InicioPOLÍTICAO Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da...

O Concello prevé mellorar a conectividade do aeroporto tras a reapertura da pista e critica a falta de coordinación da Xunta

Louzao asegura que a caída de pasaxeiros responde á retirada de rutas de Ryanair e defende unha estratexia baseada na diversificación de compañías

Publicado o

Xornal de Compostela

A portavoz do Goberno local de Santiago, Míriam Louzao, afirmou que a actual caída de pasaxeiros no aeroporto Rosalía de Castro responde á retirada de rutas por parte de Ryanair, unha situación que cualificou como “prevista” e que, segundo indicou, se manterá de forma constante ata a reapertura da pista tras as obras en curso.

Louzao explicou que a baixada coincide co volume de usuarios que empregaban as conexións eliminadas pola aeroliña, polo que rexeitou interpretar os datos como un empeoramento progresivo. “Non é que o aeroporto vaia a peor cada mes, senón que estamos nunha situación constante derivada desa retirada de rutas”, sinalou.

A pesar desta tendencia, destacou como dato positivo o incremento de 1.500 pasaxeiros no tráfico internacional no último mes, que atribuíu á nova orientación estratéxica do aeroporto. Neste sentido, defendeu a necesidade de reducir a dependencia dunha única compañía, que chegou a concentrar máis do 50% do tráfico.

Segundo avanzou, tras a reapertura da pista, o aeroporto contará con 34 conexións e mellorará a súa conectividade global, incluíndo enlaces directos con principais hubs europeos e con Nova York, o que permitirá “por primeira vez conectar directamente con tres continentes”.

En relación coa coordinación aeroportuaria en Galicia, Louzao criticou que o Concello tivese coñecemento da convocatoria dunha nova reunión a través dos medios de comunicación e non por canles institucionais. “Non entendemos esta falta de lealdade institucional”, afirmou.

A responsable municipal insistiu en que a Xunta de Galicia debe liderar as negociacións coas compañías aéreas, tal e como ocorre noutros territorios, e cuestionou a contía anunciada polo Goberno autonómico para apoiar rutas. Segundo indicou, as achegas previstas, de arredor de 100.000 euros por ruta, son “absolutamente insuficientes” en comparación co esforzo económico do Concello, que destina máis de 1,1 millóns de euros a este ámbito.

Finalmente, Louzao reiterou a disposición do Concello a participar nos espazos de coordinación e negociación, aínda que reclamou maior implicación da Xunta e unha comunicación directa entre administracións para abordar o futuro do sistema aeroportuario galego.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here