InicioPOLÍTICAO Goberno local defende o cumprimento do Pacto polo rural fronte ás...

O Goberno local defende o cumprimento do Pacto polo rural fronte ás críticas

Pilar Lueiro reivindica o incremento de investimento e servizos no rural mentres o grupo socialista denuncia a falta de avances reais tres anos despois da súa aprobación

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno municipal de Santiago reafirma o seu compromiso co ‘Pacto polo rural’, un documento subscrito por todas as forzas políticas e vixente até o ano 2030. Así o defendeu a concelleira de Medio Rural, Pilar Lueiro, quen asegurou que o executivo local está a “superar o pactado” tanto en investimento como en desenvolvemento de actuacións.

Segundo explicou, nos últimos anos ampliáronse servizos, reforzouse a información e participación veciñal e incrementouse o mantemento das infraestruturas. Lueiro sinalou que o déficit histórico de servizos no rural compostelán está a ser corrixido progresivamente, a pesar da dispersión territorial que caracteriza o municipio e que, segundo indicou, obriga a realizar un esforzo inversor superior ao da zona urbana.

Neste sentido, destacou que o investimento por habitante no rural é superior ao urbano, cunha concentración de recursos destinada a mellorar infraestruturas básicas. No exercicio 2025, a Concellería de Medio Rural executou directamente o 1,75% do orzamento municipal e comprometeu un gasto próximo aos cinco millóns de euros.

A responsable municipal tamén subliñou que a actuación do Goberno se basea nunha estratexia de prioridades, centrada en obras que beneficien ao maior número de veciños e veciñas. Entre os exemplos, citou os proxectos de abastecemento en Aradas e Asa Bugueira, destinados a mellorar a presión da rede e ampliar o servizo a novas zonas.

Lueiro fixo referencia tamén a avances en materia urbanística e de servizos, como a modificación das condicións para a construción de vivendas en determinados núcleos ou o arranxo de escolas con servizo de comedor, que se ampliará co programa de madrugadores no vindeiro curso. Ademais, destacou o compromiso de implantar un transporte rural, unha demanda histórica que, segundo afirmou, “nunca existiu” ata agora.

A concelleira incidiu en que o rural constitúe un dos eixos da acción do Goberno local e reivindicou este ámbito como un espazo que “compre poñer en valor con orgullo”. “Este Goberno vai cumprir”, afirmou, reiterando a vixencia do pacto até 2030.

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN “FALTA DE AVANCES”

Pola súa banda, desde o Grupo Municipal Socialista, a concelleira Marta Abal ofreceu unha valoración crítica da situación e denunciou a “falta de avances no cumprimento do Pacto polo rural” máis de tres anos despois da súa aprobación. Segundo indicou, esta situación evidencia “unha clara falta de compromiso do Goberno municipal co rural de Santiago”.

Abal apoiou as súas críticas nas valoracións da Federación de Asociacións Veciñais do Rural (FERUSA), que, segundo afirmou, sinala que “non houbo avances reais” na execución dos compromisos adquiridos. A edil socialista puxo o foco na situación dos servizos básicos e advertiu de que “só 70 dos 215 núcleos rurais contan con saneamento e abastecemento”, o que cualificou como unha “desigualdade inaceptable”.

Neste contexto, o grupo socialista reclamou un cambio de rumbo na política municipal, cunha planificación concreta e prazos definidos. “Sen feitos nin prazos, o Pacto polo rural queda nunha declaración de intencións sen efectos reais”, afirmou Abal, quen insistiu na necesidade de garantir igualdade de oportunidades para a veciñanza do rural en ámbitos como a mobilidade, os servizos e o desenvolvemento económico.

ÚLTIMAS

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santiago vive un multitudinario Día de Galicia entre tradición, política e festa

Como cada 25 de xullo, Santiago de Compostela celebrou o Día Nacional de Galicia...

O arcebispo de Santiago chama a recoñecer a dignidade de toda persoa na Ofrenda ao Apóstolo

O arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, fixo un chamamento este 25 de xullo...

Liño, artesanía galega e memoria feminina no traxe da alcaldesa de Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, escolleu para os actos institucionais do 25 de...

O PSdeG esixe incorporar a VOLABAN ao Padroado do Refuxio de Bando tras máis dun ano de demora

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes unha proposta para...

Os non adscritos retiran a demanda contra o PSOE pola súa expulsión

Os catro concelleiros non adscritos de Santiago de Compostela --Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños, Milagros...

Escarlata Pampín, candidata do BNG en Ames para “recuperar o impulso e o avance”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este mércores na presentación de Escarlata...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here