InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello de Santiago declara en ruína unha vivenda en Caramoniña e...

O Concello de Santiago declara en ruína unha vivenda en Caramoniña e sácaa a poxa pública

O inmoble, abandonado durante 14 anos, incorpórase ao Rexistro de Soares para impulsar a súa rehabilitación

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago acordou a declaración de ruína dunha vivenda situada no número 1 da rúa Caramoniña, nun ámbito próximo á residencia Porta do Camiño e ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), e a súa incorporación ao Rexistro de Soares co obxectivo de proceder á súa saída a poxa pública.

Segundo consta no expediente municipal, o inmoble conta cunha valoración inicial de 64.561,40 euros para a súa venda forzosa. Trátase ademais dun edificio catalogado, polo que a normativa galega en materia de patrimonio cultural establece a obrigación de garantir a súa conservación.

O informe técnico recollido no procedemento sinala que “non se fixo ningunha actuación para reverter o estado da edificación e segue en situación de ruína”, ao tempo que indica que “o edificio permaneceu abandonado durante os últimos 14 anos”.

A vivenda fora xa declarada en ruína no ano 2023, mais desde entón, segundo o Concello, a propiedade non realizou actuacións para cumprir co deber de rehabilitación nin para destinalo a un uso compatible coa normativa urbanística. Ante esta situación, o goberno local xustifica a súa inclusión no Rexistro de Soares ao abeiro do establecido no artigo 137 da Lei do Solo de Galicia.

Esta actuación enmárcase na política municipal de mobilización de inmobles abandonados. Así, en marzo de 2025, o executivo acordou a venda forzosa mediante poxa pública de catro edificios incluídos previamente no rexistro, un proceso que xa deu resultados no caso do inmoble do número 33 da rúa Espírito Santo, adxudicado en setembro de 2025 e cuxa acta de ocupación se asinou en febreiro de 2026, converténdose no primeiro caso executado por esta vía.

Pola súa banda, os outros tres inmobles afectados por aquel acordo atópanse pendentes dun recurso contencioso, mentres o Concello avanza a súa intención de seguir incorporando novas propiedades ao rexistro.

En paralelo, durante o primeiro trimestre de 2026, o Concello concedeu licenzas de obra maior para a rehabilitación integral de cinco edificios que levaban anos sen uso. Entre eles figuran dous inmobles no número 19 de Casas Reais, así como outros situados no número 9 de Santo Agostiño, no número 12 da Travesa de San Paio de Antealtares, no número 13 de Loureiros e no número 35 de Castrón Douro.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

A Catedral de Santiago e San Martiño Pinario abrirán as súas bibliotecas ao público con visitas guiadas este venres

O patrimonio bibliográfico de Santiago de Compostela será protagonista este venres 23 de outubro,...

Santiago acollerá en 2027 o Foro Consultivo Anual dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa

Santiago de Compostela será a sede en outubro de 2027 do Foro Consultivo Anual...