defendeu a cesión de terreos á Xunta de Galicia para a construción de vivenda pública, asegurando que este modelo permitiría reducir custos para a cidadanía.

Neste sentido, comparou dous escenarios: mentres que un piso de arredor de 80 metros cadrados podería acadar, segundo indicou, un prezo de 180.000 euros no modelo actual, situaríase en torno aos 100.000 euros baixo un sistema de promoción pública autonómica.

O portavoz popular tamén fixo referencia ao rexistro de soares municipais, do que destacou que “o resultado é unha única vivenda expropiada”, sen que se teñan producido avances noutros proxectos anunciados, como o das vivendas en Mazarelos.

PROPOSTA DO PP

Durante a súa intervención, Verea presentou varias propostas en materia de vivenda, entre as que destacou a creación dun banco público de alugueiro, no que o Concello actuaría como intermediario entre propietarios e inquilinos con rendas sociais. Tamén mencionou a necesidade de impulsar vivendas específicas para persoas maiores con servizos compartidos, permitir o uso residencial de baixos en zonas como Conxo e Santa Marta, e activar unha empresa pública de vivenda.

Outras medidas inclúen bonificacións fiscais como a do IBI, a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para facilitar a construción e a cesión de parcelas públicas á administración autonómica para promocións de vivenda protexida.

SITUACIÓN POLÍTICA MUNICIPAL

Preguntado pola posibilidade dunha moción de censura, Verea sinalou que non percibe ese escenario na actualidade. Lembrou contactos previos con concelleiros non adscritos e afirmou que, tras o debate recente sobre a cuestión de confianza, considera que as forzas da oposición optaron por manter o actual goberno.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here