InicioPOLÍTICAO PSdeG denuncia a “parálise” na xestión dos aparcadoiros de Praza de...

O PSdeG denuncia a “parálise” na xestión dos aparcadoiros de Praza de Galicia e Praza de Vigo

Marta Abal critica a falta de avances na comisión de estudo e cuestiona as previsións económicas do Goberno municipal

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Santiago, Marta Abal, denunciou a situación de “parálise e falta de transparencia” na xestión dos aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, ao considerar que o Goberno municipal non avanzou na definición dun modelo tras o remate das concesións.

Segundo explicou, a comisión de estudo creada o 25 de abril de 2025 para analizar alternativas de xestión non volveu reunirse desde a súa constitución, malia que o seu regulamento establecía encontros trimestrais. “Non se volveu reunir nin unha soa vez”, sinalou, lembrando que deberían terse celebrado sesións en xullo e outubro de 2025 e en xaneiro de 2026.

A edil socialista criticou tamén a falta de información sobre a contratación dunha consultaría externa, destinada a avaliar opcións de xestión. “O Goberno municipal non deu conta das empresas ás que solicitou orzamento nin das seleccionadas”, indicou, ao tempo que advertiu de que tampouco se fixeron públicos os resultados dun contrato menor formalizado en xuño de 2025 cun prazo de execución de dous meses.

Neste contexto, Abal cualificou a situación de “crítica e alarmante”, tendo en conta que a concesión do aparcadoiro da Praza de Galicia xa finalizou en xullo de 2025 e que a da Praza de Vigo rematará en outubro deste ano, sen que exista unha proposta definida para a súa xestión.

A concelleira puxo tamén o foco nas previsións económicas recollidas no proxecto de orzamentos municipais, que estiman uns 700.000 euros de ingresos vinculados a estes aparcadoiros. “Son previsións que non teñen respaldo real”, afirmou, ao considerar que non se especifica cando comezarían a xerarse nin se contemplan os custos asociados ao servizo. Neste sentido, lembrou que o propio informe económico-financeiro xa cuestiona estas estimacións.

Ademais, indicou que o orzamento non recolle gastos de persoal, mantemento nin investimentos, nin tampouco contempla o escenario de que a xestión poida recaer na empresa pública Tussa. “Non hai modelo de xestión definido, pero si ingresos previstos”, resumiu.

En relación coa Praza de Vigo, Abal advertiu de que a súa situación é “especialmente preocupante”, destacando que se trata dun dos aparcadoiros con prezos máis elevados da cidade, especialmente en estancias curtas, malia o seu emprazamento no Ensanche. A concelleira subliñou o seu potencial para “apoiar e dinamizar o comercio da zona”, e alertou do risco de que poida derivar nunha situación semellante á da Praza de Galicia.

Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista reclamou a convocatoria urxente da comisión de estudo para que o Goberno municipal informe dos avances realizados, presente os resultados dos estudos encargados e defina un modelo de xestión.

Estamos ante unha oportunidade clave para mellorar un servizo importante para a cidade e para dinamizar o comercio, pero o que hai hoxe é falta de planificación, de transparencia e de decisións”, concluíu Abal.

ÚLTIMAS

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Santiago pide a Augas de Galicia unha valoración técnica sobre a evolución da vertedura de Tordoia

O Concello de Santiago solicitou por escrito a Augas de Galicia información detallada sobre...

Pacientes do CHUS denuncian un “colapso” permanente nos accesos ao Clínico

A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciou o “colapso” permanente dos accesos...

A CIG anuncia mobilizacións contra Monbus e reclama a readmisión dun traballador despedido tras a folga en Santiago

A CIG anunciou novas mobilizacións e accións penais contra o grupo Monbus para reclamar...

Pedro Blanco inicia unha rolda polos barrios de Santiago para elaborar propostas coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, iniciou este martes '#ConversasDeBarrio', unha...

Verea comprométese a reducir a 30 días o pagamento aos provedores no primeiro ano de mandato

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, volveu situar os prazos de...

O Concello contratará un préstamo de 2,97 millóns e abre 90.000 euros en axudas para asociacións veciñais

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o expediente para contratar...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here