InicioSOCIEDADERosa Crujeiras convértese na primeira reitora da USC cunha gran “responsabilidade histórica"

Rosa Crujeiras convértese na primeira reitora da USC cunha gran “responsabilidade histórica”

Chama a construír unha universidade que impulse unha "transformación profunda" e que non sexa "allea" ao "tempo" no que está

Publicado o

Xornal de Compostela

A catedrática de Estatística Rosa Crujeiras tomou posesión este venres como nova reitora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e asumiu o cargo como unha “responsabilidade histórica”, ao converterse na primeira muller que o ocupa en máis de 500 anos de historia da institución. O fito esténdese, ademais, ao conxunto de Galicia, xa que ningunha muller estivera até o de agora á fronte de ningunha das tres universidades galegas. O xa exreitor, Antonio López, cedeulle o bastón de mando nun acto institucional presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrado no Salón Nobre do Pazo de Fonseca e ao que asistiron numerosas autoridades do ámbito político e académico.

No seu discurso, Crujeiras chamou a impulsar “unha transformación profunda, serena e consciente” da USC, capaz de “revisar inercias” e “repensar prioridades”. Tamén instou a que a universidade non sexa “allea” nin ás “vidas da súa comunidade” nin ao “tempo” que lle toca vivir, marcado por “conflitos, desigualdades e fracturas”. Deste xeito, a nova reitora reivindicou o “espazo, tempo e voz” da universidade, pero tamén o das mulleres, coas que asumiu o compromiso de traballar para que non atopen teitos de cristal e para que o traballo universitario non implique “renuncias” para elas.

“Para min, esta é, tamén, unha responsabilidade histórica. Son herdeira, como todas, doutras que abriron camiño antes ca nós, en condicións sempre máis adversas, sostendo o ensino, a investigación e a vida universitaria desde posicións subordinadas”, expresou. Crujeiras situou como un “principio irrenunciable” a defensa do feminismo, dos dereitos humanos, da dignidade das persoas e dos valores democráticos.

Tamén reclamou para a comunidade universitaria unha “voz de valores” que se traduza en accións fronte a problemas sociais como a “emerxencia social” da vivenda, a saúde mental ou a violencia machista. Na súa reivindicación da “voz” universitaria, ocupou un lugar central a lingua galega, que, segundo defendeu, “non limita a vocación universal” da institución. Outro dos compromisos que asumiu de cara ao seu mandato foi a “cooperación activa” no marco do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e coa propia Xunta para, deste xeito, “reforzar o papel” da USC.

“FILLA DO ENSINO PÚBLICO”

A centralidade de atender as necesidades “de quen dá vida” ás aulas atravesou toda a intervención da nova reitora. “A universidade pública non pode ser allea ao que sucede nas vidas da súa comunidade, nin ao contexto social e xeopolítico no que estas se desenvolven, pois é neste marco onde tamén se constrúe a cidadanía e se proxectan as traxectorias persoais e colectivas”, afirmou.

Crujeiras reiterou así a súa reivindicación como “filla do ensino público”, desde a escola rural de Artes, a parroquia de Ribeira na que naceu, até a propia USC. Para ela, o “sentido máis profundo” da universidade pública é “garantir a igualdade de oportunidades” e facer posible que todas as persoas poidan desenvolver o seu potencial “con independencia da súa orixe”. Ademais, asegurou contar coa “certeza” de que terá ao seu carón “toda unha comunidade universitaria”, chamada a construír “un espazo compartido” que sexa exemplo de “acollida, inclusión, igualdade e respecto”.

O “ADEUS” DE ANTONIO LÓPEZ

O acto serviu tamén como despedida definitiva de Antonio López, que exerceu como reitor durante oito anos. Aínda que recoñeceu vivir este momento con “sentimentos diferentes” aos da súa toma de posesión, asegurou que este traspaso de poderes foi un dos episodios “máis felices” da súa traxectoria, pola “satisfacción do deber cumprido” e pola “infinita gratitude” coa que pecha esta etapa. Con esas palabras, dixo sentir como unha “honra” entregarlle a Rosa Crujeiras o bastón e a medalla “como símbolos do goberno universitario”. “Será a centésima septuaxésimo terceira [173ª]. Non está mal un número primo para unha matemática”, chanceou.

Do mesmo xeito que fixera a nova reitora, López lembrou tamén o resto de candidatas ao posto —Maite Flores, Alba Nogueira e María José López Couso— e subliñou que, desde o inicio da campaña, xa se intuía que o cargo ía ser ocupado por unha muller. Neste sentido, mostrou o seu desexo de que, a partir de agora, ese feito deixe de ser “noticia” e que a presenza das mulleres se converta en algo natural tamén no máximo nivel de goberno da institución.

RUEDA PIDE “ESFORZOS CONXUNTOS”

Pola súa parte, Alfonso Rueda, encargado de pechar o acto, agradeceu os “esforzos” realizados por Antonio López durante o seu mandato, a quen definiu como un “negociador esixente”, pero tamén “con moita lealdade”. Así mesmo, reclamou “esforzos conxuntos” ao novo equipo de goberno para afrontar os retos inmediatos da universidade galega. Entre eles, mencionou de forma expresa a vivenda, o mapa de titulacións —un asunto que, segundo dixo, “require altura de miras”— e a excelencia académica. “Todos queremos o mesmo, que á universidade lle vaia ben”, concluíu.

ÚLTIMAS

Felipe Arias Vilas é elixido presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego, con sede en Santiago de Compostela, inicia unha nova...

A Xunta recibe 12 ofertas para construír 79 novas vivendas públicas en Ames

A Xunta de Galicia recibiu 12 ofertas de empresas interesadas en executar a construción...

Centos de persoas maniféstanse en Santiago contra as cargas policiais da Coruña

Centos de persoas saíron este venres ás rúas de Santiago de Compostela para protestar...

Santiago selecciona a empresa que xestionará a plataforma loxística da Cidade Histórica, que comezará a funcionar a principios de 2027

A alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín, anunciou este venres que a empresa Kibus Distribución...

Un ensaio clínico desenvolvido en Santiago logra un premio internacional por investigar un tratamento para a enfermidade de Crohn

Unha investigación realizada integramente en Santiago de Compostela conseguiu un recoñecemento internacional polos seus...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...